jueves, 16 de enero de 2014

RECOLLIDA DE SINATURAS CONTRA O DECRETO DE COMEDORES

Tal e como se acordou na asemblea ordinaria do pasado 27 de novembro, dende a ANPA imos pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas en contra do decreto de comedores aprobado pola Xunta o pasado mes de agosto.
Aínda que como é obvio estamos en contra da totalidade do decreto, somos conscentes de que xa está aprobado e non se vai anular, pero sí pedimos a modificación de certos puntos que atentan, de xeito moi claro, contra o que todos entendemos que é un dereito básico da educación pública.
E esiximos, tamén, que a Consellería “se molle” nun asunto tan delicado coma o dos nenos e nenas que se ven na obriga de levar o xantar da casa. Non se pode admitir que as autoridades aparezan na televisión dicindo que non vai haber problema ningún cos alumnos e alumnas que opten por esta alternativa, e despois non regular nada diso no decreto impedindo, na práctica, esa alternativa. Alternativa que, por certo, sí funciona na meirande parte dos colexios privados.
Non só provoca a perda dun dereito para as familias, se non que implica un vacío legal no que as direccións dos centros non saben a qué aterse diante desta problemática.
Á parte de non regular o uso dos “tuper” , o decreto supón un cambio de modelo no uso e pago deste servizo: a gratuidade pasa do 92% ao 57%, e o alumnado que paga ten que pagar un 40% mais. E, ademais, elimina a gratuidade a todo o alumnado que utiliza o transporte.
Polo tanto, esiximos:
Primeiro: Que se regule de forma clara e concisa a alternativa (xa existente a día de  hoxe) dos alumnos que, non podendo afrontar o pago das taxas, se ven obrigados a levar o xantar da casa.
Segundo: Que se teña en conta o nivel de renda nas familias que, por motivos laborais, se vexan na obriga de escolarizar os seus fillos en centros de fóra do ámbito que lles corresponde.
Terceiro: Que se repoñan as taxas e prezos de comedor aos existentes no anterior decreto.
Solicitamos, pois, a vosa colaboración. Cantas máis sinaturas mellor.
Lembrade que pode asinar calquera persoa maior de idade, pertenza ou non á comunidade educativa.
É moi importante que todas e todos nos impliquemos nesto, porque se lle está a abrir a porta a re-pagar por servizos públicos básicos: hoxe é o comedor, mañán pode ser o transporte, etc.
Xa vos enviamos un formulario ás casas a través dos vosos fillos e fillas. De todos xeitos, se alguén non o tén pode descargalo pinchando aquí.
O formulario coas sinaturas podedes devolvelo ao colexio directamente a través dos nenos/as, entregándoo na secretaría do colexio, ou a calquera membro da directiva da ANPA.  A data límite para entregalo é o vindeiro día  29 de xaneiro.

Moitas grazas polo voso apoio e colaboración.              

0 comentarios:

Publicar un comentario