lunes, 18 de marzo de 2013

SEMANA DA PRENSA CON CHARLAS E UNHA MOSTRA

Os medios de comunicación son unha constante referencia nas nosas vidas. Por iso dende a ANPA decidimos celebrar a Semana da Prensa. A nosa intención era levala a cabo a pasada, pero por cuestións de axenda do centro e a realización de exames quedou para esta que hoxe comeza. Os actos teñen como finalidade que os rapaces do CPI Camiño de Santiago teñan un achegamento ó mundo dos xornais, á súa historia e, sobre todo, á súa elaboración. Para iso, contactamos con varios profesionais que se encargarán de explicarllo dun xeito ameno e didáctico.
As actividades comezan este mércores, día 20, coa visita da xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal. A partir das 09:45 horas visitará as diferentes clases, comezando polos máis pequeniños. Vailles contar a súa traxectoria e logo someterse ás preguntas dos rapaces. Unha vez rematado isto, Iolanda realizará un obradoiro co Segundo Ciclo de Secundaria, coa temática “A muller e a ciencia nos medios de comunicación”.
O xoves visitará o centro Nacho Mirás Fole, un xornalista de La Voz de Galicia. El vai disertar sobre o proceso de elaboración dun xornal. A súa primeira cita é ás 10:30 cos rapaces do primeiro ciclo de Primaria, para logo ir visitando ós demais alumnos.
Estas dúas charlas conxuntámolas cunha pequena exposición de xornais e materiais de impresión e traballo xornalístico. Teremos por exemplo vellas máquinas de escribir...etc. E aproveitamos para dar as grazas ó Mupega, o Museo Pedagóxico de Galicia, con sede en San Lázaro, que nos cede parte delas para mostralas.

0 comentarios:

Publicar un comentario