viernes, 29 de noviembre de 2013

APROBACIÓN DEFINITIVA DA LOMCE

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou onte, cos votos do Partido Popular e a abstención de UPN, a séptima reforma educativa da democracia. Como xa expresamos públicamente máis veces, e insistimos no noso carácter apolítico, non estamos dacordo con gran parte das reformas que esta lei, coñecida como a LOMCE, supón. A función dunha ANPA é velar polos maiores dereitos, recursos e igualdades na educación dos nosos fillos. Pero, para que vós xuzguedes por vós mesmos, nós deixámosvos aquí un enlace á páxina do Ministerio de Educación, onde descargar a lei.

http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/participacion-publica/lomce/20130517-aprobacion-proyecto-de-ley.html


Este sábado, día 30, volve a rexistrarse unha  marcha a Madrid, para seguir amosando na rúa o rexeitamento a esta nova normativa. Éste é o cartel da convocatoria.

jueves, 28 de noviembre de 2013

MENÚ DO MES DE NADAL


miércoles, 27 de noviembre de 2013

BALANCE DA ASEMBLEA XERAL DESTE MÉRCORES

Tal e como tiñamos anunciado, hoxe mércores realizamos una Asemblea, coa asistencia de case unha trintena de pais e nais con fillos estudando no CPI Camiño de Santiago. En primeiro lugar, procedeuse á elección da persoa que ocuparía o cargo de Vicepresidente da ANPA, trala marcha de María Lemos. Só se rexistrou unha candidatura, a de Mar Pena Blanco, que foi elixida sen ningunha obxeción. A continuación procedeuse a explicar o estado de contas da Asociación. Se hai alguén interesado en obter os detalles, que nos envíe un mail a anpacaminosantiago@gmail.com e farémoslle chegar os datos.
Sí se procedeu a explicar que a directiva da ANPA está a manter contactos con diferentes empresarios do Concello, para que colaboren económicamente con nós a cambio de que a publicidade das súas empresas apareza nesta páxina web. Existe outra vía de financiamento que é a venda dunhas tarxetas de Lotería, válidas para varios sorteos e en vigor durante 6 meses. Serán os rapaces de 4º da ESO quen as venda, porque unha alta porcentaxe dos beneficios son para axudarlles a financiar a súa excursión de fin de curso.
En canto ás actividades extraescolares, o balance de Primaria é bastante positivo, sobre todo na de Técnicas de Estudo, que foi moi ben acollida. Non así as de Infantil, posto que de 64 cativos matriculados, só 10 participan nalgunha das opcións. De Primaria, hai 149 rapaces matriculados no centro, e deles, participan 65. Aquí tamén queremos facer fincapé en que segue sendo moi  baixo o número de familias que son socias da ANPA. Porque existe a "lenda" de que se os rapaces non van a actividades (que saen máis baratas), xa non fai falta. E queremos recordar que iso é mentira. Porque por exemplo, para o Nadal actuará o Mago Richard, pagado pola ANPA. E actuará para todos os nenos, cousa que non é xusta para os que sí pagaron. E coma iso moitas máis actuacións e programas coma os que fixemos durante todo o curso pasado. A porcentaxe de familias de O Pino que actualmente son socias desta ANPA é do 32%. Agora estamos permitindo que todos os nenos, socios ou non, participen nas actividades que facemos en horario lectivo. Pero tamén queremos que se saiba, porque nós traballamos por todos os nenos. E cantos máis recursos, máis cousas podemos facer. E son só 15€ por casa/familia cada ano. Entre outros plans, queremos levar os nenos de 5º e 6º ó Parlamento de Galicia e logo a unha visita guiada por Santiago;  ós cativos a ver unha función de títeres/teatro e logo a pasar o día na Granxa do Xesto, tamén queriamos levar ós rapaces á rotativa de La Voz de Galicia en Sabón e aproveitar para ver espazos emblemáticos de A Coruña... etc. Xa o iremos contando.
Outro dos temas que se nos plantexou a principio de curso foi o de contratar a unha persoa encargada de mudar ós rapaces de Infantil cando se manchen, mollen, etc. A ANPA mirou empresas e alternativas, e o prezo é demasiado elevado para asumilo. Así que optamos por dúas cousas, e así se decidiu na asemblea de hoxe: se hai algunha persoa interesada en facelo, que nolo comunique. E logo, trasladarémolo ós pais de Infantil, e que tanto os interesados en acollerse coma esa persoa se poñan de acordo en  prezo e condicións.
Tamén queremos poñer en marcha canto antes un BANCO DE LIBROS. Iso sí, ímolo restrinxir a todas aquelas persoas que sexan socios da Asociación. Xa vos comunicaremos cómo acollerse, se tendes libros que ceder, cales vos interesan, etc. Asemade, como vedes, o noso antigo Blog cambiou a web. Se queredes opinar, suxerir, criticar (constructivamente), dar ideas...etc. o noso mail e orellas están dispostos a escoitar. Isto é voso, e para iso está. Para dar a mellor e a maior información posible. Agora mesmo está sen moitos contidos, que iremos engadindo nestes días.
No capítulo de reclamacións, a que máis urxente nos parece é a de colocar o chan e a iluminación no patio que dende este verán está pechado, ó lado de onde aparcan os autobuses. Apenas se ve, e o chan é de cemento. Presentaremos unha reclamación ante a Consellería. Tamén solicitaremos ó Concello o arranxo da pista que vai de Budiño a Castrofeito, posto que está nun estado deteriorado e o transporte escolar retrásase ante as dificultades para a circulación.
Outro dos puntos da asemblea desta tarde foi o Decreto de Comedores, que entrou en vigor este mes de agosto. O que máis nos preocupa é o valeiro legal que existe no tema dos tuppers. Porque non está recollido en absoluto no texto e cada centro actúa como considera. De momento no CPI Camiño de Santiago permítese, pero a Consellería de Sanidade xa avisou do risco de que se produza algún tipo de contaminación, non se permite a comida que fóra. Os asistentes á asemblea decidiron o inicio dunha recollida de sinaturas, e ademais nós anunciamos que xunto coas ANPAS de Boiro e Ares, imos asistir a unha reunión co Inspector de Educación para ver se se aclara esta cuestión.
Na quenda de rogos e preguntas, unha asistente propuxo a realización de actividades relacionadas coa Igualdade para nenos de Primaria. E tamén anunciamos que estamos a estudar a posta en marcha dun Clube de Lectura, para rapaces e pais, en colaboración co profesorado do centro e tamén coa Biblioteca Municipal.
Agradecemos, coma sempre, a vosa asistencia e a colaboración aportándonos máis ideas para poder
desempeñar mellor o noso labor.















lunes, 25 de noviembre de 2013

ASEMBLEA DE SOCIOS ESTE MÉRCORES DIA 27


Estimado pai/nai, pola presente informamos da celebración da Asemblea Ordinaria da ANPA do CPI
Camiño de Santiago. Terá lugar este mércores, día 27 de Novembro, ás 17:30 horas na Aula de Usos Múltiples do centro. Ten a seguinte orde do día:

1.- Elección e nomeamento de novo Vicepresidente para cubrir a vacante deixada pola baixa de Dna. María Lemos. Poderá presentarse para ser elixido calquera socio co pago da conta ó día. No caso de que haxa máis dun candidato, os socios que non teñan a cota de pago ó día e os non socios presentes na asemblea non terán dereito a voto.
Quen queira consultar o listado de socios pode facelo chamando ó 658 417 001, enviándonos un mail a anpacaminosantiago@gmail.com ou o mesmo día da asemblea, en horario de 16:45 a 17:15 horas.
2.- Estado de contas.
3.- Presentación da Programación Anual.
4.- Educación Infantil: cambio de roupa dos cativos.
5.- Posta en marcha do Banco de Libros.
6.- Presentación da páxina web da ANPA.
7.-Información sobre reclamacións presentadas pola ANPA.
8.- Información sobre o Decreto de comedores da Xunta.
9.- Rogos e preguntas.

Agardamos a túa asistencia.

miércoles, 20 de noviembre de 2013

ÚLTIMOS DÍAS PARA FACERSE SOCIO DA ANPA



O venres, día 22 de novembro, remata o prazo para facerse socio da ANPA do CPI Camiño de Santiago. Como xa vos contamos, dende esta asociación realizamos unha serie de actividades extraescolares, cada vez intentamos que con máis calidade, para contribuir a unha mellor formación dos nosos rapaces. Se temos unha previsión de orzamentos, podemos realizar unha maior e mellor programación. Se xa o fixestes, moitísimas grazas. Senón, tendes ata este venres. Só as persoas que sexan socias desfrutarán de descontos nas actividades de pago para os seus fillos.
Se sodes pais e tendes fillos que non participan en actividades extraescolares, podedes pensar que xa vos tendes que desentender. Pero non é así. Dende a ANPA non só se coordinan e organizan esas clases de despois de xantar. Levamos a cabo tamén outra serie de alternativas lúdicas das que se benefician TODOS os alumnos do centro: polo Nadal,a Semana da Ciencia, etc. etc. Ademais, traballamos para o centro sexa un lugar mellor. Sen ir máis lonxe, o curso pasado conseguimos, tras unha reclamación conxunta coa dirección do Centro e o Concello, que se arranxasen os problemas de filtración de auga que había en varias aulas. Tamén se conseguiu que a limpeza do patio se realizase, como mínimo, unha vez cada mes.
Por exemplo, este mesmo mes de novembro atopámonos con que a Consellería de Educación, xa comezado o curso, non tiña nomeado ningún mestre para cubrir unha baixa por xubilación que se producira no colexio. Así a plantilla de Secundaria quedaba reducida e subía  a ratio de alumnos por aula. Grazas á nosa insistencia, finalmente sí se cubriu esa praza. Canto máis forte sexa una Asociación de Nais e Pais de Alumnos, co apoio de todos, o centro será un lugar mellor. Os que vos puxemos son só algúns exemplos. Hai moito por facer e niso estamos.
Por iso é importante tanto a vosa colaboración como as vosas ideas. Por iso vos pedimos que veñades ás asembleas, e por iso é importante que vos fagades socios. Son só 15€ por familia e curso.
 
Ingreso na conta da ANPA: especificando COTA ANPA e os apelidos do neno.
Banesto 0030 6045 18 0299154273
 
 
Moitas grazas.

SUBVENCIÓNS A CENTROS CONCERTADOS


A Xunta de Galicia mantén as subvencións a centros que segregan os alumnos por sexo. A pesar de que houbo varias sentenzas declarando ilegais este tipo de centros, a Consellería de Educación mantén que hai varias entidades (propietarias de centros) que recorreron as sentenzas ante o Tribunal Supremo. Son cinco os centros que en Galicia realizan esta práctica, e ós que a Xunta destina 3 millóns de euros (concerto por catro anos). Precisamente coincidiu a renovación desde concerto cos centros coa anulación da gratuidade dos libros de texto, coa que o Presidente da Xunta anunciou que o goberno aforraría uns 3 millóns de euros.

lunes, 4 de noviembre de 2013

ARTIGO QUE QUEREMOS COMPARTIR PARA REFLEXIONAR

Hai uns días chegou ás nosas mans un artigo asinado por X. L. Méndez Ferrín, que coidamos é de interese para todos, sobre todo para os que temos fillos en idade escolar. Aquí vos deixamos o enlace onde poder botarlle un vistazo.

http://www.farodevigo.es/opinion/2013/10/28/mellores-colexios/903805.html