lunes, 22 de abril de 2013

ARRANXOS NECESARIOS E URXENTES

Dende a ANPA, no noso traballo por mellorar o benestar dos cativos dentro do CPI Camiño de Santiago, detectamos algúns problemas serios nos últimos meses, que parece que por fin se encarreiran cara unha solución. Ímosvos resumir cales son e qué fixemos ó respecto:
 
Limpeza do patio
Dende que comezou o pasado mes de marzo, a ANPA xunto coa Dirección do CPI, puxémonos en contacto coa empresa encargada da limpeza das instalacións do colexio. Era precisa unha limpeza a fondo inmediata de todo o patio, que levaba varios meses sen unha actuación deste tipo. Froito desta reclamación conxunta coa Dirección, a empresa fixo os traballos que se lle demandaban. O certo é que, a pesares de que algunhas zonas non se limparon, o estado xeral do patio é agora máis axeitado e acorde a un lugar no que os nenos e nenas pasan varias horas cada día. O que agardamos é que en próximas xornadas, a citada empresa volva e remate de arranxar as zonas pendentes, ademais de repasar todo o patio. Porque non imos aceptar que se volva á anterior situación. 
Ademais, o Concello de O Pino comprometeuse, nos vindeiros días, a recortar as tullas que hai nalgunhas zonas verdes do patio. Algo que, xunto coa limpeza, axudará sobremaneira a mellorar a súa presenza. 
 
Problema de filtracións 
 
 
Como supoñemos que saberedes, existe no Colexio un problema grave de filtracións de auga, que arestora afecta a varias aulas. Para solucionalo canto antes, a Dirección do Centro, o Concello é nós como ANPA, asinamos un escrito conxunto instando á Consellería de Educación a que arranxase esta grave deficiencia canto antes. Grazas á devandita reclamación, o propio Xefe Territorial da Consellería e un técnico visitaron xa o colexio para comprobar a gravidade do problema. Tras velo, informáronnos de que van comezar no menor prazo posible co arranxo da cuberta do edificio para solucionar de forma definitiva esa incidencia.
 
Porteiro automático
 
Gustaríanos comunicarvos ademais que a Dirección do Centro vai instalar un portal con porteiro automático nas entradas de vehículos e de persoas do Colexio. É unha actuación que tamén consideramos moi necesaria, xa que a día de hoxe calquera neno ou nena pode saír do recinto do colexio á estrada de forma accidental; asemade, calquera persoa allea ao centro entrar sen ningún tipo de control.
O custo destes traballos correrá a cargo dos fondos propios do CPI, encargándose o Concello da instalación eléctrica necesaria.


0 comentarios:

Publicar un comentario