jueves, 5 de septiembre de 2013

E CHEGOU O MOMENTO DUNHA DESPEDIDA


Cando hai máis ou menos un ano decidimos introducirnos no mundo da ANPA, non imaxinamos que tiñamos que decir un adeus, agardemos que temporal, a unha das integrantes da nosa directiva. A nosa Secretaria, María Lemos, ten que deixar O Pino por motivos persoais. Podémosvos asegurar que foi un absoluto pracer traballar con ela. Onde está María está ese sorriso co que se viste polas mañáns e que xamais a abandona. Está a tranquilidade a pesar da revolución de estar todos os días rodeada de cativos.

María aportou moito a esta entidade que é a ANPA. Por iso queremos desexarlle a ela e á súa fermosa familia a mellor das sortes nesta nova etapa que agora emprenden. Sexa nunha nova ANPA, María, ou simplemente sendo ti mesma, ogallá sigas repartindo tantas cousas boas como fixeches aquí. Ogallá se algún día volves-iso agardamos-deixes onde vas tantos e bos amigos coma os que aquí te estrañarán. Vivimos contigo, María, cousas que nos cambiaron, para mellor, e que xa forman parte de nós. Ogallá a sorte sempre che dea a man.

Traballaches moitas horas con nós. Ideando, planificando, resolvendo problemas, sempre positiva e intentando mellorar as cousas. Que os teus cativos estean orgullosos de súa nai, pola fortaleza que sempre amosas. E porque cando alguén, neste caso moitos alguéns, te van botar de menos, iso xa di moito dunha persoa. Nunca deixes de sorrir, nin de aprender, nin de ensinar nin de soñar.

En nome de toda a directiva da ANPA, grazas por todo. Por sumar sempre, por ilusionarte desa maneira, por permitirnos compartir a túa vida e a túa profesionalidade. Voa ben alto sempre. Pero non esquezas, de vez en cando, volver ó niño. Aquí te esperamos. Ata cando queiras.

1 comentarios:

  1. Que bonito o escribistes e que razón tedes en todo.
    María, ímovos a votar moitísimo de menos e a Fonte xa non vai ser de todo igual.
    Moita sorte e esperámos vervos moi pronto.
    Bicos a montóns para os cinco.

    ResponderEliminar