miércoles, 27 de noviembre de 2013

BALANCE DA ASEMBLEA XERAL DESTE MÉRCORES

Tal e como tiñamos anunciado, hoxe mércores realizamos una Asemblea, coa asistencia de case unha trintena de pais e nais con fillos estudando no CPI Camiño de Santiago. En primeiro lugar, procedeuse á elección da persoa que ocuparía o cargo de Vicepresidente da ANPA, trala marcha de María Lemos. Só se rexistrou unha candidatura, a de Mar Pena Blanco, que foi elixida sen ningunha obxeción. A continuación procedeuse a explicar o estado de contas da Asociación. Se hai alguén interesado en obter os detalles, que nos envíe un mail a anpacaminosantiago@gmail.com e farémoslle chegar os datos.
Sí se procedeu a explicar que a directiva da ANPA está a manter contactos con diferentes empresarios do Concello, para que colaboren económicamente con nós a cambio de que a publicidade das súas empresas apareza nesta páxina web. Existe outra vía de financiamento que é a venda dunhas tarxetas de Lotería, válidas para varios sorteos e en vigor durante 6 meses. Serán os rapaces de 4º da ESO quen as venda, porque unha alta porcentaxe dos beneficios son para axudarlles a financiar a súa excursión de fin de curso.
En canto ás actividades extraescolares, o balance de Primaria é bastante positivo, sobre todo na de Técnicas de Estudo, que foi moi ben acollida. Non así as de Infantil, posto que de 64 cativos matriculados, só 10 participan nalgunha das opcións. De Primaria, hai 149 rapaces matriculados no centro, e deles, participan 65. Aquí tamén queremos facer fincapé en que segue sendo moi  baixo o número de familias que son socias da ANPA. Porque existe a "lenda" de que se os rapaces non van a actividades (que saen máis baratas), xa non fai falta. E queremos recordar que iso é mentira. Porque por exemplo, para o Nadal actuará o Mago Richard, pagado pola ANPA. E actuará para todos os nenos, cousa que non é xusta para os que sí pagaron. E coma iso moitas máis actuacións e programas coma os que fixemos durante todo o curso pasado. A porcentaxe de familias de O Pino que actualmente son socias desta ANPA é do 32%. Agora estamos permitindo que todos os nenos, socios ou non, participen nas actividades que facemos en horario lectivo. Pero tamén queremos que se saiba, porque nós traballamos por todos os nenos. E cantos máis recursos, máis cousas podemos facer. E son só 15€ por casa/familia cada ano. Entre outros plans, queremos levar os nenos de 5º e 6º ó Parlamento de Galicia e logo a unha visita guiada por Santiago;  ós cativos a ver unha función de títeres/teatro e logo a pasar o día na Granxa do Xesto, tamén queriamos levar ós rapaces á rotativa de La Voz de Galicia en Sabón e aproveitar para ver espazos emblemáticos de A Coruña... etc. Xa o iremos contando.
Outro dos temas que se nos plantexou a principio de curso foi o de contratar a unha persoa encargada de mudar ós rapaces de Infantil cando se manchen, mollen, etc. A ANPA mirou empresas e alternativas, e o prezo é demasiado elevado para asumilo. Así que optamos por dúas cousas, e así se decidiu na asemblea de hoxe: se hai algunha persoa interesada en facelo, que nolo comunique. E logo, trasladarémolo ós pais de Infantil, e que tanto os interesados en acollerse coma esa persoa se poñan de acordo en  prezo e condicións.
Tamén queremos poñer en marcha canto antes un BANCO DE LIBROS. Iso sí, ímolo restrinxir a todas aquelas persoas que sexan socios da Asociación. Xa vos comunicaremos cómo acollerse, se tendes libros que ceder, cales vos interesan, etc. Asemade, como vedes, o noso antigo Blog cambiou a web. Se queredes opinar, suxerir, criticar (constructivamente), dar ideas...etc. o noso mail e orellas están dispostos a escoitar. Isto é voso, e para iso está. Para dar a mellor e a maior información posible. Agora mesmo está sen moitos contidos, que iremos engadindo nestes días.
No capítulo de reclamacións, a que máis urxente nos parece é a de colocar o chan e a iluminación no patio que dende este verán está pechado, ó lado de onde aparcan os autobuses. Apenas se ve, e o chan é de cemento. Presentaremos unha reclamación ante a Consellería. Tamén solicitaremos ó Concello o arranxo da pista que vai de Budiño a Castrofeito, posto que está nun estado deteriorado e o transporte escolar retrásase ante as dificultades para a circulación.
Outro dos puntos da asemblea desta tarde foi o Decreto de Comedores, que entrou en vigor este mes de agosto. O que máis nos preocupa é o valeiro legal que existe no tema dos tuppers. Porque non está recollido en absoluto no texto e cada centro actúa como considera. De momento no CPI Camiño de Santiago permítese, pero a Consellería de Sanidade xa avisou do risco de que se produza algún tipo de contaminación, non se permite a comida que fóra. Os asistentes á asemblea decidiron o inicio dunha recollida de sinaturas, e ademais nós anunciamos que xunto coas ANPAS de Boiro e Ares, imos asistir a unha reunión co Inspector de Educación para ver se se aclara esta cuestión.
Na quenda de rogos e preguntas, unha asistente propuxo a realización de actividades relacionadas coa Igualdade para nenos de Primaria. E tamén anunciamos que estamos a estudar a posta en marcha dun Clube de Lectura, para rapaces e pais, en colaboración co profesorado do centro e tamén coa Biblioteca Municipal.
Agradecemos, coma sempre, a vosa asistencia e a colaboración aportándonos máis ideas para poder
desempeñar mellor o noso labor.















0 comentarios:

Publicar un comentario