martes, 28 de enero de 2014

XORNADA INTERCONCELLOS DE BADMINTON EN ARCA

Este sábado o pavillón polideportivo de Arca acolle unha xornada de badminton na que participarán rapaces de varios concellos. Está dirixida a todos os rapaces que acoden a esta actividade extraescolar. En total, agora mesmo son 44, co cal agardamos que a presenza do CPI Camiño de Santiago sexa numerosa. Todos aqueles interesados en tomar parte, deben enviar a solicitude cumprimentada ben a través de Adrián ou ben enviándoa ó Departamento de Deportes do Concello de O Pino, que coordina Iván Sanmartín, no mail deportes@concellodeopino.com. 
É importante que os pais e nais nos conciencemos da importancia deste tipo de iniciativas. Se o noso fillo/a acode a esta actividade, e lle gusta, por qué non regalarlle unhas horas este sábado? Ademais, é o xeito de que este tipo de accións se artellen como algo habitual e non excepcional. Polo tanto, e dende a ANPA, facémosvos un chamamento á participación. Son actividades boas para os rapaces, conviven, practican deporte e ven recoñecido o seu esforzo. 

lunes, 27 de enero de 2014

CAMPAÑA PARA ESQUIAR DIRIXIDA A RAPACES DE O PINO DE 11 A 14 ANOS

Como é habitual, a Deputación de A Coruña convoca unhas quendas na neve para os rapaces da provincia. Está aberta a convocatoria para que os interesados/as de O Pino se anoten. Na páxina do Concello está toda a información. No seguinte enlace podedes coñecer cómo asistir e cales son as condicións. Vai dirixido a mozos/as de 11 a 14 anos. 

http://www.concellodeopino.com/gl/novas/deportes/340-campana-de-esqui-2014-quenda-concello-de-o-pino

jueves, 23 de enero de 2014

OS NENOS IMITAN A SEUS PAIS: UN VIDEO PARA CAVILAR

Hai videos que consiguen remover conciencias. E este é un deles, ademais resultado dun proxecto escolar. Consideramos convinte compartilo con todos vós.


martes, 21 de enero de 2014

VIDEO DOS ALUMNOS SOBRE A DESIGUALDADE ENTRE XÉNEROS

Hai uns meses, o Concello de O Pino poñía en marcha un programa denominado "Concienciando: O Pino, opina en igualdade", para concienciar sobre a desigualdade que aínda se da entre homes e mulleres. Participando nesta iniciativa, un grupo de rapaces do CPI realizou este vídeo, que resultou ser o gañador do concurso de ideas. Aquí o compartimos para que todos saibades tanto a mensaxe que nos lanzan como traballo realizado. Noraboa a todo o equipo

Este é un enlace ó video. 

domingo, 19 de enero de 2014

NOVA XORNADA DO CAMPIONATO DE ATLETISMO

Onte sábado, na Alameda de Santiago de Compostela, os rapaces do CPI Camiño de Santiago clasificados no campionato da semana pasada en Touro, participaron nunha nova quenda destas probas. Lembramos que só participaron os alumnos/as que asisten á actividade extraescolar de atletismo. Foron tres os que se clasificaron para esta segunda fase en Compostela, en concreto Xoel Blanco Parga, Iria Castro Hermida e Fernando Franco García.
Tralas probas, só Fernando Franco pasou á seguinte rolda, que se vai celebrar o día 15 de Febreiro, no mesmo enclave, a Alameda. Parabéns a todos os rapaces por participar, así como a todos os que apoian e fan posibles estas iniciativas. Grazas tamén ós pais e nais por colaborar. Aquí deixamos algunhas imaxes da xornada de onte.
 





 

jueves, 16 de enero de 2014

RECOLLIDA DE SINATURAS CONTRA O DECRETO DE COMEDORES

Tal e como se acordou na asemblea ordinaria do pasado 27 de novembro, dende a ANPA imos pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas en contra do decreto de comedores aprobado pola Xunta o pasado mes de agosto.
Aínda que como é obvio estamos en contra da totalidade do decreto, somos conscentes de que xa está aprobado e non se vai anular, pero sí pedimos a modificación de certos puntos que atentan, de xeito moi claro, contra o que todos entendemos que é un dereito básico da educación pública.
E esiximos, tamén, que a Consellería “se molle” nun asunto tan delicado coma o dos nenos e nenas que se ven na obriga de levar o xantar da casa. Non se pode admitir que as autoridades aparezan na televisión dicindo que non vai haber problema ningún cos alumnos e alumnas que opten por esta alternativa, e despois non regular nada diso no decreto impedindo, na práctica, esa alternativa. Alternativa que, por certo, sí funciona na meirande parte dos colexios privados.
Non só provoca a perda dun dereito para as familias, se non que implica un vacío legal no que as direccións dos centros non saben a qué aterse diante desta problemática.
Á parte de non regular o uso dos “tuper” , o decreto supón un cambio de modelo no uso e pago deste servizo: a gratuidade pasa do 92% ao 57%, e o alumnado que paga ten que pagar un 40% mais. E, ademais, elimina a gratuidade a todo o alumnado que utiliza o transporte.
Polo tanto, esiximos:
Primeiro: Que se regule de forma clara e concisa a alternativa (xa existente a día de  hoxe) dos alumnos que, non podendo afrontar o pago das taxas, se ven obrigados a levar o xantar da casa.
Segundo: Que se teña en conta o nivel de renda nas familias que, por motivos laborais, se vexan na obriga de escolarizar os seus fillos en centros de fóra do ámbito que lles corresponde.
Terceiro: Que se repoñan as taxas e prezos de comedor aos existentes no anterior decreto.
Solicitamos, pois, a vosa colaboración. Cantas máis sinaturas mellor.
Lembrade que pode asinar calquera persoa maior de idade, pertenza ou non á comunidade educativa.
É moi importante que todas e todos nos impliquemos nesto, porque se lle está a abrir a porta a re-pagar por servizos públicos básicos: hoxe é o comedor, mañán pode ser o transporte, etc.
Xa vos enviamos un formulario ás casas a través dos vosos fillos e fillas. De todos xeitos, se alguén non o tén pode descargalo pinchando aquí.
O formulario coas sinaturas podedes devolvelo ao colexio directamente a través dos nenos/as, entregándoo na secretaría do colexio, ou a calquera membro da directiva da ANPA.  A data límite para entregalo é o vindeiro día  29 de xaneiro.

Moitas grazas polo voso apoio e colaboración.              

martes, 14 de enero de 2014

A ENTRADA EN VIGOR DA LOMCE OBRIGA A CAMBIAR OS LIBROS DE TEXTO.

A aprobación da reforma da Lei de Educación (Lomce), vai supoñer unha nova carga económica para as familias, xa que obriga á renovación dos libros de texto.É unha lei que nace morta, xa que ao ser aprobada sen consenso algún, e en contra da opinión de todos os estamentos implicados (mestres, alumnos, nais e pais, etc.) é de esperar que sexa retirada en canto no arco parlamentario poida conseguirse o sentido común e o consenso suficientes para que así sexa.
Aínda así, ou quizáis por este motivo, os seus impulsores teñen moita présa en sacala adiante, e se nun principio barallaban a posibilidade de ir implantándoa daquí a dous anos, agora adiantan os prazos e sabemos que será imposta, xa, no vindeiro mes de setembro.Comezará a aplicarse en 1º, 3º e 5º de Primaria, e nas 14 titulacións da FP básica.
A posta en marcha desta Lei, aparte de supoñer un ataque sen precedentes á educación pública, obriga, como queda dito, á renovación dos libros de texto, co que moitas familias terán que volver a mercar libros novos un ano máis.Polo mesmo motivo, deixa sen efecto a posta en marcha dos bancos de libros que viñan funcionando xa nalgúns centros, e que a ANPA do CPI Camiño de Santiago quere sacar adiante canto antes; anque, claro está, xa non vai ser posible para todos os cursos. Ademáis, o que nos parece aínda máis grave, é que a obriga de renovar os libros coincide coa reducción das axudas para a compra de libros do Ministerio de Educación. A convocatoria saíu publicada no BOE o pasado martes 7 de xaneiro e reduce as axudas nun 40%.

viernes, 10 de enero de 2014

BALANCE DO CAMPIONATO DE ATLETISMO EN TOURO

Esta mañá celebrouse, por fin, ese Campionato de Atletismo intercentros que ía ter lugar o mes pasado. Foi no Concello de Touro e voltamos para casa cos cativos ilusionados e satisfeitos de ter participado. Estamos pendentes da Clasificación por equipos, que aínda non saiu. Pero sí temos xa tres clasificados para a segunda fase, que se vai celebrar o sábado, día 18, na Alameda de Santiago.
Os tres clasificados de xeito individual son:

Iria Castro Hermida
Xoel Blanco Parga
Fernando Franco García

En total, os participantes foron, na categoría Benxamín:

Kevin Andrade Otero
Xoel Blanco Parga
Alejandro Beis Vigo
Fernando Franco García
Candela González Fernández

E na categoría Alevín:

Iria Castro Hermida
Rubén Varela Pérez
Iago Seijo Castro

Noraboa a todos por participar e por entregalo todo na proba. E os nosos parabéns ós clasificados. Cando teñamos a clasificación por equipos, engadirémola. Aquí tendes unhas imaxes dos rapaces.





miércoles, 8 de enero de 2014

RETÓMASE O CAMPIONATO DE ATLETISMO

Este venres, día 10 de xaneiro, vaise celebrar o Campionato de Atletismo previsto hai unhas semanas no
Concello de Touro. Trátase, como vos contamos, dunha cita intercentros e que vai dirixida a todos os rapaces que participan na actividade extraescolar de Atletismo. Na súa organización colabora o Departamento de Deportes do Concello de O Pino. Está previsto que o autobús saia do noso centro, en Arca, ás 10:00 horas e a volta está prevista para as 13:30 horas.
Iso sí, queremos comunicarvos que a organización pide a todos os rapaces que vaian participar que leven unha muda, por se finalmente chove algo e se mollan disputando a proba. Nós, dende a ANPA, queremos felicitar e aplaudir este tipo de iniciativas, ademais de dar moitos ánimos a todos os rapaces que van tomar parte.