miércoles, 20 de marzo de 2013

SESIÓNS COA XORNALISTA IOLANDA CASAL


Dentro dos actos que programamos dentro da Semana da Prensa, como xa contamos, estaba a visita que a xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, faría polas diferentes clases do CPI Camiño de Santiago. A súa chegada ás aulas de Infantil coincidiu co nacemento dos pitiños que a Aula estaba a agardar; feito que a profesional aproveitou para contar ós cativos cómo se traduciría esa boa nova nun xornal. A continuación, Iolanda prestouse á celebración de tres roldas de prensa: unha cos alumnos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; logo tocoulle ós estudantes de 4º, 5º e 6º e finalmente, Secundaria.
Para rematar a xornada, Iolanda Casal organizou un relatorio para os alumnos de 3º ee 4º de Secundaria, centrado no papel da muller na sociedade en xeral e nos medios de comunicación en particular. A xornalista incidiu, sobre todo, nas desigualdades que aínda a día de hoxe perviven na meirande parte dos ámbitos da vida. Pero, sobre todo, nos medios. Os alumnos mantiveron unha conversa coa profesional, ofrecendo os seus puntos de vista e inquéritos. A actividade conseguiu o seu obxectivo, dende o punto de vista da ANPA: que os rapaces coñecesen algo máis dos medios de comunicación e fosen conscientes da súa importancia. Creámoslles conciencia de que os medios non só informan, senón que tamén poden crear opinión e traducir isto na conciencia colectiva.
Dase ademais a curiosa circunstancia de que Iolanda Casal ten raíces en O Pino. Concretamente súa nai, que é natural da parroquia de Pastor. De cativa, Iolanda medrou acompañada sempre dunha radio, feito que a fixo decantarse polos estudos de Xornalismo. Traballa arestora no xornal El Correo Gallego, porque cre que a prensa escrita é a que lle ofrece maior capacidade de análise da realidade. Aínda que a actualidade é a súa área de traballo, Iolanda non deixa de loitar por erradicar as desigualdades coas mulleres. De feito confesa que lle preocupa especialmente o retroceso neste campo e na calidade da información que se deriva da crise económica.




0 comentarios:

Publicar un comentario