martes, 3 de febrero de 2015

COMEDOR ESCOLAR

Non só de pan vive o home… nin de patacas fritidas os rapaces.

No comedor do noso colexio xantan a diario un alto número de alumnos.
 Non tíñamos dúbidas respecto da calidade dos menús; por curiosidade, decidimos poñernos en contacto con un nutricionista para que nos fixese unha análise deses menús que se elaboran e serven no comedor do CPI Camiño de Santiago, xa que ninguén mellor ca un profesional pode constatalo. A dicir verdade, non agardábamos ningún tipo de sorpresa, pero aínda así o resultado foi moi grato para nós, xa que constatamos a calidade que xa intuíamos neles.

Por eso queremos resaltar o traballo de todo o persoal de cociña e comedor do CPI Camiño de Santiago, que co orzamento do que dispoñen segundo a bolsa de comedores son capaces de facer un traballo realmente salientable.

No recreo, todos os alumnos e alumnas teñen ao seu dispor pezas de froita variada que poden coller e comer libremente. E, anque pareza algo do máis normal, podemos afirmar que son moi poucos os colexios que ofertan esta merenda de media mañán, que en moitos centros consideran un luxo.
Á hora do xantar elaboran sempre uns menús equilibrados, nos que prevalecen os pratos de pota e culler sobre os fritidos. De primeiro hai sempre un prato de verduras ou legumes, e de segundo vaise alternando carne, peixe e pastas; todas as semanas hai peixe alomenos dous días. O postre soe ser iogur ou froita.
Menús con un gran aporte de vitaminas e proteínas, e baixos en graxas e calorías.
(Por poñer un exemplo, a pataca fritida ten 7 veces máis calorías ca cocida, e debe ser, daquela, unha comida esporádica pero non habitual nos nosos menús.)

É certo que se se lle deixase escoller ós rapaces xantarían todos os días patacas fritidas, pizzas e pasteliños de chocolate; de igual xeito que, se lles désemos a elixir, escollerían xogar toda a tarde coa videoconsola ou no parque cos amigos, no canto de facer os deberes… son rapaces.

Tamén é verdade que un día a comida pode gustarlles máis e outros menos… coma na casa; pero o que non pode discutirse é que os rapaces dispoñen a diario dun menú equilibrado, ben confeccionado, san e saudable, e que debe servirlles tamén para aprender a comer de todo e non só aquelo que lles gusta. Neste sentido as nais e pais temos, sen dúbida, a nosa parte de responsabilidade, e o comedor escolar pode ser unha moi boa axuda para que os hábitos na casa sexan tamén os correctos. Aproveitémola.

Dende aquí, os nosos parabéns a todo o persoal da cociña e do comedor do colexio.
Premendo aquí podedes ver un resumo do estudo feito.
Na web do colexio  tedes fotos dalgúns menús dos nenos de infantil (de 3 a 6 anos) para que vaiades abrindo boca.



domingo, 25 de enero de 2015

RESULTADOS DA PROBA DE CAMPO A TRAVÉS

Este pasado sábado, día 24, celebróuse na Alameda de Santiago a Segunda Xornada do Campionato Intercomarcal Escolar de Campo a Través, na que houbo unha numerosa participación de rapaces e rapazas do CPI Camiño de Santiago. Queremos darlle a nosa noraboa a todos eles porque o fixeron, sen dúbida, o mellor que puideron. Moi especialmente os nosos parabéns para Jorge Vázquez Corral e Xoel Blanco Parga, que foron séptimo e quinto, respectivamente, nas súas probas, e están clasificados para a seguinte xornada que se celebrará o vindeiro mes de febreiro na Pobra do Caramiñal. Tamén destacamos a actuación dos nosos rapaces de categoría alevín masculino, que clasificaron terceiros na clasificación por equipos e, polo tanto, obtiveron premio.
Tamén foi moi meritoria e destacable a carreira de Sara Vázquez Corral, xa que foi a nosa única representante na categoría alevín feminino, e a pesares de correr sen o apoio de ningunha compañeira rematou no decimocuarto posto.
Tedes todos os resultados premendo aquí.
Animamos a todos e a todas, rapaces e rapazas, pais e nais, a que sigan disfrutando deste bonito deporte, no que só a participación neste tipo de xornadas xa é un premio.



martes, 13 de enero de 2015

CAMPIONATO ESCOLAR CAMPO A TRAVES.

Como sabedes, o pasado mes de decembro celebróuse na carballeira da Madalena a primeira proba eliminatoria do Campionato Escolar de Campo a Través.
A actuación dos nosos rapaces e rapazas foi máis ca sobresaínte, e á parte dos que conseguiron a clasificación de xeito individual para a seguinte proba, tamén se clasificaron por equipos en todas as categorías.
A seguinte proba será o vindeiro sábado 24 de xaneiro, na Alameda de Santiago.
Premendo aquí tedes a listaxe de todos os clasificados, e neste enlace os horarios da proba.
Se algún dos rapaces non pode asistir comunicádello a Iván Sanmartín, responsable de deportes do Concello de O Pino, xa que hai nenos en lista de espera que cubrirían esas baixas.