viernes, 28 de junio de 2013

INFORMACIÓN SOBRE O COMEDOR ESCOLAR

Hoxe venres celebrouse no CPI Camiño de Santiago o último Consello Escolar do curso. Determinouse que o prazo para que os alumnos se anoten no comedor escolar rematará o 3 DE SETEMBRO de 20013. Unha vez que finalice este prazo, os rapaces que non o tivesen solicitado, quedarán sen servizo no caso de que non houbese prazas suficientes.
Tédeo en conta sobre todo os pais que teñades fillos/as que utilicen o transporte escolar. Xa vos contamos que polo de agora non está aprobado o Decreto do Comedor, pero isto é o que está xa decidido.
 
Unitaria
 
Por outra banda, gustaríanos solidarizarnos cos pais dos alumnos da escola Boavista, de Ferreiros. A Xunta ten en previsión, segundo se puxo de manifesto por parte da Consellería de Educación, o peche das escolas unitarias que non teñan un mínimo de 6 alumnos. E isto afecta á escola de Ferreiros. De momento é algo provisional. Estaremos atentos para ver qué ocorre.

jueves, 20 de junio de 2013

CHARLA SOBRE ADICCIÓNS PARA RAPACES

A responsable da Concellería de Educación e Cultura, Eva Varela, comunícanos que o seu departamento organiza hoxe unha charla para os rapaces de 5º e 6º de Primaria. O tema son as adiccións, e será impartida por unha psicóloga infantil que colabora coa Asociación Contra o Cancro. O motivo da charla é concienciar ós rapaces, xa dende novos, de todos os riscos que poden crear perxudiciais adiccións, como internet, drogas, alcol, etc.

miércoles, 19 de junio de 2013

RESERVA DE COMEDOR ESCOLAR

Recibistes estes días na vosa casa un documento para realizar a reserva do comedor escolar. Unha  novidade este ano, xa que sempre se realizaba a comezos de curso. A ANPA púxose en contacto coa Consellería de Educación, posto que o novo decreto de comedores (que como gran novidade inclúe taxas en función da renda), aínda non está aprobado. Na Xunta dixéronnos que a previsión é que o decreto se aprobe o mes que vén. Pero como previsión, déuselle orde ós centro para que realizasen as reservas canto antes (hai que calcular as taxas de todos os alumnos que vaian asistir).
A ANPA, como hai pais e nais que deixan ós cativos no comedor en función das actividades extraescolares, preguntoulle á Xunta qué ocorre se agora non se reserva e logo se necesita. A resposta telefónica da Consellería foi que se hai prazas suficientes no comedor non habería problema, e se non as hai, sería o propio centro escolar o que tería que establecer baremos de prioridades.
No noso Facebook ímosvos colgar o decreto de comedores que a Xunta planea aprobar o mes que vén. Sí queremos aproveitar tamén para recordarvos que axiña remata o prazo para solicitar as axudas para os libros de texto. En entradas anteriores no blog e no Facebook tendes o enlace ás bases e ós documentos para solicitalas.

martes, 18 de junio de 2013

CAMBIOS NAS MOBILIZACIÓNS CONTRA A LOMCE

Finalmente suspéndense as mobilizacións contra a LOMCE que estaban convocadas para o día 19 de xuño diante da Consellería de Educación. Coincidindo co inicio do seu trámite parlamentario, a ANPA e os seus membros están convidados a participar na manifestación que vai ter lugar o xoves, 27 de Xuño. En Santiago de Compostela a marcha partirá ás 19:30 horas da Praza do Toural. Aquí está o cartel da convocatoria.

 
 

DESPEDIDA A JUAN, O COCIÑEIRO


Asoma a fin de curso, e tamén moitas emocións. E na ANPA non podiamos ser alleos a elas, posto que formamos parte tamén da comunidade educativa. E unha das partes menos doces dos finais son as despedidas. Hoxe temos que afrontar unha. Este xoves remata o servizo de comedor, e significará, ademais, o adeus dun home que coas súas mans elaborou moitos menús para os nosos fillos.

Juan despídese do CPI Camiño de Santiago. As súas mans levan algunha que outra ferida de guerra mentres traxinaba nos fogóns do colexio, preparando os menús que a diario degustaron os nosos fillos. Os que se enfrontan día tras día á elaboración de menús-e con rapaces na casa aínda máis complicado-saben da súa dificultade. Juan sempre apostou por menús moi variados, coas legumes e verduras como grandes protagonistas. Pero tampouco esquecía introducir algunhas veces esas lambetadas ou pratos como a pizza, que voaban aínda ben non chegaban á mesa.

Juan, alá onde te leven os fogóns, que teñas moita sorte. Que che vaia bonito, como dicía a canción. Ogallá quen se poña á fronte da cociña do CPI Camiño de Santiago coide tanto o seu traballo coma sempre o fixeches ti. E ogallá que pense tanto na saúde dos nosos rapaces. A ti só nos queda enviarche un aroma de grazas, unha salsa de abrazos e un doce postre de bos desexos.

Ata cando queiras.

miércoles, 12 de junio de 2013

MOBILIZACIÓNS CONTRA A LOMCE

Dentro da serie de protestas que se están a levar a cabo contra os recortes educativos que plantexa a LOMCE, este domingo a Federación Provincial de APAS de Centros Públicos convócanos a unha nova mobilización. A que máis preto nos queda é a de Santiago de Compostela, que parte ás 12:00 do mediodía da Alameda. Estades todos convidados a participar, para se escoiten as nosas voces e a educación sume en vez de restar.
 

lunes, 10 de junio de 2013

ASEMBLEA ORDINARIA ESTE MÉRCORES DÍA 12


Estimadas nais e pais,

Pola presente quedades convocados á Asemblea Ordinaria da ANPA, que se celebrará na sala de usos múltiples do CPI Camiño de Santiago o vindeiro mércores día 12 de xuño, ás 17:30 horas, coa seguinte orde do día:

1.- Memoria de actividades do curso 2012-2013.

2.- Estado de contas 2012-2013.

3.- Propostas de actividades para o curso 2013-2014.

3.-1.- Actividades extraescolares.

3.-2.- Actividades lúdicas e formativas cos nenos.

3.-3.- Actividades coas nais e pais.

4.- Previsión de contas para o curso 2013-2014.

4.-1.- Plazos e métodos de pago de cotas.

5.- Varios.

6.- Preguntas.

lunes, 3 de junio de 2013

ABERTO O PRAZO PARA AXUDAS POR LIBROS DE TEXTO

 
Acaba de abrirse o prazo para solicitar axudas por libros de texto para o alumnado de Primaria e Secundaria. No seguinte enlace tendes a orde publicada o pasado venres no DOG por parte da Consellería de Educación.

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130531/AnuncioG0164-280513-0006_gl.html