domingo, 30 de marzo de 2014

VISITA A SANTIAGO.

Este pasado sábado día 29 os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria, acompañados por nais e pais da ANPA, realizaron unha saída a Santiago de Compostela. Pola mañán visitamos o Pazo do Hórreo, sede do Parlamento galego.
Coñecemos un pouquiño da historia do edificio, e percorremos as súas dependencias e salas: as salas de reunión dos diferentes grupos parlamentares, a sala de recepcións –na que locen uns preciosos tapices que representan as sete provincias do Antigo Reino de Galicia-, a sala dos pasos perdidos, a biblioteca… e, como non, o hemiciclo.
Ademáis, poidemos disfrutar das numerosas obras pictóricas de artistas galegos que loce nas súas paredes.
Queremos destacar a amabilidade e a complicidade coa que o señor Hixinio, o guía que nos acompañou en todo momento, tivo cos nosos rapaces, cos que incluso organizou un pequeno debate para que viran e viviran, de primeira man, cal é o traballo que se fai na Cámara. As súas explicacións fixeron moi amena e levadeira toda a visita.
Tamén nos agasallaron con un libro para cada un, co que tanto grandes coma pequenos podemos aprender un pouquiño máis sobre as funcións do noso goberno.
Despois de xantar –por certo, no restaurante felicitáronnos polo bo comportamento dos rapaces- dirixímonos cara o Casco Vello de Santiago, polo que nos guiou Diego Lamas, que nos foi explicando diversas curiosidades e anécdotas que encerran as pedras, as rúas e os edificios da capital galega.
Xa para rematar a xornada, e despois de algo máis de dúas horas camiñando polas rúas de Compostela, deixamos que os rapaces e rapazas –xa algo cansos, hai que dicilo- enredasen un pouco nas zonas verdes do Campus Norte antes de volver para a casa.

Foi, sen dúbida, unha visita bonita, na que todos aprendemos e vimos cousas que descoñecíamos. Tedes máis fotos premendo aquí.



XORNADA DE BADMINTON EN TRAZO

O pasado 21 de marzo os alumnos/as  anotados/as na actividade de badminton participaron nun campionato no colexio de Trazo, devolvendo así a visita que os alumnos/as deste colexio fixeran anteriormente ao noso concello.
Estas xornadas, organizadas polo Departamento de Deportes do Concello, pretenden darlle un pulo ás diferentes actividades deportivas que se ofertan, co ánimo de que cada vez sexan máis os rapaces que as practiquen e, ao mesmo tempo, vaian gañando en calidade.
Os rapaces e rapazas disfrutaron da saída, xogaron, competiron e, sobre todo, divertíronse. O de menos, como é lóxico nestes casos, son os resultados, xa que aquí, como dí o tópico, o importante é participar.
Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago consideramos que este tipo de iniciativas son positivas, xa que axudan a promover a práctica deportiva e a crear e asentar hábitos saudábeis nos nenos e nenas. Participar nelas é a única maneira de que sigan ofertándose e manténdose no tempo.

Pincha aquí para ver máis fotos.



viernes, 28 de marzo de 2014

ACADAMOS O MANTEMENTO DOS LIBROS DE TEXTO PARA O VINDEIRO CURSO

Reproducimos a continuación o comunicado da Plataforma en Defensa do Ensino Púlico, relativa ó mantemento, tal e como reclamabamos, dos libros de texto para o vindeiro curso académico. Xa vos informaremos sobre o noso proxecto de crear un Banco de Libros no CPI Camiño de Santiago, porque agora sí conta con todas as garantías. O comunicado di:
A Plataforma en defensa do Ensino Público conformada por CCOO, FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva congratulase coas manifestacións feitas o mércores en sede parlamentaria polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nas que entre outros asuntos manifestaba o mantemento dos libros de texto para o vindeiro curso entendendo que "hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas".

Desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público iniciaramos una campaña para que os Consellos Escolares dos centros se manifestaran en contra do cambio dos manuais para o vindeiro curso na liña de que os cambios que se plantexaban coa implantación da LOMCE non repercutiran na xa de por si maltreita economía das familias. Convén lembrar que esta campaña conta coa numerosa adhesión de Consellos Escolares dos centros educativos galegos que xa aprobaron resolucións nese sentido a instancia da nosa Plataforma.

A Campaña que tamén se fixo extensiva aos Consellos Escolares Municipais e conta co apoio dos mesmos. O máis inmediato é o caso do CEM de Lugo, que onte aprobou unha resolución contraria ao devandito cambio.

Asemade os conselleiros da Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia pertencentes ás organizacións que conforman a Plataforma en Defensa do Ensino Público xa solicitaramos unha xuntanza da devandita comisión para debater unha resolución contraria ao cambio de libros de texto para o vindeiro curso instando á potenciación dos bancos de libros e as bibliotecas de aula.

Malia que nos congratulamos coa decisión tomada polo Conselleiro, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Pública, queremos facer constar que continuaremos a esixir o completo financiamento do ensino público con fondos públicos, reclamando a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a potenciación de alternativas como os bancos de libros ,xa creados en numerosos centros, que deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido.

Así mesmo emprazamos ao Conselleiro a entablar un diálogo que nos permita facerlle chegar o noso posicionamento noutras cuestións que son inherentes ao desenvolvemento e implantación da LOMCE na nosa comunidade."


viernes, 21 de marzo de 2014

INTERESANTE ARTIGO SOBRE O ENSINO PÚBLICO & PRIVADO


Esta mañá queremos compartir con todos vós este artigo, porque coidamos que convida a unha interesante reflexión sobre o que está a acontecer co ensino público. Apostamos e sempre o faremos por un sistema que garanta o ensino público coas maiores calidades. E sempre loitaremos porque iso sexa así. Aínda que reiteramos unha vez máis que o facemos dende una pespectiva completamente apolítica. Somos representantes de pais e nais de alumnos, e a nosa función é velar polos intereses e os maiores dereitos dos cativos. 
Este é o enlace á nova.



http://www.anpasgalegas.org/2014/03/ensino-publico-galego-versus-ensino-privado/

lunes, 17 de marzo de 2014

AUTORIZACIÓN PARA UNHA NOVA SAÍDA DE BÁDMINTON

Comunícasenos, dende o Departamento de Deportes do Concello de O Pino, que o venres, día 21 de Marzo, haberá unha nova saída para os rapaces que participan na actividade de Bádminton. En concreto, o autobús sairá ás 16:45 dende o CPI, para volver aproximadamente ás 20:30 horas. Os partidos vanse disputar en Trazo. 
Todos os rapaces que están anotados levaron a autorización para os seus domicilios, para traelas asinadas. Se algún non a ten, aquí poñemos o enlace. Se aínda así non se consigue descargar, enviándonos un mail a anpacaminosantiago@gmail.com enviarémola a quen o desexe por correo electrónico.
Sí que queremos aproveitar para felicitar ó Concello por este tipo de iniciativas, porque son moi importantes. E acudindo a elas é a única maneira de que se manteñan no tempo. Xa que logo, animamos a todos os rapaces a participar, e a todas as familias a ir a apoialos. 



Enlace onde descargar o documento:


domingo, 16 de marzo de 2014

NORABOA Ó ALUMNO MANUEL RAMOS

Hoxe queremos felicitar a Manuel Ramos Piñeiro, un alumno do noso centro, o CPI Camiño de Santiago, que vén de conseguir o terceiro premio no Campionato escolar de Xadrez que se celebrou este e o pasado domingo no Colexio Manuel Peleteiro. Manuel competiu, pola súa idade, na categoría Benxamín. A semana pasada fíxose coa victoria en dúas das tres partidas que disputou. E hoxe venceu en tres das catro partidas nas que tomou parte. A adicación e ilusión que deron o seu froito con este galardón. Noraboa!!!!

Manuel co seu premio

miércoles, 12 de marzo de 2014

RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE CONTRA A LOMCE

Temos que comunicarvos que CEAPA (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos) vén de presentar un recurso de inconstitucionalidade con respecto á LOMCE. A entidade considera que esta Lei vulnera preceptos básicos da Constitución, alomenos en 27 puntos. Dende Confapa Galicia acordouse tamén a adhesión a este recurso, por considerar que o texto normativo nin se axeita á realidade, e ademais, entre outras moitas cousas, provocará graves diferenzas entre os rapaces y o recorte sensible dos seus dereitos. 
Nós, dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago tamén respaldamos esta decisión, e para que teñades argumentos, deixámosvos un enlace ó Recurso. Se alguén ten problemas en abrilo, que nos envíe un mail a anpacaminosantiago@gmail.com e enviarémosllo sen ningún problema. 



https://drive.google.com/?tab=mo&authuser=0#my-drive