martes, 26 de marzo de 2013

VISITA Ó PARQUE DE SOTAVENTO


Entre as actividades complementarias e extraescolares que a ANPA propuxo para este segundo trimestre, figuraba unha visita didáctica ó Parque Eólico Experimental de Sotavento. E alá fomos, onte luns. Os rapaces desfrutaron dunha xornada moi amena e ó mesmo tempo educativa, que era o que se pretendía. O único malo foi o tempo, posto que as condicións climatolóxicas decidiron non acompañarnos, e non puideron realizar as actividades que o Parque lles tiña preparadas no exterior.
Nembargantes, o persoal do Parque volcouse cos nosos rapaces, dividíronos en grupos segundo as súas idades e fóronlles ensinando diferentes conceptos relacionados coa producción de enerxía, o aforro enerxético, cómo conseguir a eficiencia... etc. Pero todo nun ambiente moi relaxado, case de xogo. Algo que fixo que os rapaces desfrutaran da xornada.
Entre outras cousas, puideron contemplar un aeroxenerador eólico, visitaron unha casa domótica bioeficiente... e pola tarde, tras todo un récord de silencio (botaron calados catorce minutos), a xornada rematou cun xogo didáctico por equipos no que poñían en práctica os coñecementos que se lles proporcionaran pola mañá.




sábado, 23 de marzo de 2013

CAMPIONATO DE XADREZ EN PADRÓN

Tamén queremos comunicarvos que hoxe comezou o Campionato Galego de Xadrez, que se celebra no Hotel Scala, en Padrón. Será, ademais de hoxe, mañá domingo, lunes e martes. Os rapaces do CPI Camiño de Santiago compiten nas categorías sub 10 e sub 12. Os seus horarios, por se queredes ir a animalos, son:

SUB 10

Sábado: 10:00h, 12:15h, 16:00h e 18:15h
Domingo: 10:00h, 12:15h, 16:00h e 18:15h

SUB 12

Sábado: 10:00h e 17:00h
Domingo: 10:00h e 17:00h
Luns: 10:00h e 17:00h
Martes: 09:00h e 16:00h
Vaia dende este blog toda a nosa sorte para eles, e a nosa admiración. Agardamos que desfruten da experiencia, que aprendan moito e sigan perfeccionando as súas xa grandes dotes no xadrez.

REXEITAMENTO DO COPAGO NO COMEDOR

Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago queremos facer público o noso malestar polo anuncio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia de comezar para o vindeiro curso a aplicar o copago nos comedores escolares. Segundo anunciou o departamento autonómico, con este novo modelo en función da renda, un 10% das familias pagará 1 euro e un 24% vai ter que desembolsar 4'5 euros por menú.
Hoxe hai unha reunión da CONFAPA, para tomar algún tipo de medida ante un feito que consideramos discriminatorio e inxustificado, posto que a educación é un dereiro constitucional. E aplicar o copago nos xantares parécenos fóra de lugar, cando debería ser unha das últimas partidas a tocar. Anunciaremos qué posición toma a CONFAPA.

viernes, 22 de marzo de 2013

NACHO MIRÁS CUN DOS GRUPOS DO COLEXIO




jueves, 21 de marzo de 2013

NOVA VISITA DENTRO DA SEMANA DA PRENSA


Tal e como tiñamos programado dende a ANPA, hoxe os rapaces do CPI Camiño de Santiago tiveron a segunda das visitas profesionais dentro dos actos da Semana da Prensa, Trala visita onte da xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, hoxe tocoulle o turno a un home que leva máis de dúas décadas traballando en diferentes medios do Grupo Voz. Actualmente reporteiro na delegación de Santiago de La Voz de Galicia, aínda que curtido tamén na radio. Falamos de Nacho Mirás Fole.
 O profesional levou ós rapaces a unha viaxe a través das distintas seccións que compoñen un xornal, dende a portada ata a contraportada pasando incluso pola sección de esquelas. E a pesar de que poida parecer algo antigo ou pouco funcional, Nacho explicou ós rapaces que se se seguen conservando é porque están fondamente ligadas á tradición e cultura galegas. Tamén puideron visionar os alumnos o proceso de impresión dunha rotativa. Un dato que chamou moito a atención dos nenos foi a velocidade de impresión destes aparellos. A que posúe La Voz de Galicia no polígono de Sabón, en Arteixo, alcanza os 100 km/h. Ademais, Nacho explicou nas súas intervencións que un xornalista nunca vai só, “andamos de dous en dous coma a Garda Civil”. Xa que logo, facendo gala das súas verbas, acudiu ó noso centro acompañado da fotógrafa Mónica Ferreirós, encargada de realizar unhas instantáneas que se publicarán na edición de mañá venres. 
Por certo, e para os máis curiosos, unha das cousas que máis abraiou ós rapaces foi que segundo Nacho, o xornal máis vendido en España é o diario Marca. Un feito que ós membros da directiva da ANPA nos da para cavilar. Cremos que algo está a pasar con esta sociedade, coa nosa sociedade, para que o que máis nos interese sexa un xornal deportivo.


miércoles, 20 de marzo de 2013

PEQUENA MOSTRA XORNALÍSTICA NO COLEXIO

Aquí vos deixamos algunhas instantáneas da pequena mostra que conseguimos artellar de cara á celebración desta Semana da Prensa. Evidentemente, nada disto sería posible sen a colaboración de moitas persoas anónimas do Concello e de fóra del, como o Mupega, que desinteresadamente se brindan sempre a colaborar con esta ANPA. Vaia dende aquí o noso maior agradecemento.
 
 



SESIÓNS COA XORNALISTA IOLANDA CASAL


Dentro dos actos que programamos dentro da Semana da Prensa, como xa contamos, estaba a visita que a xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, faría polas diferentes clases do CPI Camiño de Santiago. A súa chegada ás aulas de Infantil coincidiu co nacemento dos pitiños que a Aula estaba a agardar; feito que a profesional aproveitou para contar ós cativos cómo se traduciría esa boa nova nun xornal. A continuación, Iolanda prestouse á celebración de tres roldas de prensa: unha cos alumnos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; logo tocoulle ós estudantes de 4º, 5º e 6º e finalmente, Secundaria.
Para rematar a xornada, Iolanda Casal organizou un relatorio para os alumnos de 3º ee 4º de Secundaria, centrado no papel da muller na sociedade en xeral e nos medios de comunicación en particular. A xornalista incidiu, sobre todo, nas desigualdades que aínda a día de hoxe perviven na meirande parte dos ámbitos da vida. Pero, sobre todo, nos medios. Os alumnos mantiveron unha conversa coa profesional, ofrecendo os seus puntos de vista e inquéritos. A actividade conseguiu o seu obxectivo, dende o punto de vista da ANPA: que os rapaces coñecesen algo máis dos medios de comunicación e fosen conscientes da súa importancia. Creámoslles conciencia de que os medios non só informan, senón que tamén poden crear opinión e traducir isto na conciencia colectiva.
Dase ademais a curiosa circunstancia de que Iolanda Casal ten raíces en O Pino. Concretamente súa nai, que é natural da parroquia de Pastor. De cativa, Iolanda medrou acompañada sempre dunha radio, feito que a fixo decantarse polos estudos de Xornalismo. Traballa arestora no xornal El Correo Gallego, porque cre que a prensa escrita é a que lle ofrece maior capacidade de análise da realidade. Aínda que a actualidade é a súa área de traballo, Iolanda non deixa de loitar por erradicar as desigualdades coas mulleres. De feito confesa que lle preocupa especialmente o retroceso neste campo e na calidade da información que se deriva da crise económica.




lunes, 18 de marzo de 2013

SEMANA DA PRENSA CON CHARLAS E UNHA MOSTRA

Os medios de comunicación son unha constante referencia nas nosas vidas. Por iso dende a ANPA decidimos celebrar a Semana da Prensa. A nosa intención era levala a cabo a pasada, pero por cuestións de axenda do centro e a realización de exames quedou para esta que hoxe comeza. Os actos teñen como finalidade que os rapaces do CPI Camiño de Santiago teñan un achegamento ó mundo dos xornais, á súa historia e, sobre todo, á súa elaboración. Para iso, contactamos con varios profesionais que se encargarán de explicarllo dun xeito ameno e didáctico.
As actividades comezan este mércores, día 20, coa visita da xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal. A partir das 09:45 horas visitará as diferentes clases, comezando polos máis pequeniños. Vailles contar a súa traxectoria e logo someterse ás preguntas dos rapaces. Unha vez rematado isto, Iolanda realizará un obradoiro co Segundo Ciclo de Secundaria, coa temática “A muller e a ciencia nos medios de comunicación”.
O xoves visitará o centro Nacho Mirás Fole, un xornalista de La Voz de Galicia. El vai disertar sobre o proceso de elaboración dun xornal. A súa primeira cita é ás 10:30 cos rapaces do primeiro ciclo de Primaria, para logo ir visitando ós demais alumnos.
Estas dúas charlas conxuntámolas cunha pequena exposición de xornais e materiais de impresión e traballo xornalístico. Teremos por exemplo vellas máquinas de escribir...etc. E aproveitamos para dar as grazas ó Mupega, o Museo Pedagóxico de Galicia, con sede en San Lázaro, que nos cede parte delas para mostralas.

jueves, 14 de marzo de 2013

INICIO DAS XORNADAS DE ORIENTACIÓN

Gustaríanos informarvos do inicio das Xornadas de Orientación para pais das que vos falamos hai unhas semanas. Tal e como falamos nunha asemblea, estarán coordinadas e impartidas pola psicóloga Olaia González. Vanse desenvolver no Centro Sociocultural Luis Seoane de xeito GRATUITO. Os horarios que se estableceron finalmente son:
 
Luns, de 10:00 a 11:30 horas: Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria.
 
Mércores, de 17:30 a 19:00: 4º, 5º, 6º e ESO.
 
Podedes asistir se queredes aclarar dúbidas sobre comportamentos dos vosos fillos, pedir consellos, consultar casos, etc. Está aberto a todos os pais e nais interesados en mellorar a súa relación cos fillos e recibir consello profesional sobre comportamentos ou actitudes dos rapaces.

viernes, 8 de marzo de 2013

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Hoxe, 8 de Marzo, é o Día Internacional da Muller Traballadora. Dende a ANPA só podemos lanzarvos a mensaxe de que hai que seguir traballando para paliar as desigualdades que aínda perviven. Nin un paso cara atrás. Eduquemos ós nosos fillos na igualdade, e serán adultos responsables e conscientes disto.