martes, 3 de febrero de 2015

COMEDOR ESCOLAR

Non só de pan vive o home… nin de patacas fritidas os rapaces.

No comedor do noso colexio xantan a diario un alto número de alumnos.
 Non tíñamos dúbidas respecto da calidade dos menús; por curiosidade, decidimos poñernos en contacto con un nutricionista para que nos fixese unha análise deses menús que se elaboran e serven no comedor do CPI Camiño de Santiago, xa que ninguén mellor ca un profesional pode constatalo. A dicir verdade, non agardábamos ningún tipo de sorpresa, pero aínda así o resultado foi moi grato para nós, xa que constatamos a calidade que xa intuíamos neles.

Por eso queremos resaltar o traballo de todo o persoal de cociña e comedor do CPI Camiño de Santiago, que co orzamento do que dispoñen segundo a bolsa de comedores son capaces de facer un traballo realmente salientable.

No recreo, todos os alumnos e alumnas teñen ao seu dispor pezas de froita variada que poden coller e comer libremente. E, anque pareza algo do máis normal, podemos afirmar que son moi poucos os colexios que ofertan esta merenda de media mañán, que en moitos centros consideran un luxo.
Á hora do xantar elaboran sempre uns menús equilibrados, nos que prevalecen os pratos de pota e culler sobre os fritidos. De primeiro hai sempre un prato de verduras ou legumes, e de segundo vaise alternando carne, peixe e pastas; todas as semanas hai peixe alomenos dous días. O postre soe ser iogur ou froita.
Menús con un gran aporte de vitaminas e proteínas, e baixos en graxas e calorías.
(Por poñer un exemplo, a pataca fritida ten 7 veces máis calorías ca cocida, e debe ser, daquela, unha comida esporádica pero non habitual nos nosos menús.)

É certo que se se lle deixase escoller ós rapaces xantarían todos os días patacas fritidas, pizzas e pasteliños de chocolate; de igual xeito que, se lles désemos a elixir, escollerían xogar toda a tarde coa videoconsola ou no parque cos amigos, no canto de facer os deberes… son rapaces.

Tamén é verdade que un día a comida pode gustarlles máis e outros menos… coma na casa; pero o que non pode discutirse é que os rapaces dispoñen a diario dun menú equilibrado, ben confeccionado, san e saudable, e que debe servirlles tamén para aprender a comer de todo e non só aquelo que lles gusta. Neste sentido as nais e pais temos, sen dúbida, a nosa parte de responsabilidade, e o comedor escolar pode ser unha moi boa axuda para que os hábitos na casa sexan tamén os correctos. Aproveitémola.

Dende aquí, os nosos parabéns a todo o persoal da cociña e do comedor do colexio.
Premendo aquí podedes ver un resumo do estudo feito.
Na web do colexio  tedes fotos dalgúns menús dos nenos de infantil (de 3 a 6 anos) para que vaiades abrindo boca.



0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada