viernes, 4 de julio de 2014

NOVIDADES E NOVA MANIFESTACIÓN

Hoxe venres, tal e como vos anunciamos onte, realizamos unha nova concentración nas inmediacións do CPI Camiño de Santiago, para continuar coa nosa reivindicación do mantemento do cadro docente do pasado curso para o novo ano lectivo. De novo queremos agradecer a importante presenza das familias, implicadas ó 100% nesta “loita”. Unhas reivindicacións que, tal e como decidimos hoxe, van continuar o vindeiro domingo. 
Está convocada para ESTE DOMINGO (día 6) unha MANIFESTACIÓN que partirá dende o CPI Camiño de Santiago. Estades todos convocados alí ás 11:30 horas. Iremos por diferentes rúas de Arca para rematar lendo un comunicado ante o edificio do Concello. 
Queremos compartir tamén con vós unha información que nos chegou este mediodía. Porque xa se produciron os primeiros movementos institucionais.Tras unha reunión mantida pola Dirección do centro con diferentes representantes educativos (non permitiron a nosa presenza), transmitiusenos o que eles (responsables educativos) consideraban unha “solución”: o mantemento dunha praza de Primaria e outra de Secundaria. Evidentemente, para nós isto non é admisible. De ningún xeito. Esa decisión non vai solucionar o problema de espazo en Secundaria nin que haxa docentes suficientes para dar resposta ás necesidades educativas dos nosos fillos. Polo que á dirección da ANPA respecta, esa solución non é válida.
 Por iso imos continuar coas protestas de diferentes xeitos. A primeira delas, a manifestación do vindeiro domingo, día 6 de Xullo. Contamos con vós! Co futuro dos nosos fillos non podemos xogar.
Asemade, queremos lanzar tamén un chamamento ás autoridades locais de O Pino. Porque isto que agora a Xunta plantexa como "solución", é dicir, darnos 2 mestres e quitarnos 4, non nos parece nin de recibo. Por iso, tal e como, por unanimidade dos tres partidos, se espuxo no pleno desta semana, solicitamos unha maior presión por parte do máximo responsable da Corporación, neste caso o Alcalde, ante a Consellería e os diferentes responsables educativos, para intentar que o cadro de profesores sexa o que ten que ser. É dicir, que non eliminen ningunha praza.  





0 comentarios:

Publicar un comentario