martes, 15 de julio de 2014

Proposta da Administración e decisión da Asemblea

Como sabedes, o pasado mércores, día 9 de xullo, celebruse unha reunión entre membros da ANPA do CPI Camiño de Santiago, o Alcalde, Manuel Taboada, a Concelleira de Educación, Eva Varela, membros da Dirección do colexio co Xefe Territorial da Consellería de Educación, D. Indalecio Cabana, o Xefe de Inspección, D. Fermín Álvarez, e o Inspector de zona, D. Rodrigo Porral.
Nesa reunión confirmouse que, da proposta inicial da administración de desprazar 4 prazas de profesorado definitivas do centro (unha en primaria e tres en secundaria), a praza de primaria e unha das de secundaria (a correspondente á asignatura de Lengua Castellana) xa non serán desprazadas. É dicir, quedarían no colexio eses dous mestres. Con respecto ás outras dúas prazas definitivas de secundaria que a Consellería quere desprazar este ano, a administración propuxo o seguinte compromiso: 
“Desprázanse 2 profesores con praza definitiva no centro por falta de horario, en concreto un de inglés e un de matemáticas. Ante a solicitude da ANPA pola falta de espacios, a Xefatura Territorial comprométese a estudiar a petición e informala favorablemente á Consellería”.
Este compromiso consistiría, en palabras dos representantes da administración, no envío de dous mestres provisionais para cubrir as prazas dos dous desprazados. “A xefatura territorial tamén se compromete a informar favorablemente as solicitudes de contratos programa que se soliciten dende o Centro”, para poder facer os reforzos que ata o de agora viña facendo a plantilla de mestres asignada ó colexio.
Esta proposta foi recollida pola dirección da ANPA, que a trasladou á asemblea de nais e pais celebrada na mesma tarde do mércores día 9, na que se decidíu pospoñer a toma dunha decisión definitiva ata unha nova asemblea a celebrar o luns 14 de xullo. Seguidamente, a dirección da ANPA puxo a proposta da administración por escrito e presentouna por rexistro para a Consellería, ademáis de enviala por correo electrónico á Xefatura Territorial. 
Onte, na asemblea que tivo lugar ás 20:00 horas no centro, os pais e nais de alumnos do CPI Camiño de Santiago decidiron que se aceptaría a proposta da administración sempre e cando lles sexa remitida e confirmada por escrito no prazo de dous días, xa que no momento de celebrar a asemblea non se tiña constancia de que a Consellería tivese fallado favorablemente esa proposta. 
O colectivo de nais e pais volverá celebrar unha nova asemblea o vindeiro mércores 16 de xullo, ás 20:00 horas, dispostos a retomar as mobilizacións no caso de que administración non lles teña dado antes unha reposta positiva.


martes, 8 de julio de 2014

SEGUIMOS NEGOCIANDO.

Seguimos a traballar para que non se nos quite ningún mestre do noso colexio.
O xulgado número 2 de Santiago vén de anular o baremo que a Xunta quería aplicar no concurso de traslado de profesores, o que obriga á Consellería a retrasar a data marcada para darlle destino ó profesorado de cara ó vindeiro curso.
Esto, anque non ten directamente nada que ver cas nosas reclamacións, sí que nos da un pouco máis tempo para poder seguir loitando polo que por dereito nos pertence.
Non imos parar ata que a administración dea marcha atrás e nos garanta que o cadro de profesores do CPI “Camiño de Santiago” vai ser o mesmo que tíñamos ata o de agora.
Estamos á espera de manter unha nova reunión ca Consellería, da que vos informaremos en canto teñamos resultados.
Pedímosvos que sigades estando alerta e pendentes das nosas comunicacións e noticias, xa que de non darse os resultados que queremos seguiremos coas mobilizacións.

Graciñas a todos e a todas polo voso apoio e a vosa forza.

domingo, 6 de julio de 2014

O MANIFESTO QUE LEMOS NA MANIFESTACIÓN

É gratificante ver a resposta que está a dar a xente de O Pino á petición de axuda que lanzamos os pais e nais do colexio. Porque iso é o que vos pedimos: a vosa axuda e a vosa solidariedade para que non nos quiten o que por dereito nos corresponte. Por iso, antes de seguir, queremos darvos as grazas en nome de todos os pais e nais de alumnos do CPI. 
Porque o que están intentando facer con nós é un atropelo, un sinsentido e unha barbaridade. Recortar catro mestres con praza fixa no centro non é calquera cousa: é mermar as posibilidades dos rapaces e rapazas de O Pino de ter unha educación de calidade. 
É que non son 4 mestres que pidamos por capricho, ou foran provisionais ata agora. É que son catro mestres fixos do centro, que se fixeron falta estes anos, máis falta farán agora que se está a incrementar a matrícula de alumnos no centro. 
Temos rapaces que precisan clases de reforzo ou atención especial, e hai que darlla, como se está a facer ata o de agora aquí. Se nos quitan catro mestres non poderán facerse eses reforzos. En qué situación quedarán eses rapaces?
Como dixemos, nós non estamos a pedir mestres por capricho. Estamos a pedir o que temos e é noso. Non pedimos nin máis nin menos. Pedimos o que temos. É curioso que a propia Administración que nos pide xuntar aulas é a mesma que acaba de aprobar unha Lei para separalas. Na LOMCE prevese a división de terceiro e cuarto da ESO en dous itinerarios distintos, un vencellado á FP (Formación Profesional) e outro ó Bacharelato. Qué vaI pasar, daquela, cando uns rapaces collan un itinerario e outros outro? Van estar separados, con mestres distintos... pero xuntos na mesma aula? Que nolo expliquen porque non o entendemos.
A mesma Administración que vén de aprobar o decreto do Plurilingüismo quere agora quitarnos un mestre de Inglés e eliminar a Sección Bilingüe, que leva funcionando con éxito  no noso colexio dende hai anos. Que nolo expliquen, porque non o entendemos. 
A mesma Administración que prevé desdobres de aulas nas asignaturas troncais cando haxa máis de vinte alumnos nun curso, quere que metamos a 30 rapaces nunha soa aula. Que nolo expliquen porque non o entendemos. 
E non o entendemos porque non ten explicación. Porque o que queren facer no noso colexio é un recorte inxustificado. Un ataque ós dereitos dos nosos fillos e fillas, que nos afecta a todos os veciños do Concello, teñan ou non rapaces no centro. Porque a educación é un pilar básico para a sociedade. 
E alomenos, aquí, en O Pino, non imos pasar por esas... Coa forza de todos, coa vosa forza, conseguiremos o que merecemos e o que merecen os vosos fillos e fillas, os vosos netos e netas: unha educación de calidade para que poidan ter as mesmas oportunidades que os demais. 
Grazas pola vosa axuda!








viernes, 4 de julio de 2014

NOVIDADES E NOVA MANIFESTACIÓN

Hoxe venres, tal e como vos anunciamos onte, realizamos unha nova concentración nas inmediacións do CPI Camiño de Santiago, para continuar coa nosa reivindicación do mantemento do cadro docente do pasado curso para o novo ano lectivo. De novo queremos agradecer a importante presenza das familias, implicadas ó 100% nesta “loita”. Unhas reivindicacións que, tal e como decidimos hoxe, van continuar o vindeiro domingo. 
Está convocada para ESTE DOMINGO (día 6) unha MANIFESTACIÓN que partirá dende o CPI Camiño de Santiago. Estades todos convocados alí ás 11:30 horas. Iremos por diferentes rúas de Arca para rematar lendo un comunicado ante o edificio do Concello. 
Queremos compartir tamén con vós unha información que nos chegou este mediodía. Porque xa se produciron os primeiros movementos institucionais.Tras unha reunión mantida pola Dirección do centro con diferentes representantes educativos (non permitiron a nosa presenza), transmitiusenos o que eles (responsables educativos) consideraban unha “solución”: o mantemento dunha praza de Primaria e outra de Secundaria. Evidentemente, para nós isto non é admisible. De ningún xeito. Esa decisión non vai solucionar o problema de espazo en Secundaria nin que haxa docentes suficientes para dar resposta ás necesidades educativas dos nosos fillos. Polo que á dirección da ANPA respecta, esa solución non é válida.
 Por iso imos continuar coas protestas de diferentes xeitos. A primeira delas, a manifestación do vindeiro domingo, día 6 de Xullo. Contamos con vós! Co futuro dos nosos fillos non podemos xogar.
Asemade, queremos lanzar tamén un chamamento ás autoridades locais de O Pino. Porque isto que agora a Xunta plantexa como "solución", é dicir, darnos 2 mestres e quitarnos 4, non nos parece nin de recibo. Por iso, tal e como, por unanimidade dos tres partidos, se espuxo no pleno desta semana, solicitamos unha maior presión por parte do máximo responsable da Corporación, neste caso o Alcalde, ante a Consellería e os diferentes responsables educativos, para intentar que o cadro de profesores sexa o que ten que ser. É dicir, que non eliminen ningunha praza.  





jueves, 3 de julio de 2014

SEGUIMOS A LOITAR POLO NOSO.

Gustaríanos que non fose así, pero seguimos sendo noticia polo recorte de profesorado que a Consellería de Educación quere facer no noso centro. A nosa oposición a esa inxusta medida e as mobilizacións que estamos a levar adiante están a ser sentidas e apoiadas desde moitos ámbitos, e o eco das nosas reivindicacións está soando forte.
Premendo aquí tedes o enlace á edición dixital do xornal La Voz de Galicia de hoxe venres.
Sigamos loitando para que a próxima vez que teñamos que saír nos medios de comunicación sexa por motivos ben diferentes e moito máis positivos.

ACORDOS DA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DESTE XOVES

Na Asemblea extraordinaria convocada para esta tarde de xoves, ás 20:00 horas, todos os pais e nais alí presentes decidimos, por unanimidade, continuar coas protestas mentres a Administración Autonómica non nos proporcione  unha solución ó grave problema que se plantexa no colexio coa reducción de docentes que a Xunta pretende implantar. 
Como vos anunciamos, esta mesma mañá reunímonos, na cidade da Coruña, con Belén Docampo, responsable Territorial da Xunta para a provincia. Na reunión tamén estaban o Alcalde de O Pino,  Manuel Taboada, e o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana. Non extraemos nada en claro desa reunión, só que van estudar o tema e que nos comunicarán unha decisión. 
O que sí temos moi claro é que QUEREMOS QUE O NÚMERO DE MESTRES DO CPI CAMIÑO DE SANTIAGO QUEDE TAL E COMO ESTÁ. Nin máis nin menos. Que se manteña a plantilla tal e como funcionou o curso pasado. Entre outros moitos motivos porque ademais existe un gravísimo problema de espazo no centro. Calquera persoa que vexa as aulas do CPI e con dous dedos de frente pode comprobar que no edificio da ESO é imposible manter a ratio que queren establecer nas aulas. Iso sen contar con que espazos coma os Laboratorios ou a Aula de Debuxo teñen capacidade para 21 alumnos. Qué fai mentres o resto? Quen decide e con qué criterio quen entra e quen non? Onde está a igualdade de oportunidades?
Mañá venres está prevista unha CONCENTRACIÓN no recinto do CPI Camiño de Santiago ás 10:30 para seguir amosando a nosa repulsa ante esta decisión arbitraria e inxusta. O resto das accións determinaranse en función das respostas que vaiamos obtendo.
Unha vez máis, moitísimas GRAZAS  a todos pola colaboración. 

miércoles, 2 de julio de 2014

MANIFESTACIÓN E PLENO MUNICIPAL

Hoxe mércores foi un día moi intenso para nós defendendo que se poña remedio á inxustiza que queren cometer co CPI Camiño de Santiago. Queremos dar as grazas a todas as familias, que foron moitísimas, que se achegaron a Arca para tomar parte na manifestación desta mañá, realizando pancartas, dándonos ideas, apoiándonos e sobre todo, defendendo o futuro educativo dos seus fillos, netos, sobriños, etc. Realizamos unha recollida de sinaturas, presentamos solicitudes, centos, no Rexistro do Concello e como vos contamos, mañá iremos con Elena Quintela, directora do colexio, e co Alcalde, Manuel Taboada, á Coruña a unha reunión con Belén Docampo, responsable territorial para a nosa provincia da Xunta de Galicia. 
Imos conseguir recuperar os docentes que queren eliminar. Isto que estamos facendo é só o principio. Ninguén nos vai calar, porque defendemos o que é xusto. E co ensino non se xoga. 
Ademais, realizouse no Concello de O Pino un Pleno Extraordinario onde os tres grupos políticos respaldaron por unanimidade apoiar plenamente as nosas peticións e incluso solicitar que non só se manteñan as plazas definitivas de mestres, senón o cadro completo de profesorado que houbo durante este curso 2013/2014. 

Estas son algunhas imaxes da xornada. Manterémosvos informados do que vaiamos coñecendo. De novo, familias, moitísimas grazas.







NOVA REUNION COA ADMINISTRACION

Informamos que mañán xoves unha representación da directiva da ANPA, xunto ca directora do CPI Camiño de Santiago e o alcalde de O Pino, terán unha reunión na Coruña con Belén Docampo, Delegada Provincial da Consellería, na que se solicitará a solución ao problema provocado pola decisión da Consellería de recortar o profesorado no noso centro; solución que para nós pasa por manter íntegro o cadro de persoal existente no curso que vén de rematar.
Seguiremos informándovos a medida que vaiamos coñecendo novas.
Con forza e o apoio de todos e todas podemos conseguir que se respeten os nosos dereitos.

PLENO EXTRAORDINARIO NO CONCELLO.

Informamos de que hoxe, ás 14:00 horas, haberá un pleno extraordinario no Concello de O Pino para debater unha moción de apoio ás nosas reivindicacións. Dito pleno foi solicitado polos grupos do PSOE e BNG, que presentan a moción de forma conxunta, e convocado de forma urxente polo goberno municipal.
Se conseguimos o apio de todos podemos facer forza e facer que se nos escoite.
Temos que encher o salón de plenos. É importante acudir e que se nos vexa. Non loitamos contra ninguén, se non que defendemos os nosos dereitos e os dos nosos fillos e fillas.

martes, 1 de julio de 2014

RECOLLIDA DE SINATURAS

Temos tamén preparado, tal e como se acordou, un formulario de recollida de sinaturas para facer chegar a todas aquelas persoas que, teñan ou non fillos no CPI Camiño de Santiago, sexan sensibles ó problema que estamos a ter e queiran apoiarnos nas nosas demandas. Podedes descargalo premendo aquí.

ESCRITO DE ALEGACIÓN PERSONALIZADO

Tal e como se acordou na reunión desta tarde é importante que mañán se presenten as alegacións ao recorte de profesorado de maneira individualizada, no rexistro do Concello. Podedes descargar o escrito pinchando aquí.
Lembrámosvos que ás once e media manifestarémonos diante do CPI Camiño de Santiago, en Arca. Canto máis sexamos mellor. Só facendo forza poderemos conseguir os nosos obxectivos.

ARGUMENTARIO DA PROTESTA SOBRE O RECORTE DE PROFESORADO

A dirección da ANPA do CPI Camiño de Santiago, do Concello de O Pino, reunida en sesión extraordinaria o día 30 de xuño de 2014, ante o noticia achegada pola Dirección do Centro, referente á supresión de 4 prazas de profesorado con destino definitivo no centro para o vindeiro curso 2014-2015, fai constar o que sigue:
No que afecta ás etapas de Educación Infantil (EI) e Primaria (EP)

1.En 6º de E.I. supérase a ratio establecida (26 alumnos) legalmente recollida na Orde de 25 de xuño de 2009, co cal é preciso un desdobre. Tendo en conta isto necesítanse 4 mestres titores e, tal e como establece a lei, por cada 3 unidades corresponde un docende de apoio. Co cal as necesidades para o vindeiro curso 2014/2015 para Educación Infantil  serían 4 titores e 1 mestre de apoio. En total 5 mestres de Educación Infantil. A maiores, convén destacar que unha das titoras é Xefa de Estudos de Primaria, polo que a necesidade destes 5 mestres está máis que xustificada.

2.Urxe que se envíe un mestre de Educación Infantil na Adxudicación de Destinos Provisionais, xa que 4 son definitivos no centro.

3.Tendo en conta que as ratios establecidas por lei supéranse nos niveis de 4ª e 6º de Educación Primaria (28 e 27 alumnos respectivamente) e 2 docentes de Primaria forman parte do Equipo Directivo, coas súas correspondentes horas de liberación, non sería posible o desdobre deses cursos se se suprime un definitivo.

RATIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E EDUCACIÓN PRIMARIA PARA O CURSO 2014/2015

ETAPA                                               NIVEL                                     Nº DE ALUMNOS


EDUCACION INFANTIL                     4º                                                    23

                                                               5º                                                    20

                                                               6º                                                    26
EDUCACION PRIMARIA


                                                                1º                                                   24

                                                                2º                                                   25

                                                                3º                                                    24

                                                                4º                                                    28

                                                                5º                                                    21

                                                               6º                                                     27

4.Queremos manifestar a inquietude que nos produce o uso que, por parte da Administración, se fai da famosa “excepcionalidade do 10%” no incremento da ratio. Gustaríanos saber qué é excepcionalidade e que non, xa que apreciamos que o feito de que se nos avise en xuño de qu imos superar a ratio establecida en setembro ten pouco de “excepcionalidade”.
5.Ademais os especialistas non se poderán encargar de funcións de titoría, xa que teñen  o  seu horario ocupado: un mestre de Inglés é coordinador ABALAR, unha mestra de inglés é cotitora dun grupo, e a mestra de Música é Directora do centro.
6.Sinalar que xustamente nos grupos onde se supera a ratio atopámonos con varios alumnos con necesidades educativas de apoio específico (NEAE): en 4º de E.P.: un alumno con ACI e 4 con Reforzo Educativo; en 6º de E.P.: 2 alumnos con Reforzo Educativo.
7.Ademáis, no centro hai numerosos casos de NEAE. A supresión dun mestre repercutiría negativamente na súa adecuada atención. A modo de exemplo, sinalar que este curso algún mestre fixo tarefas de apoio nas súas horas de garda nalgúns niveis para contribuír a unha atención máis individualizada (tal como recomenda a lei) e paliar dificultades. Coa supresión dun mestre, estes apoios non serían posibles o vindeiro curso, o que tería consecuencias negativas no nivel de competencia curricular do noso alumnado.
No que afecta á etapa de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)
1.Que esta medida foi comunicada telefonicamente, unha vez rematadas as actividades lectivas, o pasado 27 de xuño, cando só dúas semanas antes á dirección se lle fixera saber que o cadro de persoal do centro sería o mesmo que o do presente curso. Ademáis, a propia orde de destinos provisionais para o vindeiro curso indica que de haber profesorado suprimido ten que comunicarse aos centros antes do 25 de xuño.
2.Que na ESO, sobre un cadro de persoal de 16 profesores con horario completo nesta etapa educativa (excluímos a orientadora, PT e a profesora de Relixión Católica compartida con outro centro), este recorte supón a eliminación do 19% deles.
3.Para facer viable numericamente este recorte, é dicir, para que haxa profesorado suficiente no centro para impartir as materias preceptivas da ESO, a administración propón a redución de 3 unidades na ESO (en 1º, 2º e 3º), é dicir, pasar das 8 unidades actuais a 5. Faise isto sobre a “escaseza” de alumnado do centro, xa que as previsións para o vindeiro curso están lixeiramente por debaixo da ratio máxima que establece a lexislación para esta etapa, que é de 30 alumnos/as por aula. En concreto, e a falta da avaliación extraordinaria de setembro, e de non haber novas matriculacións ou traslados de expedientes, estímase que en cada nivel o alumnao sería como segue:
 1º ESO
26 alumnos/as
2º ESO
27 alumnos/as
3º ESO
25 alumnos/as
4º ESO
35 alumnos/as

Porén, hai que sinalar que o noso centro encádrase nun entorno moi rural e disperso, dun entorno socioeducativo medio-baixo. Dende hai case unha década, en cumprimento do ditado no apartado 8 relativo a medidas de atención á diversidade (Orde do 6 de setembro de 2007 pola que se desenvolve a implantación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia), o profesorado e persoas titoras veñen facendo un grande esforzo por compensar as enormes desvantaxes que o noso alumnado ten con respecto a alumnado de centros inseridos noutros contextos. É dicir, para tentar evitar “unha discriminación que lle impida ao alumnado acadara” os obxectivos da etapa da ESO, como se sinala no punto 8.b da orde citada.
Até o de agora, realizábanse no centro ou desdobres (cando se superaban os 20 alumnos/as por aula indicados no apartado 8.f da citada orde), ou os reforzos na aula. Estas medidas puidéronse levar a cabo grazas ao cadro de persoal de profesorado coa que conta o centro. O presente recorte suporá, na práctica, a eliminación destas medidas de atención á diversidade tan necesarias no noso centro. A propia lei que desenvolve en Galicia a implantación da ESO contempla o desdobre de grupos nas áreas de Lingua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas cando o número de alumnos sexa superior a vinte. Precisamente no noso centro teñen que verse afectadas as áreas de Lingua Castelá e Matemáticas. Xa que en todos os cursos da ESO o noso alumnado supera esa cifra, non se entende ben que os departamentos afectas pola decisión das autoridades educativas se correspondan precisamente con esas materias, claves instrumentais no currículo académico.
4.Para facer máis visible o anterior, relativo ás dificultades educativas propias do noso alumnado, presentamos a continuación a seguinte táboa, onde se indican os alumnos/as que tiveron medidas específicas de reforzo e ACI nalgunha materia ao longo do curso 2013-14:

CURSO  ALUM. REF ACI TOTALAD % REF % ACI % AD
1º A           12        4       0            4              33%     0%     33%
1º B           15        4       1            5              27%     7%     33%
2º A           13        3       3            6              23%    23%    46%
2º B           12        5       0            5              42%      0%    42%
3º A           17       7        0            7               41%     0%    41%
3º B           19       5        0            5               26%     0%     26%
4º A           12       1        0            1                 8%     0%       8%
4º B            11      1        0            1                  9%     0%      9%

TOTAL 111       30        4           34              27%      4%      31%

Como se pode observar, na ESO case un tercio do noso alumnado recibe algunha medida específica que contribúa a paliar dalgún xeito a súa desvantaxe. En 2º da ESO, un nivel tradicionalmente máis problemático, esta cifra achégase a case a metade do alumnado. Qué vai ser dese alumnado misturado nunha aula que se pode achegar aos 30 alumnos/as? E que vai ser tamén de aqueles e aquelas que destacan por riba da media? En definitiva, qué vai ser da atención á diversidade do noso centro? A resposta é obvia: quedará reducida a unha mera figura retórica.
5.Queremos facer constar tamén que o recorte anunciado, nun centro inserido nunha contorna rural e moi dispersa, como xa se sinalou, supón unha grave discriminación para os nenos e nenas de O Pino.
Como xa lle consta á administración educativa, o noso centro obtén cada ano uns resultados por debaixo da media galega nesa avaliación. Non ocorre o mesmo, sen embargo, con respecto dos parámetros de referencia do noso centro desde o punto de vista socioeconómico e cultural –de carácter medio-baixo-, nos que obtemos os resultados esperables. Se esta era a situación ata o de agora, cando tíñamos nos cursos de 1º e 2º de ESO ou ben desdobres nas materias de Ligua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas, ou ben grupos reducidos en torno a 15 alumnos por aula, é previsible que se desaparecen esas medidas de atención á diversidade, os resultados académicos vaian a peor. Resúltanos difícil de imaxinar que o alumnado que cada ano necesita reforzo educativo vaia estar mellor atendido nun gran grupo heteroxéneo de 25 ou máis alumnos que nun grupo reducido e máis homexéneo desde o punto de vista académico.
A escola funciona nestes entornos como verdadeira formación compensatoria, para un alumnado que doutro xeito ten moitas dificultades para acceder a elementos básicos do saber, a cultura e o coñecemento. Menos profesorado vai supoñer menos posibilidades de ver outras formas de ollar ao mundo para o noso alumnado. En definitiva, menos posibilidades de medre e mellor para eles, menos horas de profesorado para abrir a biblioteca, etc.
6.A organización e funcionamento da etapa da ESO veríase seriamente comprometida se se chegase a facer efectiva a decisión comunicada.
As gardas de aulta, transporte e patio, coas situacións complexas que ás veces suceden nelas, terían que ser asumidas por un so profesor. Os reforzos en Lingua Inglesa na sección bilingüe terían que desaparecer por exceso de número de horas semanais da docente. En Educación Física, dado que comparten a pista do pavillón Primaria e Secundaria, veríase dificultada a práctica, aumentaría a inseguridade durante a mesma e mesmo sería imposible utilizar espazos reais de xogo. Nos casos de falta de asistencia ao centro de dous ou máis docentes, sería moi difícil lograr o aproveitamento do traballo dos alumnos se hai que trasladar a varios grupos xuntos a outra dependencia distinta ás súas aulas.
Algunhas aulas da ESO non teñen espazo físico suficiente para acoller de xeito racional e cómodo a 25 ou máis alumnos con cadansúas mesas e cadeiras. Exemplos disto son a aula de Educación Plástica, na que só hai espazo para 21 mesas de traballo, o taller de Tecnoloxía e a Aula de Informática, onde non hai espazo nin ordenadores suficientes para acoller grupos numerosos. Tamén nos laboratorios de Ciencias da Natureza e Física e Química ocorre o mesmo, pois nin o espazo dispoñible nin o material serían suficientes para atender a tal cantidade de alumnos xuntos. E co cadro de persoal que se nos pretende adxudicar non é posible levar a cabo as prácticas previstas nas programación s didácticas sen o desdobre dos grupos.
7.Abundando no anterior, a administración non ten problema en dotar ao centro, na práctica, con algo máis dun profesor a tempo completo para facer labores totalmente impropios ao seu posto e formación. En efecto, 25 horas semanais consume o centro en labores de garda e custodia (de alumnado transportado e de patio). É dicir, hai un funcionario do grupo A1 facendo o traballo dun funcionario do grupo E. Isto escapa a toda racionalidade e entra no puramente kafkiano: a administración gasta máis de 30000€ brutos anuais, no noso centro, nun vixiante.
Por todo o exposto anteriormente, a Dirección da ANPA do CPI Camiño de Santiago acordou por unanimidade manifestar o seu total desacordo coa decisión de suprimir catro prazas de profesores con destino definitivo no centro. Solicitamos por iso a reconsideración da decisión adoptada, no sentido de confirmar –tal e como estaba previsto inicialmente- o actual número de prazas docentes con destino definitivo no noso centro.
No caso de que non se teñan en conta os nosos argumentos, e a decisión final adoptada sexa negativa para o bo desenvolvemento do CPI Camiño de Santiago, verémonos na obriga de emprender as accións que consideremos oportunas para que o cadro de persoal do devandito centro non se vexa reducido para o vindeiro curso 2014-15 respecto do anterior 2013-14.


URXENTE: REUNION SOBRE O RECORTE DE PROFESORADO.

Tal e como vos informamos onte en canto o soubemos, a Consellería de Educación ten previsto recortar drásticamente o número de profesores no noso centro, o que repercutiría moi negativamente na calidade da educación dos nosos rapaces e rapazas. É moi importante que nos mobilizemos para poder evitar este ataque aos nosos dereitos. 
Agardámovos hoxe ás 19:00 horas na aula de usos múltiples do colexio para informarvos polo miúdo.