jueves, 4 de diciembre de 2014

COMUNICADO DE CONFAPA-GALICIA


O pasado mes de novembro tivo lugar a presentación do estudo sobre “La participación de las familias en la educación escolar”, que foi promovido e coordinado polo “Consejo Escolar del Estado”.
Sorprende que un estudo dese tipo, no que se recolle a participación das familias, fose feito sen contar –precisamente- coas asociacións de nais e pais, nin tampouco co profesorado, verdadeiros “actores” e coñecedores da realidade dos centros educativos.   
É un estudo, pois, que non recolle a realidade que se vive nas ANPAs, e que non reflicte de xeito veraz a situación actual do sistema educativo.

Premendo aquí podes acceder ao comunicado emitido, a este respecto, por CONFAPA GALICIA.

martes, 2 de diciembre de 2014

ORZAMENTOS DO ANO 2015 PARA EDUCACION

Hai unhas semanas que se aprobaron os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2015. No que respecta a Educación e Cultura son uns orzamentos que, ao noso entender, quedan moi lonxe do que precisamos para acadar un sistema educativo de calidade. Premendo aquí podes ver unha información que nos envían dende CONFAPA-GALICIA, na que debullan por enriba, pero de xeito moi claro, algúns datos deses orzamentos.

martes, 18 de noviembre de 2014

XORNADA DE ORIENTACION AO ESTUDO.

Co obxectivo de dotar ás familias dunhas pautas precisas que favorezan o desenvolvemento no alumnado dun adecuado hábito de estudo, dende a ANPA programamos unhas xornadas de orientación dirixidas a nais e pais, que correrán a cargo de Alberto Armada da Cruz, licenciado en pedagoxía e psicopedagoxía pola Universidade de Santiago. 
Tedes máis información premendo aquí.



martes, 23 de septiembre de 2014

RESUMO DA ASEMBLEA DO 22 DE SETEMBRO.

Na asemblea celebrada onte luns 22 de setembro, informamos que o Concello de O Pino decidira, o pasado venres día 19, cubrir a vacante de conserxe con unha persoa a media xornada.
De seguido comentamos que estes días estivemos tratando de saber, con seguridade, a quen lle corresponde a competencia de cubrir a praza de conserxe. Informamos que nos puxemos en contacto coa Consellería de Educación, e que dende aquí nos pasaron o argumento no que eles se basan para dicir que é competencia municipal. Tamén informamos do escrito que o Concello remitíu ó Consello Escolar para argumentar en sentido contrario, afirmando que é competencia da Consellería.
Demos lectura ós argumentos das dúas partes e, unha vez expostos, volvemos deixar claro que non nos importa, como colectivo de nais e pais, de quén é a responsabilidade de cubrir o posto de conserxe. 
A opinión unánime dos asistentes foi que un posto de conserxe a media xornada non cubre as necesidades funcionais e de vixiancia do centro.
Daquela acordóuse, tamén por unanimidade, e aproveitando que o vindeiro mércores día 24 se celebra pleno ordinario no Concello, presentar unha moción en nome do colectivo de nais e pais no que se solicite:
1.- que o Concello cubra o posto de conserxe a xornada completa daquí ao 31 de decembro, aproveitando que nos orzamentos municipais de 2014 xa se contempla ese posto.
2.- que o Concello, daquí a esa data, chegue a un acordo coa Consellería de Educación para que, entre as dúas administracións, decidan a cal das dúas lle corresponde seguir cubrindo esa praza a partires desa data.
 Aproveitamos tamén  para informar ás familias dos actos vandálicos ocorridos esta fin de semana no recinto do colexio, dos que a maior parte das nais e pais xa estaban informados pero que, a outros, colléunos por sorpresa.
Lembramos, para rematar, que nos vindeiros días deberían entregarse as follas de actividades extraescolares, xa que éstas comezarán a semana que vén.
Seguiremos informando das novidades que se produzan.

viernes, 19 de septiembre de 2014

REUNIÓN O LUNS 22.

Informámosvos que na mañán de hoxe venres día 19, o Concello de O Pino aprobou unha resolución sobre a problemática da falta de conserxe no noso colexio.
Teremos que estudar a resolución con detalle e, entre todos, tomar unha decisión sobre o que facer. Por este motivo convocamos unha reunión para o vindeiro luns día 22, ás 19:15 horas, na aula de usos múltiples do centro, para tratar este asunto.
Pregámovos que vos fagades eco desta convocatoria para que poida asistir o maior número posible de persoas.
Graciñas de antemán.

jueves, 11 de septiembre de 2014

BALANCE DA ASEMBLEA DESTA TARDE

Convocamos esta tarde unha asemblea extraordinaria con dous puntos na orde do día. Por unha banda queriamos amosar a todos os pais e nais asistentes a nosa satisfacción pola solución dos problemas de profesorado no colexio. Queremos dar as grazas a todos e cada un dos que nos apoiastes cando o solicitamos para axudarnos nas reivindicacións educativas. 
Por outra banda, tal e como manifestou a directora do centro, Elena Quintela, na asemblea, existe un problema coa praza de consexe do CPI Camiño de Santiago. Manuel Parga xubilouse este verán e a praza está sen cubrir. A postura que adoptou o centro ante esta situación foi a de que a propia Directora deixe de lado as súas funcións lectivas para asumir esas funcións ata o día 22. Se daquela o problema segue sen solución, tomaranse outras medidas.
Nós, dende a ANPA, o que solicitamos é que se solucione esta situación canto antes polo ben de toda a comunidade educativa. 

miércoles, 10 de septiembre de 2014

REUNIÓN MAÑÁN XOVES DÍA 11 ÁS 19:00 HORAS.

Convocamos reunión de nais e pais para mañán xoves, día 11, ás 19:00 horas, na aula de usos múltiples do CPI Camiño de Santiago, para informarvos das novidades que temos respecto de varios asuntos: concretamente sobre a plantilla definitiva de profesorado e a praza de conserxería. Difundídeo para que poida acudir o maior número posible de persoas. E grazas xa anticipadas pola vosa asistencia.

lunes, 8 de septiembre de 2014

COMEZO DE CURSO NA ESO.

Como xa sabedes, o vindeiro día 15 comeza o curso na ESO. Anque aínda non vos convocamos a ningunha xuntanza no que vai de mes de setembro, non deixamos de traballar sobre no asunto do cadro de profesores que precisamos no CPI Camiño de Santiago para a ESO. Lembrade que o concurso de traslados remata este vindeiro venres día 12, polo que aínda non podemos darvos novas definitivas. Seguimos en contacto tanto coa Dirección do Centro coma con outros organismos, e en canto teñamos novas cen por cento fiables farémovolas chegar. De momento toca agardar.

BANCO DE LIBROS

Queremos agradecer a participación de todas as familias que colaboraron para poder poñer en marcha o Banco de Libros. 
Informámosvos que temos aínda dispoñibles algúns libros da ESO; consultádenos por se algún poder aínda facervos falta. Tamén precisaríamos algúns de 2º da ESO, polo que se alguén ten libros deste curso e non vai usalos agradeceríamolle que no-los cedese.
Grazas de novo a todos. Seguimos á vosa disposición.

martes, 2 de septiembre de 2014

COMEZAMOS CURSO.

Na mañán de onte luns membros da directiva da ANPA reuníronse coa dirección do CPI Camiño de Santiago para ir vendo cómo está, agora mesmo, a situación do cadro de persoal docente para o curso que comeza.
De momento a cousa está tal cal sabíamos o pasado mes de xullo:

En infantil desdóbrase un grupo, polo que se incrementa un mestre nesta etapa, ao tempo que se vai adaptar unha nova aula.

En primaria mantense o cadro docente tal cal estaba, para permitir os desdobres.

En secundaria seguimos na mesma situación ca no mes de xullo, e faltaría un mestre para acadar o cadro que se acordara coa Consellería.
Aínda así, hai que ter en conta que ao longo desta semana os alumnos da ESO están a facer as probas de setembro, e en función dos resultados o número de alumnos por curso poder ser un ou outro.
Ademáis, en función das asignaturas optativas que se escollan, os mestres deberán ter un ou outro perfil distinto, polo que -tal e como nos dixo hoxe a Dirección do Centro- é mellor agardar á semana que vén para ver como queda a organización definitiva da ESO.

De todos xeitos, se houbese novidades estes días terésmosvos informados.

Tamén estamos á espera de que se cubra o posto de conserxe, vacante a día de hoxe pola xubilación do señor Manuel Parga, e que aínda non se cubríu por parte da administración.

Para rematar, informarvos tamén que se vai tirar un dos tabiques da aula de debuxo da ESO; e tamén que, a día de hoxe, a Consellería aínda non realizou a obra, comprometida por escrito, de instalar luz eléctrica no patio cuberto.
Neste sentido, solicitaremos información de por qué non se fixeron estas obras ao longo do verán e se agardou a que o curso estea comezado para levalas adiante.


Pedímosvos que esteades atentos ás novas que poidan ir xurdindo e das que iremos informando tanto polo facebook coma na nosa web.

martes, 15 de julio de 2014

Proposta da Administración e decisión da Asemblea

Como sabedes, o pasado mércores, día 9 de xullo, celebruse unha reunión entre membros da ANPA do CPI Camiño de Santiago, o Alcalde, Manuel Taboada, a Concelleira de Educación, Eva Varela, membros da Dirección do colexio co Xefe Territorial da Consellería de Educación, D. Indalecio Cabana, o Xefe de Inspección, D. Fermín Álvarez, e o Inspector de zona, D. Rodrigo Porral.
Nesa reunión confirmouse que, da proposta inicial da administración de desprazar 4 prazas de profesorado definitivas do centro (unha en primaria e tres en secundaria), a praza de primaria e unha das de secundaria (a correspondente á asignatura de Lengua Castellana) xa non serán desprazadas. É dicir, quedarían no colexio eses dous mestres. Con respecto ás outras dúas prazas definitivas de secundaria que a Consellería quere desprazar este ano, a administración propuxo o seguinte compromiso: 
“Desprázanse 2 profesores con praza definitiva no centro por falta de horario, en concreto un de inglés e un de matemáticas. Ante a solicitude da ANPA pola falta de espacios, a Xefatura Territorial comprométese a estudiar a petición e informala favorablemente á Consellería”.
Este compromiso consistiría, en palabras dos representantes da administración, no envío de dous mestres provisionais para cubrir as prazas dos dous desprazados. “A xefatura territorial tamén se compromete a informar favorablemente as solicitudes de contratos programa que se soliciten dende o Centro”, para poder facer os reforzos que ata o de agora viña facendo a plantilla de mestres asignada ó colexio.
Esta proposta foi recollida pola dirección da ANPA, que a trasladou á asemblea de nais e pais celebrada na mesma tarde do mércores día 9, na que se decidíu pospoñer a toma dunha decisión definitiva ata unha nova asemblea a celebrar o luns 14 de xullo. Seguidamente, a dirección da ANPA puxo a proposta da administración por escrito e presentouna por rexistro para a Consellería, ademáis de enviala por correo electrónico á Xefatura Territorial. 
Onte, na asemblea que tivo lugar ás 20:00 horas no centro, os pais e nais de alumnos do CPI Camiño de Santiago decidiron que se aceptaría a proposta da administración sempre e cando lles sexa remitida e confirmada por escrito no prazo de dous días, xa que no momento de celebrar a asemblea non se tiña constancia de que a Consellería tivese fallado favorablemente esa proposta. 
O colectivo de nais e pais volverá celebrar unha nova asemblea o vindeiro mércores 16 de xullo, ás 20:00 horas, dispostos a retomar as mobilizacións no caso de que administración non lles teña dado antes unha reposta positiva.


martes, 8 de julio de 2014

SEGUIMOS NEGOCIANDO.

Seguimos a traballar para que non se nos quite ningún mestre do noso colexio.
O xulgado número 2 de Santiago vén de anular o baremo que a Xunta quería aplicar no concurso de traslado de profesores, o que obriga á Consellería a retrasar a data marcada para darlle destino ó profesorado de cara ó vindeiro curso.
Esto, anque non ten directamente nada que ver cas nosas reclamacións, sí que nos da un pouco máis tempo para poder seguir loitando polo que por dereito nos pertence.
Non imos parar ata que a administración dea marcha atrás e nos garanta que o cadro de profesores do CPI “Camiño de Santiago” vai ser o mesmo que tíñamos ata o de agora.
Estamos á espera de manter unha nova reunión ca Consellería, da que vos informaremos en canto teñamos resultados.
Pedímosvos que sigades estando alerta e pendentes das nosas comunicacións e noticias, xa que de non darse os resultados que queremos seguiremos coas mobilizacións.

Graciñas a todos e a todas polo voso apoio e a vosa forza.

domingo, 6 de julio de 2014

O MANIFESTO QUE LEMOS NA MANIFESTACIÓN

É gratificante ver a resposta que está a dar a xente de O Pino á petición de axuda que lanzamos os pais e nais do colexio. Porque iso é o que vos pedimos: a vosa axuda e a vosa solidariedade para que non nos quiten o que por dereito nos corresponte. Por iso, antes de seguir, queremos darvos as grazas en nome de todos os pais e nais de alumnos do CPI. 
Porque o que están intentando facer con nós é un atropelo, un sinsentido e unha barbaridade. Recortar catro mestres con praza fixa no centro non é calquera cousa: é mermar as posibilidades dos rapaces e rapazas de O Pino de ter unha educación de calidade. 
É que non son 4 mestres que pidamos por capricho, ou foran provisionais ata agora. É que son catro mestres fixos do centro, que se fixeron falta estes anos, máis falta farán agora que se está a incrementar a matrícula de alumnos no centro. 
Temos rapaces que precisan clases de reforzo ou atención especial, e hai que darlla, como se está a facer ata o de agora aquí. Se nos quitan catro mestres non poderán facerse eses reforzos. En qué situación quedarán eses rapaces?
Como dixemos, nós non estamos a pedir mestres por capricho. Estamos a pedir o que temos e é noso. Non pedimos nin máis nin menos. Pedimos o que temos. É curioso que a propia Administración que nos pide xuntar aulas é a mesma que acaba de aprobar unha Lei para separalas. Na LOMCE prevese a división de terceiro e cuarto da ESO en dous itinerarios distintos, un vencellado á FP (Formación Profesional) e outro ó Bacharelato. Qué vaI pasar, daquela, cando uns rapaces collan un itinerario e outros outro? Van estar separados, con mestres distintos... pero xuntos na mesma aula? Que nolo expliquen porque non o entendemos.
A mesma Administración que vén de aprobar o decreto do Plurilingüismo quere agora quitarnos un mestre de Inglés e eliminar a Sección Bilingüe, que leva funcionando con éxito  no noso colexio dende hai anos. Que nolo expliquen, porque non o entendemos. 
A mesma Administración que prevé desdobres de aulas nas asignaturas troncais cando haxa máis de vinte alumnos nun curso, quere que metamos a 30 rapaces nunha soa aula. Que nolo expliquen porque non o entendemos. 
E non o entendemos porque non ten explicación. Porque o que queren facer no noso colexio é un recorte inxustificado. Un ataque ós dereitos dos nosos fillos e fillas, que nos afecta a todos os veciños do Concello, teñan ou non rapaces no centro. Porque a educación é un pilar básico para a sociedade. 
E alomenos, aquí, en O Pino, non imos pasar por esas... Coa forza de todos, coa vosa forza, conseguiremos o que merecemos e o que merecen os vosos fillos e fillas, os vosos netos e netas: unha educación de calidade para que poidan ter as mesmas oportunidades que os demais. 
Grazas pola vosa axuda!








viernes, 4 de julio de 2014

NOVIDADES E NOVA MANIFESTACIÓN

Hoxe venres, tal e como vos anunciamos onte, realizamos unha nova concentración nas inmediacións do CPI Camiño de Santiago, para continuar coa nosa reivindicación do mantemento do cadro docente do pasado curso para o novo ano lectivo. De novo queremos agradecer a importante presenza das familias, implicadas ó 100% nesta “loita”. Unhas reivindicacións que, tal e como decidimos hoxe, van continuar o vindeiro domingo. 
Está convocada para ESTE DOMINGO (día 6) unha MANIFESTACIÓN que partirá dende o CPI Camiño de Santiago. Estades todos convocados alí ás 11:30 horas. Iremos por diferentes rúas de Arca para rematar lendo un comunicado ante o edificio do Concello. 
Queremos compartir tamén con vós unha información que nos chegou este mediodía. Porque xa se produciron os primeiros movementos institucionais.Tras unha reunión mantida pola Dirección do centro con diferentes representantes educativos (non permitiron a nosa presenza), transmitiusenos o que eles (responsables educativos) consideraban unha “solución”: o mantemento dunha praza de Primaria e outra de Secundaria. Evidentemente, para nós isto non é admisible. De ningún xeito. Esa decisión non vai solucionar o problema de espazo en Secundaria nin que haxa docentes suficientes para dar resposta ás necesidades educativas dos nosos fillos. Polo que á dirección da ANPA respecta, esa solución non é válida.
 Por iso imos continuar coas protestas de diferentes xeitos. A primeira delas, a manifestación do vindeiro domingo, día 6 de Xullo. Contamos con vós! Co futuro dos nosos fillos non podemos xogar.
Asemade, queremos lanzar tamén un chamamento ás autoridades locais de O Pino. Porque isto que agora a Xunta plantexa como "solución", é dicir, darnos 2 mestres e quitarnos 4, non nos parece nin de recibo. Por iso, tal e como, por unanimidade dos tres partidos, se espuxo no pleno desta semana, solicitamos unha maior presión por parte do máximo responsable da Corporación, neste caso o Alcalde, ante a Consellería e os diferentes responsables educativos, para intentar que o cadro de profesores sexa o que ten que ser. É dicir, que non eliminen ningunha praza.  





jueves, 3 de julio de 2014

SEGUIMOS A LOITAR POLO NOSO.

Gustaríanos que non fose así, pero seguimos sendo noticia polo recorte de profesorado que a Consellería de Educación quere facer no noso centro. A nosa oposición a esa inxusta medida e as mobilizacións que estamos a levar adiante están a ser sentidas e apoiadas desde moitos ámbitos, e o eco das nosas reivindicacións está soando forte.
Premendo aquí tedes o enlace á edición dixital do xornal La Voz de Galicia de hoxe venres.
Sigamos loitando para que a próxima vez que teñamos que saír nos medios de comunicación sexa por motivos ben diferentes e moito máis positivos.

ACORDOS DA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DESTE XOVES

Na Asemblea extraordinaria convocada para esta tarde de xoves, ás 20:00 horas, todos os pais e nais alí presentes decidimos, por unanimidade, continuar coas protestas mentres a Administración Autonómica non nos proporcione  unha solución ó grave problema que se plantexa no colexio coa reducción de docentes que a Xunta pretende implantar. 
Como vos anunciamos, esta mesma mañá reunímonos, na cidade da Coruña, con Belén Docampo, responsable Territorial da Xunta para a provincia. Na reunión tamén estaban o Alcalde de O Pino,  Manuel Taboada, e o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana. Non extraemos nada en claro desa reunión, só que van estudar o tema e que nos comunicarán unha decisión. 
O que sí temos moi claro é que QUEREMOS QUE O NÚMERO DE MESTRES DO CPI CAMIÑO DE SANTIAGO QUEDE TAL E COMO ESTÁ. Nin máis nin menos. Que se manteña a plantilla tal e como funcionou o curso pasado. Entre outros moitos motivos porque ademais existe un gravísimo problema de espazo no centro. Calquera persoa que vexa as aulas do CPI e con dous dedos de frente pode comprobar que no edificio da ESO é imposible manter a ratio que queren establecer nas aulas. Iso sen contar con que espazos coma os Laboratorios ou a Aula de Debuxo teñen capacidade para 21 alumnos. Qué fai mentres o resto? Quen decide e con qué criterio quen entra e quen non? Onde está a igualdade de oportunidades?
Mañá venres está prevista unha CONCENTRACIÓN no recinto do CPI Camiño de Santiago ás 10:30 para seguir amosando a nosa repulsa ante esta decisión arbitraria e inxusta. O resto das accións determinaranse en función das respostas que vaiamos obtendo.
Unha vez máis, moitísimas GRAZAS  a todos pola colaboración. 

miércoles, 2 de julio de 2014

MANIFESTACIÓN E PLENO MUNICIPAL

Hoxe mércores foi un día moi intenso para nós defendendo que se poña remedio á inxustiza que queren cometer co CPI Camiño de Santiago. Queremos dar as grazas a todas as familias, que foron moitísimas, que se achegaron a Arca para tomar parte na manifestación desta mañá, realizando pancartas, dándonos ideas, apoiándonos e sobre todo, defendendo o futuro educativo dos seus fillos, netos, sobriños, etc. Realizamos unha recollida de sinaturas, presentamos solicitudes, centos, no Rexistro do Concello e como vos contamos, mañá iremos con Elena Quintela, directora do colexio, e co Alcalde, Manuel Taboada, á Coruña a unha reunión con Belén Docampo, responsable territorial para a nosa provincia da Xunta de Galicia. 
Imos conseguir recuperar os docentes que queren eliminar. Isto que estamos facendo é só o principio. Ninguén nos vai calar, porque defendemos o que é xusto. E co ensino non se xoga. 
Ademais, realizouse no Concello de O Pino un Pleno Extraordinario onde os tres grupos políticos respaldaron por unanimidade apoiar plenamente as nosas peticións e incluso solicitar que non só se manteñan as plazas definitivas de mestres, senón o cadro completo de profesorado que houbo durante este curso 2013/2014. 

Estas son algunhas imaxes da xornada. Manterémosvos informados do que vaiamos coñecendo. De novo, familias, moitísimas grazas.







NOVA REUNION COA ADMINISTRACION

Informamos que mañán xoves unha representación da directiva da ANPA, xunto ca directora do CPI Camiño de Santiago e o alcalde de O Pino, terán unha reunión na Coruña con Belén Docampo, Delegada Provincial da Consellería, na que se solicitará a solución ao problema provocado pola decisión da Consellería de recortar o profesorado no noso centro; solución que para nós pasa por manter íntegro o cadro de persoal existente no curso que vén de rematar.
Seguiremos informándovos a medida que vaiamos coñecendo novas.
Con forza e o apoio de todos e todas podemos conseguir que se respeten os nosos dereitos.

PLENO EXTRAORDINARIO NO CONCELLO.

Informamos de que hoxe, ás 14:00 horas, haberá un pleno extraordinario no Concello de O Pino para debater unha moción de apoio ás nosas reivindicacións. Dito pleno foi solicitado polos grupos do PSOE e BNG, que presentan a moción de forma conxunta, e convocado de forma urxente polo goberno municipal.
Se conseguimos o apio de todos podemos facer forza e facer que se nos escoite.
Temos que encher o salón de plenos. É importante acudir e que se nos vexa. Non loitamos contra ninguén, se non que defendemos os nosos dereitos e os dos nosos fillos e fillas.

martes, 1 de julio de 2014

RECOLLIDA DE SINATURAS

Temos tamén preparado, tal e como se acordou, un formulario de recollida de sinaturas para facer chegar a todas aquelas persoas que, teñan ou non fillos no CPI Camiño de Santiago, sexan sensibles ó problema que estamos a ter e queiran apoiarnos nas nosas demandas. Podedes descargalo premendo aquí.

ESCRITO DE ALEGACIÓN PERSONALIZADO

Tal e como se acordou na reunión desta tarde é importante que mañán se presenten as alegacións ao recorte de profesorado de maneira individualizada, no rexistro do Concello. Podedes descargar o escrito pinchando aquí.
Lembrámosvos que ás once e media manifestarémonos diante do CPI Camiño de Santiago, en Arca. Canto máis sexamos mellor. Só facendo forza poderemos conseguir os nosos obxectivos.

ARGUMENTARIO DA PROTESTA SOBRE O RECORTE DE PROFESORADO

A dirección da ANPA do CPI Camiño de Santiago, do Concello de O Pino, reunida en sesión extraordinaria o día 30 de xuño de 2014, ante o noticia achegada pola Dirección do Centro, referente á supresión de 4 prazas de profesorado con destino definitivo no centro para o vindeiro curso 2014-2015, fai constar o que sigue:
No que afecta ás etapas de Educación Infantil (EI) e Primaria (EP)

1.En 6º de E.I. supérase a ratio establecida (26 alumnos) legalmente recollida na Orde de 25 de xuño de 2009, co cal é preciso un desdobre. Tendo en conta isto necesítanse 4 mestres titores e, tal e como establece a lei, por cada 3 unidades corresponde un docende de apoio. Co cal as necesidades para o vindeiro curso 2014/2015 para Educación Infantil  serían 4 titores e 1 mestre de apoio. En total 5 mestres de Educación Infantil. A maiores, convén destacar que unha das titoras é Xefa de Estudos de Primaria, polo que a necesidade destes 5 mestres está máis que xustificada.

2.Urxe que se envíe un mestre de Educación Infantil na Adxudicación de Destinos Provisionais, xa que 4 son definitivos no centro.

3.Tendo en conta que as ratios establecidas por lei supéranse nos niveis de 4ª e 6º de Educación Primaria (28 e 27 alumnos respectivamente) e 2 docentes de Primaria forman parte do Equipo Directivo, coas súas correspondentes horas de liberación, non sería posible o desdobre deses cursos se se suprime un definitivo.

RATIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E EDUCACIÓN PRIMARIA PARA O CURSO 2014/2015

ETAPA                                               NIVEL                                     Nº DE ALUMNOS


EDUCACION INFANTIL                     4º                                                    23

                                                               5º                                                    20

                                                               6º                                                    26
EDUCACION PRIMARIA


                                                                1º                                                   24

                                                                2º                                                   25

                                                                3º                                                    24

                                                                4º                                                    28

                                                                5º                                                    21

                                                               6º                                                     27

4.Queremos manifestar a inquietude que nos produce o uso que, por parte da Administración, se fai da famosa “excepcionalidade do 10%” no incremento da ratio. Gustaríanos saber qué é excepcionalidade e que non, xa que apreciamos que o feito de que se nos avise en xuño de qu imos superar a ratio establecida en setembro ten pouco de “excepcionalidade”.
5.Ademais os especialistas non se poderán encargar de funcións de titoría, xa que teñen  o  seu horario ocupado: un mestre de Inglés é coordinador ABALAR, unha mestra de inglés é cotitora dun grupo, e a mestra de Música é Directora do centro.
6.Sinalar que xustamente nos grupos onde se supera a ratio atopámonos con varios alumnos con necesidades educativas de apoio específico (NEAE): en 4º de E.P.: un alumno con ACI e 4 con Reforzo Educativo; en 6º de E.P.: 2 alumnos con Reforzo Educativo.
7.Ademáis, no centro hai numerosos casos de NEAE. A supresión dun mestre repercutiría negativamente na súa adecuada atención. A modo de exemplo, sinalar que este curso algún mestre fixo tarefas de apoio nas súas horas de garda nalgúns niveis para contribuír a unha atención máis individualizada (tal como recomenda a lei) e paliar dificultades. Coa supresión dun mestre, estes apoios non serían posibles o vindeiro curso, o que tería consecuencias negativas no nivel de competencia curricular do noso alumnado.
No que afecta á etapa de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)
1.Que esta medida foi comunicada telefonicamente, unha vez rematadas as actividades lectivas, o pasado 27 de xuño, cando só dúas semanas antes á dirección se lle fixera saber que o cadro de persoal do centro sería o mesmo que o do presente curso. Ademáis, a propia orde de destinos provisionais para o vindeiro curso indica que de haber profesorado suprimido ten que comunicarse aos centros antes do 25 de xuño.
2.Que na ESO, sobre un cadro de persoal de 16 profesores con horario completo nesta etapa educativa (excluímos a orientadora, PT e a profesora de Relixión Católica compartida con outro centro), este recorte supón a eliminación do 19% deles.
3.Para facer viable numericamente este recorte, é dicir, para que haxa profesorado suficiente no centro para impartir as materias preceptivas da ESO, a administración propón a redución de 3 unidades na ESO (en 1º, 2º e 3º), é dicir, pasar das 8 unidades actuais a 5. Faise isto sobre a “escaseza” de alumnado do centro, xa que as previsións para o vindeiro curso están lixeiramente por debaixo da ratio máxima que establece a lexislación para esta etapa, que é de 30 alumnos/as por aula. En concreto, e a falta da avaliación extraordinaria de setembro, e de non haber novas matriculacións ou traslados de expedientes, estímase que en cada nivel o alumnao sería como segue:
 1º ESO
26 alumnos/as
2º ESO
27 alumnos/as
3º ESO
25 alumnos/as
4º ESO
35 alumnos/as

Porén, hai que sinalar que o noso centro encádrase nun entorno moi rural e disperso, dun entorno socioeducativo medio-baixo. Dende hai case unha década, en cumprimento do ditado no apartado 8 relativo a medidas de atención á diversidade (Orde do 6 de setembro de 2007 pola que se desenvolve a implantación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia), o profesorado e persoas titoras veñen facendo un grande esforzo por compensar as enormes desvantaxes que o noso alumnado ten con respecto a alumnado de centros inseridos noutros contextos. É dicir, para tentar evitar “unha discriminación que lle impida ao alumnado acadara” os obxectivos da etapa da ESO, como se sinala no punto 8.b da orde citada.
Até o de agora, realizábanse no centro ou desdobres (cando se superaban os 20 alumnos/as por aula indicados no apartado 8.f da citada orde), ou os reforzos na aula. Estas medidas puidéronse levar a cabo grazas ao cadro de persoal de profesorado coa que conta o centro. O presente recorte suporá, na práctica, a eliminación destas medidas de atención á diversidade tan necesarias no noso centro. A propia lei que desenvolve en Galicia a implantación da ESO contempla o desdobre de grupos nas áreas de Lingua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas cando o número de alumnos sexa superior a vinte. Precisamente no noso centro teñen que verse afectadas as áreas de Lingua Castelá e Matemáticas. Xa que en todos os cursos da ESO o noso alumnado supera esa cifra, non se entende ben que os departamentos afectas pola decisión das autoridades educativas se correspondan precisamente con esas materias, claves instrumentais no currículo académico.
4.Para facer máis visible o anterior, relativo ás dificultades educativas propias do noso alumnado, presentamos a continuación a seguinte táboa, onde se indican os alumnos/as que tiveron medidas específicas de reforzo e ACI nalgunha materia ao longo do curso 2013-14:

CURSO  ALUM. REF ACI TOTALAD % REF % ACI % AD
1º A           12        4       0            4              33%     0%     33%
1º B           15        4       1            5              27%     7%     33%
2º A           13        3       3            6              23%    23%    46%
2º B           12        5       0            5              42%      0%    42%
3º A           17       7        0            7               41%     0%    41%
3º B           19       5        0            5               26%     0%     26%
4º A           12       1        0            1                 8%     0%       8%
4º B            11      1        0            1                  9%     0%      9%

TOTAL 111       30        4           34              27%      4%      31%

Como se pode observar, na ESO case un tercio do noso alumnado recibe algunha medida específica que contribúa a paliar dalgún xeito a súa desvantaxe. En 2º da ESO, un nivel tradicionalmente máis problemático, esta cifra achégase a case a metade do alumnado. Qué vai ser dese alumnado misturado nunha aula que se pode achegar aos 30 alumnos/as? E que vai ser tamén de aqueles e aquelas que destacan por riba da media? En definitiva, qué vai ser da atención á diversidade do noso centro? A resposta é obvia: quedará reducida a unha mera figura retórica.
5.Queremos facer constar tamén que o recorte anunciado, nun centro inserido nunha contorna rural e moi dispersa, como xa se sinalou, supón unha grave discriminación para os nenos e nenas de O Pino.
Como xa lle consta á administración educativa, o noso centro obtén cada ano uns resultados por debaixo da media galega nesa avaliación. Non ocorre o mesmo, sen embargo, con respecto dos parámetros de referencia do noso centro desde o punto de vista socioeconómico e cultural –de carácter medio-baixo-, nos que obtemos os resultados esperables. Se esta era a situación ata o de agora, cando tíñamos nos cursos de 1º e 2º de ESO ou ben desdobres nas materias de Ligua Castelá, Lingua Galega e Matemáticas, ou ben grupos reducidos en torno a 15 alumnos por aula, é previsible que se desaparecen esas medidas de atención á diversidade, os resultados académicos vaian a peor. Resúltanos difícil de imaxinar que o alumnado que cada ano necesita reforzo educativo vaia estar mellor atendido nun gran grupo heteroxéneo de 25 ou máis alumnos que nun grupo reducido e máis homexéneo desde o punto de vista académico.
A escola funciona nestes entornos como verdadeira formación compensatoria, para un alumnado que doutro xeito ten moitas dificultades para acceder a elementos básicos do saber, a cultura e o coñecemento. Menos profesorado vai supoñer menos posibilidades de ver outras formas de ollar ao mundo para o noso alumnado. En definitiva, menos posibilidades de medre e mellor para eles, menos horas de profesorado para abrir a biblioteca, etc.
6.A organización e funcionamento da etapa da ESO veríase seriamente comprometida se se chegase a facer efectiva a decisión comunicada.
As gardas de aulta, transporte e patio, coas situacións complexas que ás veces suceden nelas, terían que ser asumidas por un so profesor. Os reforzos en Lingua Inglesa na sección bilingüe terían que desaparecer por exceso de número de horas semanais da docente. En Educación Física, dado que comparten a pista do pavillón Primaria e Secundaria, veríase dificultada a práctica, aumentaría a inseguridade durante a mesma e mesmo sería imposible utilizar espazos reais de xogo. Nos casos de falta de asistencia ao centro de dous ou máis docentes, sería moi difícil lograr o aproveitamento do traballo dos alumnos se hai que trasladar a varios grupos xuntos a outra dependencia distinta ás súas aulas.
Algunhas aulas da ESO non teñen espazo físico suficiente para acoller de xeito racional e cómodo a 25 ou máis alumnos con cadansúas mesas e cadeiras. Exemplos disto son a aula de Educación Plástica, na que só hai espazo para 21 mesas de traballo, o taller de Tecnoloxía e a Aula de Informática, onde non hai espazo nin ordenadores suficientes para acoller grupos numerosos. Tamén nos laboratorios de Ciencias da Natureza e Física e Química ocorre o mesmo, pois nin o espazo dispoñible nin o material serían suficientes para atender a tal cantidade de alumnos xuntos. E co cadro de persoal que se nos pretende adxudicar non é posible levar a cabo as prácticas previstas nas programación s didácticas sen o desdobre dos grupos.
7.Abundando no anterior, a administración non ten problema en dotar ao centro, na práctica, con algo máis dun profesor a tempo completo para facer labores totalmente impropios ao seu posto e formación. En efecto, 25 horas semanais consume o centro en labores de garda e custodia (de alumnado transportado e de patio). É dicir, hai un funcionario do grupo A1 facendo o traballo dun funcionario do grupo E. Isto escapa a toda racionalidade e entra no puramente kafkiano: a administración gasta máis de 30000€ brutos anuais, no noso centro, nun vixiante.
Por todo o exposto anteriormente, a Dirección da ANPA do CPI Camiño de Santiago acordou por unanimidade manifestar o seu total desacordo coa decisión de suprimir catro prazas de profesores con destino definitivo no centro. Solicitamos por iso a reconsideración da decisión adoptada, no sentido de confirmar –tal e como estaba previsto inicialmente- o actual número de prazas docentes con destino definitivo no noso centro.
No caso de que non se teñan en conta os nosos argumentos, e a decisión final adoptada sexa negativa para o bo desenvolvemento do CPI Camiño de Santiago, verémonos na obriga de emprender as accións que consideremos oportunas para que o cadro de persoal do devandito centro non se vexa reducido para o vindeiro curso 2014-15 respecto do anterior 2013-14.


URXENTE: REUNION SOBRE O RECORTE DE PROFESORADO.

Tal e como vos informamos onte en canto o soubemos, a Consellería de Educación ten previsto recortar drásticamente o número de profesores no noso centro, o que repercutiría moi negativamente na calidade da educación dos nosos rapaces e rapazas. É moi importante que nos mobilizemos para poder evitar este ataque aos nosos dereitos. 
Agardámovos hoxe ás 19:00 horas na aula de usos múltiples do colexio para informarvos polo miúdo.

lunes, 30 de junio de 2014

INDIGNACIÓN POLA REDUCCIÓN DO NÚMERO DE DOCENTES

Esta mesma mañá acabamos de confirmar que a Consellería de Educación pretende reducir en ata 6 docentes a plantilla do CPI Camiño de Santiago. Unha decisión que consideramos indignante e, sobre todo, moi perigosa para a calidade educativa dos nosos fillos/as. Ademais, que non está amparada en ningún razoamento lóxico. En concreto, a Xunta pretende eliminar, con respecto á plantilla do curso que vén de rematar, cinco mestres en Secundaria e un en Primaria.
Isto significa que non se podería facer desdoblamento en Sencundaria, que periga a Sección Bilingüe e que haberá clases que superen a ratio de alumnos permitida. En concreto, queren retirar ó centro un mestre de Matemáticas, un de Lingua Castelá e outro de Lingua Galega, así como dous docentes que estaban de apoio e que xa non se destinan ó noso colexio. 
A directiva da ANPA dirixímonos nesta mesma mañá de luns ata as dependencias da Consellería de Educación, para que se nos explique isto e intentar que non aconteza. Só vos pedimos que difundades esta nova, porque entre todos temos que facer a forza suficiente como para deter tal despropósito. Manterémosvos informados e convocaremos unha Asemblea Extraordinaria o antes q
ue poidamos, cando contemos con toda a información posible.

sábado, 28 de junio de 2014

CALENDARIO ESCOLAR 2014-2015

A Consellería de Educación vén de facer público o calendario escolar do vindeiro curso 2014-2015. Podedes consultalo premendo aquí.

jueves, 19 de junio de 2014

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR O COMEDOR ESCOLAR


Está aberto xa o prazo para solicitar a inclusión dos rapaces no servizo de comedor escolar para o curso 2014-2015. Quen estea interesado pode acudir a recoller os impresos na Secretaría do CPI Camiño de Santiago, ou ben descargalos na páxina web do colexio. O enlace é:


http://www.edu.xunta.es/centros/cpicaminosantiago/


O prazo para solicitar este servizo remata o vindeiro 5 de Xullo.

martes, 10 de junio de 2014

FESTA DE FIN DE CURSO ESTE DOMINGO DÍA 15 DE XUÑO

O Centro Sociocultural Luis Seoane acolle este vindeiro domingo, día 15 de Xuño, un Festival de Fin de Curso que organizamos con dous motivos principais: un é o feito de que os cativos que realizaron actividades extraescolares organizadas pola ANPA poidan expor o seu traballo, e outro, colaborar, como fixemos dende o inicio do curso, cos rapaces de 4º da ESO na organización da súa excursión de Fin de Curso. Hai moitos rapaces que levan facendo un gran esforzo durante todo o ano nas respectivas actividades que elixiron, e deste xeito, con esta exhibición, podemos recoñecerlles o tesón e os bos resultados acadados. 
Ademais, é un bo xeito de dar o impulso final á recadación que están a facer os rapaces da ESO, que levan moitas horas de traballo adicadas a que a súa excursión sexa un éxito. A xornada comezará ás 17:00 horas con Artes Escénicas, posto que os cativos que participaron nesta actividad representarán o conto "De quen é este rabo?", en colaboración con Títeres Cachirulo. Ás 17:20 terá lugar o primeiro dos bailes dos alumnos de Zumba. Serán os rapaces de 4º, 5º e 6º bailando "Culiquitaca".
Posteriormente, a partir das 17:40 haberá unha exhibición de karate, para dar paso a unha nova sesión de zumba. E como broche final, a partir das 18:30, a representación da obra de teatro "Alicia&Alicia", de Paula Carballeira, interpretada polos alumnos de 4º da ESO baixo a dirección de Helena Fernández.
A mestra de cerimonias será a actriz e contacontos Paula Carballeira. Animádevos e participade, porque vai ser unha tarde moi divertida. Agradecemos xa de antemán a participación tanto de alumnos coma de mestres, así como a colaboración do Concello de O Pino a través da Concellería de Educación.

viernes, 16 de mayo de 2014

CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Hoxe queremos facernos eco de que xa está aberto o prazo para inscribirse nos Campamentos Deportivos da Deputación da Coruña para este 2014. No caso do noso Concello, a O Pino tócalle na primeira quenda, do 29 de xuño ao 5 de xullo. Vai dirixidos a rapaces que naceran entre o ano 2000 e o 2004. Os interesados deben presentar a solicitude de inscripción que se pode descargar na web da Deputación da Coruña nas dependencias do Concello de O Pino. Deben facelo antes de que remate o vindeiro lusn, día 19 de Maio. 

Aquí tendes o enlace onde aparece, ó fondo, a solicitude de inscripción.

viernes, 25 de abril de 2014

PARABÉNS PARA O COLEXIO PÚBLICO DE ROIS

Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago queremos felicitar ao Colexio Público de Dices, en Rois, que vén de conseguir outro premio máis aos que xa nos teñen acostumados nos últimos tempos.
Podedes ver a nova premendo neste enlace: 
Trátase dun colexio dun entorno rural, coma o noso, situado nun concello rural tamén moi similar ao noso. E son un claro exemplo do valor que ten a escola pública no noso país. E, obviamente, un espello no que mirarse.

Dende aquí os nosos parabéns.

jueves, 24 de abril de 2014

XORNADA DE BÁDMINTON ESTE SÁBADO EN BOIMORTO

O Departamento de Deportes do Concello de O Pino vén de comunicarnos que este vindeiro sábado, día 26, vaise celebrar no Concello de Boimorto un campionato de badminton. Será a partir das 10:00 da mañán. É unha actividade que se enmarca dentro do programa "Xogade" da Xunta de Galicia, e será eliminatoria. É dicir, os rapaces que se clasifiquen poderán ir disputar os seguintes campionatos que se celebren baixo este programa.

Tamén se nos indica dende o citado Departamento de Deportes que nesta ocasión NON haberá autobús. Xa quel logo, deben ser os pais/nais os que acheguen ós rapaces ata o pavillón do Concello de Boimorto.
Todo aquel que queira anotarse terá que facelo antes das 13:00 horas deste venres día 25. Pódese facer contactando directamente co Concello de O Pino (Iván), ou enviando un mail a anpacaminosantiago@gmail.com indicando un número de teléfono móbil de contacto.

miércoles, 23 de abril de 2014

FELIZ DIA DO LIBRO

“Non hai espectáculo máis marabilloso cá mirada dun neno que le”. Esta cita de Günter Grass parecéunos moi axeitada para comezar o día de hoxe, Día do Libro.
Un libro pode ser lido por un infinito número de persoas; non se gasta, non se cansa de ser lido, e cada persoa atopará nel unha historia distinta. Porque só con ler un libro podes facer viaxes fantásticas,  chorar de emoción ou rirte de alegría.
Pero, ademáis, unha persoa que le falará mellor e escribirá mellor, e o máis importante é que aprenderá a ter espíritu crítico, comprenderá as cousas por si mesmo, saberá valoralas e criticalas e non dependerá de que ninguén lle diga cómo ten que pensar. Ese é o auténtico valor dos libros, e daí a importancia de inculcar ese hábito nos nenos.
Por eso agasallar un libro di moito de quen o entrega, e é un eloxio para quen o recibe.
Con outra cita, nesta ocasión de Frederic Skinner, poñémovos sobre a pista dun dos nosos próximos proxectos, sobre o que vos informaremos en breve: “Moito máis importante que recomendar libros é fomentar o amor á lectura”.
Para todos, Feliz Día do Libro.

miércoles, 2 de abril de 2014

BANCO DE LIBROS

Tal e como vos comentamos fai uns días, a presión feita polas ANPAs esixindo a validez dos libros de texto para o vindeiro curso dou os seus froitos, e o conselleiro de cultura comunicou que os actuais libros seguirán a ser válidos o curso que vén.
Deste xeito, dende a ANPA podemos xa botar a andar o Banco de Libros, un proxecto que hai tempo que temos decidido, pero que estaba un pouco aparcado á espera de saber se os libros ían valer ou non.
Para poñelo en marcha queremos contar coa vosa opinión e as vosas ideas, e por eso convocamos unha asemblea extraordinaria para o vindeiro martes, día 8, ás 19:00 horas, na que se aprobará o regulamento e funcionamento do Banco de Libros.
Coma sempre, esta convocatoria enviarase nunha nota que mandaremos polos alumnos.
Esperamos contar con todos vós.

domingo, 30 de marzo de 2014

VISITA A SANTIAGO.

Este pasado sábado día 29 os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria, acompañados por nais e pais da ANPA, realizaron unha saída a Santiago de Compostela. Pola mañán visitamos o Pazo do Hórreo, sede do Parlamento galego.
Coñecemos un pouquiño da historia do edificio, e percorremos as súas dependencias e salas: as salas de reunión dos diferentes grupos parlamentares, a sala de recepcións –na que locen uns preciosos tapices que representan as sete provincias do Antigo Reino de Galicia-, a sala dos pasos perdidos, a biblioteca… e, como non, o hemiciclo.
Ademáis, poidemos disfrutar das numerosas obras pictóricas de artistas galegos que loce nas súas paredes.
Queremos destacar a amabilidade e a complicidade coa que o señor Hixinio, o guía que nos acompañou en todo momento, tivo cos nosos rapaces, cos que incluso organizou un pequeno debate para que viran e viviran, de primeira man, cal é o traballo que se fai na Cámara. As súas explicacións fixeron moi amena e levadeira toda a visita.
Tamén nos agasallaron con un libro para cada un, co que tanto grandes coma pequenos podemos aprender un pouquiño máis sobre as funcións do noso goberno.
Despois de xantar –por certo, no restaurante felicitáronnos polo bo comportamento dos rapaces- dirixímonos cara o Casco Vello de Santiago, polo que nos guiou Diego Lamas, que nos foi explicando diversas curiosidades e anécdotas que encerran as pedras, as rúas e os edificios da capital galega.
Xa para rematar a xornada, e despois de algo máis de dúas horas camiñando polas rúas de Compostela, deixamos que os rapaces e rapazas –xa algo cansos, hai que dicilo- enredasen un pouco nas zonas verdes do Campus Norte antes de volver para a casa.

Foi, sen dúbida, unha visita bonita, na que todos aprendemos e vimos cousas que descoñecíamos. Tedes máis fotos premendo aquí.



XORNADA DE BADMINTON EN TRAZO

O pasado 21 de marzo os alumnos/as  anotados/as na actividade de badminton participaron nun campionato no colexio de Trazo, devolvendo así a visita que os alumnos/as deste colexio fixeran anteriormente ao noso concello.
Estas xornadas, organizadas polo Departamento de Deportes do Concello, pretenden darlle un pulo ás diferentes actividades deportivas que se ofertan, co ánimo de que cada vez sexan máis os rapaces que as practiquen e, ao mesmo tempo, vaian gañando en calidade.
Os rapaces e rapazas disfrutaron da saída, xogaron, competiron e, sobre todo, divertíronse. O de menos, como é lóxico nestes casos, son os resultados, xa que aquí, como dí o tópico, o importante é participar.
Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago consideramos que este tipo de iniciativas son positivas, xa que axudan a promover a práctica deportiva e a crear e asentar hábitos saudábeis nos nenos e nenas. Participar nelas é a única maneira de que sigan ofertándose e manténdose no tempo.

Pincha aquí para ver máis fotos.



viernes, 28 de marzo de 2014

ACADAMOS O MANTEMENTO DOS LIBROS DE TEXTO PARA O VINDEIRO CURSO

Reproducimos a continuación o comunicado da Plataforma en Defensa do Ensino Púlico, relativa ó mantemento, tal e como reclamabamos, dos libros de texto para o vindeiro curso académico. Xa vos informaremos sobre o noso proxecto de crear un Banco de Libros no CPI Camiño de Santiago, porque agora sí conta con todas as garantías. O comunicado di:
A Plataforma en defensa do Ensino Público conformada por CCOO, FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva congratulase coas manifestacións feitas o mércores en sede parlamentaria polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nas que entre outros asuntos manifestaba o mantemento dos libros de texto para o vindeiro curso entendendo que "hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas".

Desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público iniciaramos una campaña para que os Consellos Escolares dos centros se manifestaran en contra do cambio dos manuais para o vindeiro curso na liña de que os cambios que se plantexaban coa implantación da LOMCE non repercutiran na xa de por si maltreita economía das familias. Convén lembrar que esta campaña conta coa numerosa adhesión de Consellos Escolares dos centros educativos galegos que xa aprobaron resolucións nese sentido a instancia da nosa Plataforma.

A Campaña que tamén se fixo extensiva aos Consellos Escolares Municipais e conta co apoio dos mesmos. O máis inmediato é o caso do CEM de Lugo, que onte aprobou unha resolución contraria ao devandito cambio.

Asemade os conselleiros da Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia pertencentes ás organizacións que conforman a Plataforma en Defensa do Ensino Público xa solicitaramos unha xuntanza da devandita comisión para debater unha resolución contraria ao cambio de libros de texto para o vindeiro curso instando á potenciación dos bancos de libros e as bibliotecas de aula.

Malia que nos congratulamos coa decisión tomada polo Conselleiro, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Pública, queremos facer constar que continuaremos a esixir o completo financiamento do ensino público con fondos públicos, reclamando a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a potenciación de alternativas como os bancos de libros ,xa creados en numerosos centros, que deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido.

Así mesmo emprazamos ao Conselleiro a entablar un diálogo que nos permita facerlle chegar o noso posicionamento noutras cuestións que son inherentes ao desenvolvemento e implantación da LOMCE na nosa comunidade."


viernes, 21 de marzo de 2014

INTERESANTE ARTIGO SOBRE O ENSINO PÚBLICO & PRIVADO


Esta mañá queremos compartir con todos vós este artigo, porque coidamos que convida a unha interesante reflexión sobre o que está a acontecer co ensino público. Apostamos e sempre o faremos por un sistema que garanta o ensino público coas maiores calidades. E sempre loitaremos porque iso sexa así. Aínda que reiteramos unha vez máis que o facemos dende una pespectiva completamente apolítica. Somos representantes de pais e nais de alumnos, e a nosa función é velar polos intereses e os maiores dereitos dos cativos. 
Este é o enlace á nova.



http://www.anpasgalegas.org/2014/03/ensino-publico-galego-versus-ensino-privado/

lunes, 17 de marzo de 2014

AUTORIZACIÓN PARA UNHA NOVA SAÍDA DE BÁDMINTON

Comunícasenos, dende o Departamento de Deportes do Concello de O Pino, que o venres, día 21 de Marzo, haberá unha nova saída para os rapaces que participan na actividade de Bádminton. En concreto, o autobús sairá ás 16:45 dende o CPI, para volver aproximadamente ás 20:30 horas. Os partidos vanse disputar en Trazo. 
Todos os rapaces que están anotados levaron a autorización para os seus domicilios, para traelas asinadas. Se algún non a ten, aquí poñemos o enlace. Se aínda así non se consigue descargar, enviándonos un mail a anpacaminosantiago@gmail.com enviarémola a quen o desexe por correo electrónico.
Sí que queremos aproveitar para felicitar ó Concello por este tipo de iniciativas, porque son moi importantes. E acudindo a elas é a única maneira de que se manteñan no tempo. Xa que logo, animamos a todos os rapaces a participar, e a todas as familias a ir a apoialos. 



Enlace onde descargar o documento:


domingo, 16 de marzo de 2014

NORABOA Ó ALUMNO MANUEL RAMOS

Hoxe queremos felicitar a Manuel Ramos Piñeiro, un alumno do noso centro, o CPI Camiño de Santiago, que vén de conseguir o terceiro premio no Campionato escolar de Xadrez que se celebrou este e o pasado domingo no Colexio Manuel Peleteiro. Manuel competiu, pola súa idade, na categoría Benxamín. A semana pasada fíxose coa victoria en dúas das tres partidas que disputou. E hoxe venceu en tres das catro partidas nas que tomou parte. A adicación e ilusión que deron o seu froito con este galardón. Noraboa!!!!

Manuel co seu premio

miércoles, 12 de marzo de 2014

RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE CONTRA A LOMCE

Temos que comunicarvos que CEAPA (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos) vén de presentar un recurso de inconstitucionalidade con respecto á LOMCE. A entidade considera que esta Lei vulnera preceptos básicos da Constitución, alomenos en 27 puntos. Dende Confapa Galicia acordouse tamén a adhesión a este recurso, por considerar que o texto normativo nin se axeita á realidade, e ademais, entre outras moitas cousas, provocará graves diferenzas entre os rapaces y o recorte sensible dos seus dereitos. 
Nós, dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago tamén respaldamos esta decisión, e para que teñades argumentos, deixámosvos un enlace ó Recurso. Se alguén ten problemas en abrilo, que nos envíe un mail a anpacaminosantiago@gmail.com e enviarémosllo sen ningún problema. 



https://drive.google.com/?tab=mo&authuser=0#my-drive

viernes, 14 de febrero de 2014

AVISO IMPORTANTE DA DIRECCIÓN DO CPI

A Dirección do CPI Camiño de Santiago vén de determinar a suspensión de TODAS as actividades extraescolares que se ían levar a cabo despois do horario da comida. Ante as recomendacións realizadas pola Consellería de Educación, e ante un posible empeoramento do tempo  nas próximas horas, os responsables do centro determinaron que os rapaces marchen para os seus domicilios tras a comida. É dicir, os autobuses sairán do colexio ás 15:30 horas.