martes, 15 de julio de 2014

Proposta da Administración e decisión da Asemblea

Como sabedes, o pasado mércores, día 9 de xullo, celebruse unha reunión entre membros da ANPA do CPI Camiño de Santiago, o Alcalde, Manuel Taboada, a Concelleira de Educación, Eva Varela, membros da Dirección do colexio co Xefe Territorial da Consellería de Educación, D. Indalecio Cabana, o Xefe de Inspección, D. Fermín Álvarez, e o Inspector de zona, D. Rodrigo Porral.
Nesa reunión confirmouse que, da proposta inicial da administración de desprazar 4 prazas de profesorado definitivas do centro (unha en primaria e tres en secundaria), a praza de primaria e unha das de secundaria (a correspondente á asignatura de Lengua Castellana) xa non serán desprazadas. É dicir, quedarían no colexio eses dous mestres. Con respecto ás outras dúas prazas definitivas de secundaria que a Consellería quere desprazar este ano, a administración propuxo o seguinte compromiso: 
“Desprázanse 2 profesores con praza definitiva no centro por falta de horario, en concreto un de inglés e un de matemáticas. Ante a solicitude da ANPA pola falta de espacios, a Xefatura Territorial comprométese a estudiar a petición e informala favorablemente á Consellería”.
Este compromiso consistiría, en palabras dos representantes da administración, no envío de dous mestres provisionais para cubrir as prazas dos dous desprazados. “A xefatura territorial tamén se compromete a informar favorablemente as solicitudes de contratos programa que se soliciten dende o Centro”, para poder facer os reforzos que ata o de agora viña facendo a plantilla de mestres asignada ó colexio.
Esta proposta foi recollida pola dirección da ANPA, que a trasladou á asemblea de nais e pais celebrada na mesma tarde do mércores día 9, na que se decidíu pospoñer a toma dunha decisión definitiva ata unha nova asemblea a celebrar o luns 14 de xullo. Seguidamente, a dirección da ANPA puxo a proposta da administración por escrito e presentouna por rexistro para a Consellería, ademáis de enviala por correo electrónico á Xefatura Territorial. 
Onte, na asemblea que tivo lugar ás 20:00 horas no centro, os pais e nais de alumnos do CPI Camiño de Santiago decidiron que se aceptaría a proposta da administración sempre e cando lles sexa remitida e confirmada por escrito no prazo de dous días, xa que no momento de celebrar a asemblea non se tiña constancia de que a Consellería tivese fallado favorablemente esa proposta. 
O colectivo de nais e pais volverá celebrar unha nova asemblea o vindeiro mércores 16 de xullo, ás 20:00 horas, dispostos a retomar as mobilizacións no caso de que administración non lles teña dado antes unha reposta positiva.


0 comentarios:

Publicar un comentario