miércoles, 19 de junio de 2013

RESERVA DE COMEDOR ESCOLAR

Recibistes estes días na vosa casa un documento para realizar a reserva do comedor escolar. Unha  novidade este ano, xa que sempre se realizaba a comezos de curso. A ANPA púxose en contacto coa Consellería de Educación, posto que o novo decreto de comedores (que como gran novidade inclúe taxas en función da renda), aínda non está aprobado. Na Xunta dixéronnos que a previsión é que o decreto se aprobe o mes que vén. Pero como previsión, déuselle orde ós centro para que realizasen as reservas canto antes (hai que calcular as taxas de todos os alumnos que vaian asistir).
A ANPA, como hai pais e nais que deixan ós cativos no comedor en función das actividades extraescolares, preguntoulle á Xunta qué ocorre se agora non se reserva e logo se necesita. A resposta telefónica da Consellería foi que se hai prazas suficientes no comedor non habería problema, e se non as hai, sería o propio centro escolar o que tería que establecer baremos de prioridades.
No noso Facebook ímosvos colgar o decreto de comedores que a Xunta planea aprobar o mes que vén. Sí queremos aproveitar tamén para recordarvos que axiña remata o prazo para solicitar as axudas para os libros de texto. En entradas anteriores no blog e no Facebook tendes o enlace ás bases e ós documentos para solicitalas.

0 comentarios:

Publicar un comentario