jueves, 21 de marzo de 2013

NOVA VISITA DENTRO DA SEMANA DA PRENSA


Tal e como tiñamos programado dende a ANPA, hoxe os rapaces do CPI Camiño de Santiago tiveron a segunda das visitas profesionais dentro dos actos da Semana da Prensa, Trala visita onte da xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, hoxe tocoulle o turno a un home que leva máis de dúas décadas traballando en diferentes medios do Grupo Voz. Actualmente reporteiro na delegación de Santiago de La Voz de Galicia, aínda que curtido tamén na radio. Falamos de Nacho Mirás Fole.
 O profesional levou ós rapaces a unha viaxe a través das distintas seccións que compoñen un xornal, dende a portada ata a contraportada pasando incluso pola sección de esquelas. E a pesar de que poida parecer algo antigo ou pouco funcional, Nacho explicou ós rapaces que se se seguen conservando é porque están fondamente ligadas á tradición e cultura galegas. Tamén puideron visionar os alumnos o proceso de impresión dunha rotativa. Un dato que chamou moito a atención dos nenos foi a velocidade de impresión destes aparellos. A que posúe La Voz de Galicia no polígono de Sabón, en Arteixo, alcanza os 100 km/h. Ademais, Nacho explicou nas súas intervencións que un xornalista nunca vai só, “andamos de dous en dous coma a Garda Civil”. Xa que logo, facendo gala das súas verbas, acudiu ó noso centro acompañado da fotógrafa Mónica Ferreirós, encargada de realizar unhas instantáneas que se publicarán na edición de mañá venres. 
Por certo, e para os máis curiosos, unha das cousas que máis abraiou ós rapaces foi que segundo Nacho, o xornal máis vendido en España é o diario Marca. Un feito que ós membros da directiva da ANPA nos da para cavilar. Cremos que algo está a pasar con esta sociedade, coa nosa sociedade, para que o que máis nos interese sexa un xornal deportivo.


0 comentarios:

Publicar un comentario