domingo, 6 de julio de 2014

O MANIFESTO QUE LEMOS NA MANIFESTACIÓN

É gratificante ver a resposta que está a dar a xente de O Pino á petición de axuda que lanzamos os pais e nais do colexio. Porque iso é o que vos pedimos: a vosa axuda e a vosa solidariedade para que non nos quiten o que por dereito nos corresponte. Por iso, antes de seguir, queremos darvos as grazas en nome de todos os pais e nais de alumnos do CPI. 
Porque o que están intentando facer con nós é un atropelo, un sinsentido e unha barbaridade. Recortar catro mestres con praza fixa no centro non é calquera cousa: é mermar as posibilidades dos rapaces e rapazas de O Pino de ter unha educación de calidade. 
É que non son 4 mestres que pidamos por capricho, ou foran provisionais ata agora. É que son catro mestres fixos do centro, que se fixeron falta estes anos, máis falta farán agora que se está a incrementar a matrícula de alumnos no centro. 
Temos rapaces que precisan clases de reforzo ou atención especial, e hai que darlla, como se está a facer ata o de agora aquí. Se nos quitan catro mestres non poderán facerse eses reforzos. En qué situación quedarán eses rapaces?
Como dixemos, nós non estamos a pedir mestres por capricho. Estamos a pedir o que temos e é noso. Non pedimos nin máis nin menos. Pedimos o que temos. É curioso que a propia Administración que nos pide xuntar aulas é a mesma que acaba de aprobar unha Lei para separalas. Na LOMCE prevese a división de terceiro e cuarto da ESO en dous itinerarios distintos, un vencellado á FP (Formación Profesional) e outro ó Bacharelato. Qué vaI pasar, daquela, cando uns rapaces collan un itinerario e outros outro? Van estar separados, con mestres distintos... pero xuntos na mesma aula? Que nolo expliquen porque non o entendemos.
A mesma Administración que vén de aprobar o decreto do Plurilingüismo quere agora quitarnos un mestre de Inglés e eliminar a Sección Bilingüe, que leva funcionando con éxito  no noso colexio dende hai anos. Que nolo expliquen, porque non o entendemos. 
A mesma Administración que prevé desdobres de aulas nas asignaturas troncais cando haxa máis de vinte alumnos nun curso, quere que metamos a 30 rapaces nunha soa aula. Que nolo expliquen porque non o entendemos. 
E non o entendemos porque non ten explicación. Porque o que queren facer no noso colexio é un recorte inxustificado. Un ataque ós dereitos dos nosos fillos e fillas, que nos afecta a todos os veciños do Concello, teñan ou non rapaces no centro. Porque a educación é un pilar básico para a sociedade. 
E alomenos, aquí, en O Pino, non imos pasar por esas... Coa forza de todos, coa vosa forza, conseguiremos o que merecemos e o que merecen os vosos fillos e fillas, os vosos netos e netas: unha educación de calidade para que poidan ter as mesmas oportunidades que os demais. 
Grazas pola vosa axuda!








0 comentarios:

Publicar un comentario