martes, 18 de junio de 2013

DESPEDIDA A JUAN, O COCIÑEIRO


Asoma a fin de curso, e tamén moitas emocións. E na ANPA non podiamos ser alleos a elas, posto que formamos parte tamén da comunidade educativa. E unha das partes menos doces dos finais son as despedidas. Hoxe temos que afrontar unha. Este xoves remata o servizo de comedor, e significará, ademais, o adeus dun home que coas súas mans elaborou moitos menús para os nosos fillos.

Juan despídese do CPI Camiño de Santiago. As súas mans levan algunha que outra ferida de guerra mentres traxinaba nos fogóns do colexio, preparando os menús que a diario degustaron os nosos fillos. Os que se enfrontan día tras día á elaboración de menús-e con rapaces na casa aínda máis complicado-saben da súa dificultade. Juan sempre apostou por menús moi variados, coas legumes e verduras como grandes protagonistas. Pero tampouco esquecía introducir algunhas veces esas lambetadas ou pratos como a pizza, que voaban aínda ben non chegaban á mesa.

Juan, alá onde te leven os fogóns, que teñas moita sorte. Que che vaia bonito, como dicía a canción. Ogallá quen se poña á fronte da cociña do CPI Camiño de Santiago coide tanto o seu traballo coma sempre o fixeches ti. E ogallá que pense tanto na saúde dos nosos rapaces. A ti só nos queda enviarche un aroma de grazas, unha salsa de abrazos e un doce postre de bos desexos.

Ata cando queiras.

0 comentarios:

Publicar un comentario