martes, 1 de julio de 2014

ARGUMENTARIO DA PROTESTA SOBRE O RECORTE DE PROFESORADO

A dirección da ANPA do CPI Camiño de Santiago, do Concello de O Pino, reunida en sesión extraordinaria o día 30 de xuño de 2014, ante o noticia achegada pola Dirección do Centro, referente á supresión de 4 prazas de profesorado con destino definitivo no centro para o vindeiro curso 2014-2015, fai constar o que sigue:
No que afecta ás etapas de Educación Infantil (EI) e Primaria (EP)

1.En 6º de E.I. supérase a ratio establecida (26 alumnos) legalmente recollida na Orde de 25 de xuño de 2009, co cal é preciso un desdobre. Tendo en conta isto necesítanse 4 mestres titores e, tal e como establece a lei, por cada 3 unidades corresponde un docende de apoio. Co cal as necesidades para o vindeiro curso 2014/2015 para Educación Infantil  serían 4 titores e 1 mestre de apoio. En total 5 mestres de Educación Infantil. A maiores, convén destacar que unha das titoras é Xefa de Estudos de Primaria, polo que a necesidade destes 5 mestres está máis que xustificada.

2.Urxe que se envíe un mestre de Educación Infantil na Adxudicación de Destinos Provisionais, xa que 4 son definitivos no centro.

3.Tendo en conta que as ratios establecidas por lei supéranse nos niveis de 4ª e 6º de Educación Primaria (28 e 27 alumnos respectivamente) e 2 docentes de Primaria forman parte do Equipo Directivo, coas súas correspondentes horas de liberación, non sería posible o desdobre deses cursos se se suprime un definitivo.

RATIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E EDUCACIÓN PRIMARIA PARA O CURSO 2014/2015

ETAPA                                               NIVEL                                     Nº DE ALUMNOS


EDUCACION INFANTIL                     4º                                                    23

                                                               5º                                                    20

                                                               6º                                                    26
EDUCACION PRIMARIA


                                                                1º                                                   24

                                                                2º                                                   25

                                                                3º                                                    24

                                                                4º                                                    28

                                                                5º                                                    21

                                                               6º                                                     27

4.Queremos manifestar a inquietude que nos produce o uso que, por parte da Administración, se fai da famosa “excepcionalidade do 10%” no incremento da ratio. Gustaríanos saber qué é excepcionalidade e que non, xa que apreciamos que o feito de que se nos avise en xuño de qu imos superar a ratio establecida en setembro ten pouco de “excepcionalidade”.
5.Ademais os especialistas non se poderán encargar de funcións de titoría, xa que teñen  o  seu horario ocupado: un mestre de Inglés é coordinador ABALAR, unha mestra de inglés é cotitora dun grupo, e a mestra de Música é Directora do centro.
6.Sinalar que xustamente nos grupos onde se supera a ratio atopámonos con varios alumnos con necesidades educativas de apoio específico (NEAE): en 4º de E.P.: un alumno con ACI e 4 con Reforzo Educativo; en 6º de E.P.: 2 alumnos con Reforzo Educativo.
7.Ademáis, no centro hai numerosos casos de NEAE. A supresión dun mestre repercutiría negativamente na súa adecuada atención. A modo de exemplo, sinalar que este curso algún mestre fixo tarefas de apoio nas súas horas de garda nalgúns niveis para contribuír a unha atención máis individualizada (tal como recomenda a lei) e paliar dificultades. Coa supresión dun mestre, estes apoios non serían posibles o vindeiro curso, o que tería consecuencias negativas no nivel de competencia curricular do noso alumnado.
No que afecta á etapa de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)
1.Que esta medida foi comunicada telefonicamente, unha vez rematadas as actividades lectivas, o pasado 27 de xuño, cando só dúas semanas antes á dirección se lle fixera saber que o cadro de persoal do centro sería o mesmo que o do presente curso. Ademáis, a propia orde de destinos provisionais para o vindeiro curso indica que de haber profesorado suprimido ten que comunicarse aos centros antes do 25 de xuño.
2.Que na ESO, sobre un cadro de persoal de 16 profesores con horario completo nesta etapa educativa (excluímos a orientadora, PT e a profesora de Relixión Católica compartida con outro centro), este recorte supón a eliminación do 19% deles.
3.Para facer viable numericamente este recorte, é dicir, para que haxa profesorado suficiente no centro para impartir as materias preceptivas da ESO, a administración propón a redución de 3 unidades na ESO (en 1º, 2º e 3º), é dicir, pasar das 8 unidades actuais a 5. Faise isto sobre a “escaseza” de alumnado do centro, xa que as previsións para o vindeiro curso están lixeiramente por debaixo da ratio máxima que establece a lexislación para esta etapa, que é de 30 alumnos/as por aula. En concreto, e a falta da avaliación extraordinaria de setembro, e de non haber novas matriculacións ou traslados de expedientes, estímase que en cada nivel o alumnao sería como segue:
 1º ESO
26 alumnos/as
2º ESO
27 alumnos/as
3º ESO
25 alumnos/as
4º ESO
35 alumnos/as

Porén, hai que sinalar que o noso centro encádrase nun entorno moi rural e disperso, dun entorno socioeducativo medio-baixo. Dende hai case unha década, en cumprimento do ditado no apartado 8 relativo a medidas de atención á diversidade (Orde do 6 de setembro de 2007 pola que se desenvolve a implantación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia), o profesorado e persoas titoras veñen facendo un grande esforzo por compensar as enormes desvantaxes que o noso alumnado ten con respecto a alumnado de centros inseridos noutros contextos. É dicir, para tentar evitar “unha discriminación que lle impida ao alumnado acadara” os obxectivos da etapa da ESO, como se sinala no punto 8.b da orde citada.
Até o de agora, realizábanse no centro ou desdobres (cando se superaban os 20 alumnos/as por aula indicados no apartado 8.f da citada orde), ou os reforzos na aula. Estas medidas puidéronse levar a cabo grazas ao cadro de persoal de profesorado coa que conta o centro. O presente recorte suporá, na práctica, a eliminación destas medidas de atención á diversidade tan necesarias no noso centro. A propia lei que desenvolve en Galicia a implantación da ESO contempla o desdobre de grupos nas áreas de Lingua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas cando o número de alumnos sexa superior a vinte. Precisamente no noso centro teñen que verse afectadas as áreas de Lingua Castelá e Matemáticas. Xa que en todos os cursos da ESO o noso alumnado supera esa cifra, non se entende ben que os departamentos afectas pola decisión das autoridades educativas se correspondan precisamente con esas materias, claves instrumentais no currículo académico.
4.Para facer máis visible o anterior, relativo ás dificultades educativas propias do noso alumnado, presentamos a continuación a seguinte táboa, onde se indican os alumnos/as que tiveron medidas específicas de reforzo e ACI nalgunha materia ao longo do curso 2013-14:

CURSO  ALUM. REF ACI TOTALAD % REF % ACI % AD
1º A           12        4       0            4              33%     0%     33%
1º B           15        4       1            5              27%     7%     33%
2º A           13        3       3            6              23%    23%    46%
2º B           12        5       0            5              42%      0%    42%
3º A           17       7        0            7               41%     0%    41%
3º B           19       5        0            5               26%     0%     26%
4º A           12       1        0            1                 8%     0%       8%
4º B            11      1        0            1                  9%     0%      9%

TOTAL 111       30        4           34              27%      4%      31%

Como se pode observar, na ESO case un tercio do noso alumnado recibe algunha medida específica que contribúa a paliar dalgún xeito a súa desvantaxe. En 2º da ESO, un nivel tradicionalmente máis problemático, esta cifra achégase a case a metade do alumnado. Qué vai ser dese alumnado misturado nunha aula que se pode achegar aos 30 alumnos/as? E que vai ser tamén de aqueles e aquelas que destacan por riba da media? En definitiva, qué vai ser da atención á diversidade do noso centro? A resposta é obvia: quedará reducida a unha mera figura retórica.
5.Queremos facer constar tamén que o recorte anunciado, nun centro inserido nunha contorna rural e moi dispersa, como xa se sinalou, supón unha grave discriminación para os nenos e nenas de O Pino.
Como xa lle consta á administración educativa, o noso centro obtén cada ano uns resultados por debaixo da media galega nesa avaliación. Non ocorre o mesmo, sen embargo, con respecto dos parámetros de referencia do noso centro desde o punto de vista socioeconómico e cultural –de carácter medio-baixo-, nos que obtemos os resultados esperables. Se esta era a situación ata o de agora, cando tíñamos nos cursos de 1º e 2º de ESO ou ben desdobres nas materias de Ligua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas, ou ben grupos reducidos en torno a 15 alumnos por aula, é previsible que se desaparecen esas medidas de atención á diversidade, os resultados académicos vaian a peor. Resúltanos difícil de imaxinar que o alumnado que cada ano necesita reforzo educativo vaia estar mellor atendido nun gran grupo heteroxéneo de 25 ou máis alumnos que nun grupo reducido e máis homexéneo desde o punto de vista académico.
A escola funciona nestes entornos como verdadeira formación compensatoria, para un alumnado que doutro xeito ten moitas dificultades para acceder a elementos básicos do saber, a cultura e o coñecemento. Menos profesorado vai supoñer menos posibilidades de ver outras formas de ollar ao mundo para o noso alumnado. En definitiva, menos posibilidades de medre e mellor para eles, menos horas de profesorado para abrir a biblioteca, etc.
6.A organización e funcionamento da etapa da ESO veríase seriamente comprometida se se chegase a facer efectiva a decisión comunicada.
As gardas de aulta, transporte e patio, coas situacións complexas que ás veces suceden nelas, terían que ser asumidas por un so profesor. Os reforzos en Lingua Inglesa na sección bilingüe terían que desaparecer por exceso de número de horas semanais da docente. En Educación Física, dado que comparten a pista do pavillón Primaria e Secundaria, veríase dificultada a práctica, aumentaría a inseguridade durante a mesma e mesmo sería imposible utilizar espazos reais de xogo. Nos casos de falta de asistencia ao centro de dous ou máis docentes, sería moi difícil lograr o aproveitamento do traballo dos alumnos se hai que trasladar a varios grupos xuntos a outra dependencia distinta ás súas aulas.
Algunhas aulas da ESO non teñen espazo físico suficiente para acoller de xeito racional e cómodo a 25 ou máis alumnos con cadansúas mesas e cadeiras. Exemplos disto son a aula de Educación Plástica, na que só hai espazo para 21 mesas de traballo, o taller de Tecnoloxía e a Aula de Informática, onde non hai espazo nin ordenadores suficientes para acoller grupos numerosos. Tamén nos laboratorios de Ciencias da Natureza e Física e Química ocorre o mesmo, pois nin o espazo dispoñible nin o material serían suficientes para atender a tal cantidade de alumnos xuntos. E co cadro de persoal que se nos pretende adxudicar non é posible levar a cabo as prácticas previstas nas programación s didácticas sen o desdobre dos grupos.
7.Abundando no anterior, a administración non ten problema en dotar ao centro, na práctica, con algo máis dun profesor a tempo completo para facer labores totalmente impropios ao seu posto e formación. En efecto, 25 horas semanais consume o centro en labores de garda e custodia (de alumnado transportado e de patio). É dicir, hai un funcionario do grupo A1 facendo o traballo dun funcionario do grupo E. Isto escapa a toda racionalidade e entra no puramente kafkiano: a administración gasta máis de 30000€ brutos anuais, no noso centro, nun vixiante.
Por todo o exposto anteriormente, a Dirección da ANPA do CPI Camiño de Santiago acordou por unanimidade manifestar o seu total desacordo coa decisión de suprimir catro prazas de profesores con destino definitivo no centro. Solicitamos por iso a reconsideración da decisión adoptada, no sentido de confirmar –tal e como estaba previsto inicialmente- o actual número de prazas docentes con destino definitivo no noso centro.
No caso de que non se teñan en conta os nosos argumentos, e a decisión final adoptada sexa negativa para o bo desenvolvemento do CPI Camiño de Santiago, verémonos na obriga de emprender as accións que consideremos oportunas para que o cadro de persoal do devandito centro non se vexa reducido para o vindeiro curso 2014-15 respecto do anterior 2013-14.


0 comentarios:

Publicar un comentario