domingo, 24 de febrero de 2013

NOVA XORNADA DE XADREZ


Esta semana tivo lugar outra das sesións da Liga de Xadrez que se vén desenvolvendo nas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro, en Santiago de Compostela. Participaron de novo algúns dos rapaces que asisten a esta actividade extraescolar organizada pola ANPA. A sorte, nuns casos foinos favorable e noutros esquiva, pero o importante é que os cativos que asisten están moi satisfeitos, aprenden moito, viven unha nova experiencia e completan o seu currículo formativo. Aquí vos deixamos algunhas instantáneas do que deu de sí a tarde.



viernes, 22 de febrero de 2013

PRAZOS DA EXCURSIÓN A SOTAVENTO


Como xa anunciamos, unha das actividades que a ANPA propón para este segundo trimestre é unha saída cos rapaces ó Parque Eólico Experimental de Sotavento (ubicado a dez kms. ó sur das Pontes de García Rodríguez). Vai dirixida a alumnos de Primaria e da ESO. Témola configurada como toda unha xornada de actividades, así que os participantes deben levar da casa o xantar (suxerimos bocadillo, froita, auga/iogur bebible..etc.).
Imos levar a cabo a excursión os días 25 e 26 de marzo (unha xornada para cada grupo de rapaces). Precisamos coñecer o número exacto de participantes para poder pechar os detalles coa organización do citado Parque. Polo tanto, pedimos a confirmación antes do día 28 de febreiro. Para que un neno participe é IMPRESCINDIBLE que presente o cupón que se lle entregou no colexio cuberto, ben entregándoo o propio alumno na clase ou ben dándollo o pai/nai a algún membro da directiva da ANPA.
O coste é de 7 euros por rapaz para os socios da ANPA e de 12 euros por alumno para os que non o sexan. Hai que pagar en efectivo o mesmo día da saída. Esíxese ademais que, se os socios da ANPA queren desfrutar do desconto, deben estar ó día no pago das cuotas. Se lle faltan cotas por pagar, para beneficiarse desta vantaxe debe abonalas tamén antes do 28 deste mes de febreiro. Os rapaces irán acompañados por membros da directiva da ANPA, que ademais ten susbrito un seguro de Responsabilidade Civil para calquera incidencia que puidera ocorrer.
O Parque de Sotavento recibe a máis de douscentos mil escolares cada ano tanto para coñecer as súas instalacións como as explicacións e actividades didácticas que realizan, co gran obxectivo de concienciar ós nosos cativos da importancia do coidado e respecto ó medio ambiente. Dispón dunha web onde ampliar información: www.sotaventogalicia.com

jueves, 21 de febrero de 2013

CONVOCATORIA SESIÓNS DE ASESORAMENTO


O pasado día 6 de febreiro, tal e como comentamos, realizamos unha sesión de asesoramento e orientación educativa familiar dirixida a pais e nais. Explicamos por qué decidimos levar a cabo este tipo de actividade. Estamos moi satisfeitos da resposta dos pais dos alumnos do Centro. A reunión tiña carácter aberto, como toma de contacto e recollida de sensibilidades ante a problemática detectada.

Agora, para abordar cuestións máis concretas de comportamentos ou hábitos de xeito máis personalizado, queremos levar a cabo unhas sesións a desenvolver en grupos moi reducidos. Todo se artellará en función do número de interesados e das dispoñibilidades horarias. Polo tanto, se algunha familia está interesada, debe cubrir o formulario entregado ós alumnos ou poñerse en contacto coa ANPA, ben falando con algún membro da directiva ou enviando unha mensaxe á dirección anpacaminosantiago@gmail.com .

viernes, 8 de febrero de 2013

BALANCE DA XORNADA DE XADREZ

Tal e como vos anunciamos, acudiron (por sorteo) varios rapaces do noso colexio, o CPI Camiño de Santiago, a un campionato de xadrez que se celebrou no compostelán centro Manuel Peleteiro. Todos os que se desprazaron forman parte da actividade extraescolar de xadrez. Foron cinco e xogaron catro: Manuel, Rubén, Yeray e Julio. Luis finalmente non xogou onte.
Temos que salientar que os nosos cativos se enfrontaban a rapaces doutros centros que xa levan tres anos participando neste tipo de campionatos, e xa que logo, con máis experiencia que os nosos. Aínda así, O Pino non desentonou no medio dos outros colexios; e aínda que só Manuel gañou a partida que lle tocou, ningún dos outros tres fixo unha mala actuación. Felicitamos dende aquí o seu papel, que non era doado. Ademais, todos o pasaron moi ben, desfrutaron moito da actividade e gañaron experiencia. E os pais que se desprazaron con eles gañaron sorrisos e a satisfacción de ver ós seus cativos felices e ilusionados. Noraboa rapaces!!


miércoles, 6 de febrero de 2013

CAMPIONATO DE XADREZ


Mañá xoves, día 7 de febreiro, catro alumnos do CPI Camiño de Santiago participarán nun campionato de xadrez no compostelán colexio Peleteiro. Son rapaces que está anotados na actividade extraescolar de xadrez, organizada pola ANPA. Só son catro porque o número de participantes é limitado, co cal recorreuse a un sorteo para determinar quen se ía desplazar ó citado concurso.

Tras a súa celebración daremos máis información e fotografías no Facebook e neste blog da ANPA. Queremos aproveitar, deste xeito, para dar máis promoción a esta actividade. Hai numerosos estudos que conclúen que os cativos que comezan a xogar ó xadrez dende pequenos, gañan máis paciencia, habilidades de pensamento lóxico, enfoque, confianza en sí mesmos, imaxinación,  capacidades para resolver problemas, resistencia mental, axilidade de pensamento e memoria, sobre todo espacial. Ademais do entretemento que comporta.
 

martes, 5 de febrero de 2013

CONVOCATORIA A UNHA XORNADA


Estimados pais/nais,
 
Nos últimos tempos estanse a producir, por parte do alumnado, unha serie de comportamentos que perxudican gravemente o desenvolvemento das actividades cotiáns do centro. Ante esta situación, a ANPA, a petición da dirección do CPI e co afán de poñerlle fin de forma definitiva a este tipo de conductas, vai organizar unha sesión de asesoramento e orientación educativa familiar dirixida aos pais e nais.
Esta sesión vai ter lugar o vindeiro MÉRCORES, día 6 de febreiro, ás 17:30 horas, no Centro Sociocultural Luis Seoane. Contaremos coa presenza da psicóloga Olaia González, que conta cunha ampla experiencia neste tipo de temas.
É moi importante a vosa asistencia xa que estamos a falar de conductas e comportamentos detestables, que causan un grave deterioro da convivencia diaria do centro. Temos que concienciarnos de que o noso papel é fundamental na educación dos nosos fillos e fillas.