jueves, 19 de diciembre de 2013

BO NADAL, OS MELLORES DESEXOS PARA 2014


miércoles, 18 de diciembre de 2013

FIN DE TRIMESTRE CO MAGO RICHARD

Como xa realizamos o  ano pasado, dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago quixemos tamén poñer un broche doce ó remate deste primeiro trimestre de curso. E por iso organizamos para este venres a actuación do Mago Richard, sufragada integramente por nós, para que actúe para todos os alumnos do centro. En concreto, os rapaces da ESO terán oportunidade de desfrutar da súa maxia a partir das 10:00 da mañán. Pola súa banda, os cativos de Infantil e Primaria poderán asistir a un pase para eles ás 11:30. Serán espectáculos diferentes, adaptados ás idades do público presente. Ambas se celebrarán no Salón de Actos do Centro Sociocultural Luis Seoane, ubicado, como sabedes, a carón do centro. 

jueves, 12 de diciembre de 2013

SUSPENDIDO O CAMPIONATO DE ATLETISMO

As malas condicións meteorolóxicas que se auguran para mañá venres, obrigaron á organización a suspender o campionato de atletismo que se ía celebrar no concello de Touro. Era unha cita intercentros, dirixida ós rapaces que están inscritos na actividade extraescolar de atletismo. Como as previsións indican que se vai rexistrar mal tempo, queda posposta esta cita deportiva.
O Departamento de Deportes do Concello de O Pino transmitiu á ANPA que tan axiña se coñeza a nova data establecida para levalo a cabo, será comunicada a todos os interesados/as.
Desculpade as molestias. Manterémosvos informados.

viernes, 6 de diciembre de 2013

CAMPIONATO DE ATLETISMO INTERCENTROS

Dende a ANPA queremos informarvos dunha cita especial para os máis deportistas: o vindeiro venres, día 13 de decembro, vaise celebrar no Concello de Touro un campionato de atletismo intercentros.  O Departamento de Deportes do Concello de O Pino transmitiunos o seu gran interese en que os alumnos do CPI Camiño de Santiago que o desexen, participen en dito campionato. Iso sí, é só para os rapaces que están inscritos na actividade de atletismo. Os que queiran participar deben anotarse chamando ao Concello de O Pino (981511002) e falando con Iván (Deportes).
A dirección do Centro autorizou a saída, e é precisa tamén a autorización dos pais/nais. Por iso, se os vosos rapaces queren ir,  recibiredes de parte do Concello un formulario que deberedes asinar. Tanto a inscrición coma o transporte, por ser a primeira saída deste tipo, será gratuita nesta ocasión, e corre por conta do Concello de O Pino.
Pola nosa banda, dende a ANPA consideramos moi positivas as iniciativas deste tipo, e esperamos que conte coa práctica totalidade dos alumnos anotados en atletismo. Moita sorte, rapaces!!!!

viernes, 29 de noviembre de 2013

APROBACIÓN DEFINITIVA DA LOMCE

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou onte, cos votos do Partido Popular e a abstención de UPN, a séptima reforma educativa da democracia. Como xa expresamos públicamente máis veces, e insistimos no noso carácter apolítico, non estamos dacordo con gran parte das reformas que esta lei, coñecida como a LOMCE, supón. A función dunha ANPA é velar polos maiores dereitos, recursos e igualdades na educación dos nosos fillos. Pero, para que vós xuzguedes por vós mesmos, nós deixámosvos aquí un enlace á páxina do Ministerio de Educación, onde descargar a lei.

http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/participacion-publica/lomce/20130517-aprobacion-proyecto-de-ley.html


Este sábado, día 30, volve a rexistrarse unha  marcha a Madrid, para seguir amosando na rúa o rexeitamento a esta nova normativa. Éste é o cartel da convocatoria.

jueves, 28 de noviembre de 2013

MENÚ DO MES DE NADAL


miércoles, 27 de noviembre de 2013

BALANCE DA ASEMBLEA XERAL DESTE MÉRCORES

Tal e como tiñamos anunciado, hoxe mércores realizamos una Asemblea, coa asistencia de case unha trintena de pais e nais con fillos estudando no CPI Camiño de Santiago. En primeiro lugar, procedeuse á elección da persoa que ocuparía o cargo de Vicepresidente da ANPA, trala marcha de María Lemos. Só se rexistrou unha candidatura, a de Mar Pena Blanco, que foi elixida sen ningunha obxeción. A continuación procedeuse a explicar o estado de contas da Asociación. Se hai alguén interesado en obter os detalles, que nos envíe un mail a anpacaminosantiago@gmail.com e farémoslle chegar os datos.
Sí se procedeu a explicar que a directiva da ANPA está a manter contactos con diferentes empresarios do Concello, para que colaboren económicamente con nós a cambio de que a publicidade das súas empresas apareza nesta páxina web. Existe outra vía de financiamento que é a venda dunhas tarxetas de Lotería, válidas para varios sorteos e en vigor durante 6 meses. Serán os rapaces de 4º da ESO quen as venda, porque unha alta porcentaxe dos beneficios son para axudarlles a financiar a súa excursión de fin de curso.
En canto ás actividades extraescolares, o balance de Primaria é bastante positivo, sobre todo na de Técnicas de Estudo, que foi moi ben acollida. Non así as de Infantil, posto que de 64 cativos matriculados, só 10 participan nalgunha das opcións. De Primaria, hai 149 rapaces matriculados no centro, e deles, participan 65. Aquí tamén queremos facer fincapé en que segue sendo moi  baixo o número de familias que son socias da ANPA. Porque existe a "lenda" de que se os rapaces non van a actividades (que saen máis baratas), xa non fai falta. E queremos recordar que iso é mentira. Porque por exemplo, para o Nadal actuará o Mago Richard, pagado pola ANPA. E actuará para todos os nenos, cousa que non é xusta para os que sí pagaron. E coma iso moitas máis actuacións e programas coma os que fixemos durante todo o curso pasado. A porcentaxe de familias de O Pino que actualmente son socias desta ANPA é do 32%. Agora estamos permitindo que todos os nenos, socios ou non, participen nas actividades que facemos en horario lectivo. Pero tamén queremos que se saiba, porque nós traballamos por todos os nenos. E cantos máis recursos, máis cousas podemos facer. E son só 15€ por casa/familia cada ano. Entre outros plans, queremos levar os nenos de 5º e 6º ó Parlamento de Galicia e logo a unha visita guiada por Santiago;  ós cativos a ver unha función de títeres/teatro e logo a pasar o día na Granxa do Xesto, tamén queriamos levar ós rapaces á rotativa de La Voz de Galicia en Sabón e aproveitar para ver espazos emblemáticos de A Coruña... etc. Xa o iremos contando.
Outro dos temas que se nos plantexou a principio de curso foi o de contratar a unha persoa encargada de mudar ós rapaces de Infantil cando se manchen, mollen, etc. A ANPA mirou empresas e alternativas, e o prezo é demasiado elevado para asumilo. Así que optamos por dúas cousas, e así se decidiu na asemblea de hoxe: se hai algunha persoa interesada en facelo, que nolo comunique. E logo, trasladarémolo ós pais de Infantil, e que tanto os interesados en acollerse coma esa persoa se poñan de acordo en  prezo e condicións.
Tamén queremos poñer en marcha canto antes un BANCO DE LIBROS. Iso sí, ímolo restrinxir a todas aquelas persoas que sexan socios da Asociación. Xa vos comunicaremos cómo acollerse, se tendes libros que ceder, cales vos interesan, etc. Asemade, como vedes, o noso antigo Blog cambiou a web. Se queredes opinar, suxerir, criticar (constructivamente), dar ideas...etc. o noso mail e orellas están dispostos a escoitar. Isto é voso, e para iso está. Para dar a mellor e a maior información posible. Agora mesmo está sen moitos contidos, que iremos engadindo nestes días.
No capítulo de reclamacións, a que máis urxente nos parece é a de colocar o chan e a iluminación no patio que dende este verán está pechado, ó lado de onde aparcan os autobuses. Apenas se ve, e o chan é de cemento. Presentaremos unha reclamación ante a Consellería. Tamén solicitaremos ó Concello o arranxo da pista que vai de Budiño a Castrofeito, posto que está nun estado deteriorado e o transporte escolar retrásase ante as dificultades para a circulación.
Outro dos puntos da asemblea desta tarde foi o Decreto de Comedores, que entrou en vigor este mes de agosto. O que máis nos preocupa é o valeiro legal que existe no tema dos tuppers. Porque non está recollido en absoluto no texto e cada centro actúa como considera. De momento no CPI Camiño de Santiago permítese, pero a Consellería de Sanidade xa avisou do risco de que se produza algún tipo de contaminación, non se permite a comida que fóra. Os asistentes á asemblea decidiron o inicio dunha recollida de sinaturas, e ademais nós anunciamos que xunto coas ANPAS de Boiro e Ares, imos asistir a unha reunión co Inspector de Educación para ver se se aclara esta cuestión.
Na quenda de rogos e preguntas, unha asistente propuxo a realización de actividades relacionadas coa Igualdade para nenos de Primaria. E tamén anunciamos que estamos a estudar a posta en marcha dun Clube de Lectura, para rapaces e pais, en colaboración co profesorado do centro e tamén coa Biblioteca Municipal.
Agradecemos, coma sempre, a vosa asistencia e a colaboración aportándonos máis ideas para poder
desempeñar mellor o noso labor.















lunes, 25 de noviembre de 2013

ASEMBLEA DE SOCIOS ESTE MÉRCORES DIA 27


Estimado pai/nai, pola presente informamos da celebración da Asemblea Ordinaria da ANPA do CPI
Camiño de Santiago. Terá lugar este mércores, día 27 de Novembro, ás 17:30 horas na Aula de Usos Múltiples do centro. Ten a seguinte orde do día:

1.- Elección e nomeamento de novo Vicepresidente para cubrir a vacante deixada pola baixa de Dna. María Lemos. Poderá presentarse para ser elixido calquera socio co pago da conta ó día. No caso de que haxa máis dun candidato, os socios que non teñan a cota de pago ó día e os non socios presentes na asemblea non terán dereito a voto.
Quen queira consultar o listado de socios pode facelo chamando ó 658 417 001, enviándonos un mail a anpacaminosantiago@gmail.com ou o mesmo día da asemblea, en horario de 16:45 a 17:15 horas.
2.- Estado de contas.
3.- Presentación da Programación Anual.
4.- Educación Infantil: cambio de roupa dos cativos.
5.- Posta en marcha do Banco de Libros.
6.- Presentación da páxina web da ANPA.
7.-Información sobre reclamacións presentadas pola ANPA.
8.- Información sobre o Decreto de comedores da Xunta.
9.- Rogos e preguntas.

Agardamos a túa asistencia.

miércoles, 20 de noviembre de 2013

ÚLTIMOS DÍAS PARA FACERSE SOCIO DA ANPA



O venres, día 22 de novembro, remata o prazo para facerse socio da ANPA do CPI Camiño de Santiago. Como xa vos contamos, dende esta asociación realizamos unha serie de actividades extraescolares, cada vez intentamos que con máis calidade, para contribuir a unha mellor formación dos nosos rapaces. Se temos unha previsión de orzamentos, podemos realizar unha maior e mellor programación. Se xa o fixestes, moitísimas grazas. Senón, tendes ata este venres. Só as persoas que sexan socias desfrutarán de descontos nas actividades de pago para os seus fillos.
Se sodes pais e tendes fillos que non participan en actividades extraescolares, podedes pensar que xa vos tendes que desentender. Pero non é así. Dende a ANPA non só se coordinan e organizan esas clases de despois de xantar. Levamos a cabo tamén outra serie de alternativas lúdicas das que se benefician TODOS os alumnos do centro: polo Nadal,a Semana da Ciencia, etc. etc. Ademais, traballamos para o centro sexa un lugar mellor. Sen ir máis lonxe, o curso pasado conseguimos, tras unha reclamación conxunta coa dirección do Centro e o Concello, que se arranxasen os problemas de filtración de auga que había en varias aulas. Tamén se conseguiu que a limpeza do patio se realizase, como mínimo, unha vez cada mes.
Por exemplo, este mesmo mes de novembro atopámonos con que a Consellería de Educación, xa comezado o curso, non tiña nomeado ningún mestre para cubrir unha baixa por xubilación que se producira no colexio. Así a plantilla de Secundaria quedaba reducida e subía  a ratio de alumnos por aula. Grazas á nosa insistencia, finalmente sí se cubriu esa praza. Canto máis forte sexa una Asociación de Nais e Pais de Alumnos, co apoio de todos, o centro será un lugar mellor. Os que vos puxemos son só algúns exemplos. Hai moito por facer e niso estamos.
Por iso é importante tanto a vosa colaboración como as vosas ideas. Por iso vos pedimos que veñades ás asembleas, e por iso é importante que vos fagades socios. Son só 15€ por familia e curso.
 
Ingreso na conta da ANPA: especificando COTA ANPA e os apelidos do neno.
Banesto 0030 6045 18 0299154273
 
 
Moitas grazas.

SUBVENCIÓNS A CENTROS CONCERTADOS


A Xunta de Galicia mantén as subvencións a centros que segregan os alumnos por sexo. A pesar de que houbo varias sentenzas declarando ilegais este tipo de centros, a Consellería de Educación mantén que hai varias entidades (propietarias de centros) que recorreron as sentenzas ante o Tribunal Supremo. Son cinco os centros que en Galicia realizan esta práctica, e ós que a Xunta destina 3 millóns de euros (concerto por catro anos). Precisamente coincidiu a renovación desde concerto cos centros coa anulación da gratuidade dos libros de texto, coa que o Presidente da Xunta anunciou que o goberno aforraría uns 3 millóns de euros.

lunes, 4 de noviembre de 2013

ARTIGO QUE QUEREMOS COMPARTIR PARA REFLEXIONAR

Hai uns días chegou ás nosas mans un artigo asinado por X. L. Méndez Ferrín, que coidamos é de interese para todos, sobre todo para os que temos fillos en idade escolar. Aquí vos deixamos o enlace onde poder botarlle un vistazo.

http://www.farodevigo.es/opinion/2013/10/28/mellores-colexios/903805.html

lunes, 21 de octubre de 2013

CONVOCATORIA DE FOLGA PARA ESTE XOVES

Este xoves, día 24, está convocada unha nova folga no ensino. E non volo contamos por cuestións partidistas nin ideolóxicas. Contámosvolo porque non queremos que os nosos fillos e os vosos fillos paguen máis polas súas futuras matrículas universitarias, porque queremos que moitos desfruten de bolsas (becas) porque o precisan, e moito, porque non consideramos lóxico que se desvencelle o dereito a transporte co uso do comedor... en definitiva, porque queremos dicir NON ós recortes.
A educación, ó igual cá sanidade, deben ser dereitos básicos e ser os últimos en sufrir recortes. Por iso vos queremos trasladar a convocatoria da que nos fixo partícipes a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, para este xoves. Nós dámovos os datos e logo cada un de vós actúa segundo os seus pareceres. Simplemente vos estamos informando. Trátase dunha folga xeral educativa de todas as ensinanzas e etapas. E están convocados alumnos, docentes, familias e persoal dos centros educativos e universitarios. En Santiago partirá unha manifestación a partir das 12:00 do mediodía da Alameda.

jueves, 10 de octubre de 2013

APROBADA A POLÉMICA "LEI WERT"


O Congreso dos Deputados aprobou hoxe a coñecida como Lei Wert, a nova LOMCE. Xa vos comunicamos que nos parece un gran erro. É ridículo aprobar unha normativa que ten a todos os sectores educativos implicados en contra da mesma. Éste é un resumo das súas principais novidades:
1.- Primacía do castelán.
2.- Máis control do Ministerio: no caso de Galicia, a Xunta pode decidir os contidos e horarios das asignaturas de “especialidade” (ximnasia, plástica, música...) e das linguas cooficiais. Só iso. O resto vén determinado polo goberno central.
3.- Peso da relixión católica. Contará para a nota media e equipararse en horas ó resto de materias. Desparece Educación para a Cidadanía. A alternativa a Relixión será “Valores culturais e sociais” para Primaria, e “Valores éticos” en Secundaria.
4.- Reválidas e avaliacións contínuas. Desaparece Selectividade. Haberá reválidas externas (necesarias para pasar de curso) só na ESO e o Bacharelato, ó remate de cada ciclo.
5.- Formación Profesional: Se os mestres consideran que o alumno non vai avanzar na ESO, entrará en FP ós 15 anos. Se queren logo ir á Formación Secundaria, terán que realizar un exame.
6.- Menos participación. Perde moito peso o Consello Escolar, que pasa a ser só consultivo.
7.- Reforzo dos Dirctores: Serán designados polo Goberno, pasando antes por un proceso de formación e estar acreditados. Poderán contratar directamente a mestres, sen que a oposición sexa obrigatoria.
8.- Funcionarios: Resérvanse o dereito a cambiar o destino e función dos funcionarios. Auméntase o horario lectivo do profesorado.
9.- Elévase o ratio de alumnos por aula un 10%.

viernes, 27 de septiembre de 2013

MANIFESTACIÓN MAÑÁ EN COMPOSTELA

Hoxe queremos lembrarvos que mañá sábado hai una marcha en Santiago contra a LOMCE. Van sair autobuses de diferentes puntos de Galicia que chegarán a Compostela a catro puntos distintos: Rúa de Boisaca (Polígono do Tambre), Ponte da Rocha, Monte do Gozo e diante do colexio de Lamas de Abade. E dende estos catro lugares partirán catro marchas a pé que van reunirse en Praterías ás 12:00 do mediodía.
Trátase dunha acción máis de presión de pais, alumnos e profesores contra a nova lei de ensino. De feito, tamén está convocada unha nova folga no ensino público para o día 24 de outubro, xoves. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento á participación nesta convocatoria contra a LOMCE, porque considera prioritario realizar un último esforzo para evitar que a lei se aprobe.

viernes, 20 de septiembre de 2013

REUNIÓN DE PAIS E NAIS DE INFANTIL

Dende a ANPA, convocamos a todos os pais e nais dos alumnos de todos os cursos de Educación Infantil a unha reunión esta mañá na Aula de Usos Múltiples do centro. Para os novos, queriamos presentarnos. E para os demais, resolver dúbidas, escoitar problemas ou suxerencias. Sabemos que hai moitos pais e nais que por diferentes motivos, non puideron achegarse, así que faremos unha pequena síntese.
Con relación á oferta de actividades extraescolares, este ano a principal novidade é que as ofertadas polo Concello de O Pino teñen límite de prazas. Se hai máis cativos apuntados ca prazas ofertadas, realizarase un sorteo no Concello, e así se asignarán as prazas. A ANPA, para Infantil, oferta Contacontos e un Taller Lúdico, tal e como se vos indicou no formulario que recibistes a través dos rapaces. Por outra banda, xurdiu o tema de encargar a unha persoa para que sexa a encargada de mudar ós cativos que se manchen, vomiten, etc. A ANPA está estudando prezos e na vindeira semana todos os pais e nais de infantil recibirán un documento explicando cómo funcionaría, o custo e un formulario para cubrir os que estean interesados/as no servizo.
Con respecto ás saídas/excursións, polo de agora aínda non temos unha resposta en firme por parte do colectivo de profesores con respecto a se se levarán a cabo ou non dende o colexio. Estamos barallando realizar nós algunha dende a ANPA, pero sería máis adiante e xa vos informaríamos. Tamén explicamos que aínda que se pechou o pavillón que está no patio, o que está pegado á estrada, agora estamos traballando para que se dote de chan e de luz, porque no inverno coa iluminación natural non chega.
Se tendes algunha dúbida, podedes enviarnos un mail a anpacaminosantiago@gmail.com e procederemos a resolvela.

miércoles, 18 de septiembre de 2013

EXPLICACIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES

Tal e como vos anuanpacaminosantiago@gmail.com.
nciamos onte, procedemos a explicar algo as actividades que presentamos para este curso 2013-2014. Se precisades calquera aclaración a maiores, non dubidedes en preguntarnos, ben con comentarios neste mesmo blog, en persoa ou por mail no enderezo
ANIMACIÓN Á LECTURA
A metodoloxía sería a realizacion de actividades grupais como a creación de murais, realización de contos en común, xogos educativos, etc. A finalidade é incrementar a creatividade dos nosos rapaces, preocupándonos polas dificultades de cada un. Tamén teremos apartados centrados nos principais problemas ortográficos. Traballaranse distintos valores por exemplo cos contos clásicos; leremos contos mediante animación, caracterizados coma as personaxes ou aprenderemos a usar ben o diccionario. Tamén se intentará mellorar a comprensión lectora dos rapaces, sendo sempre moi flexibles a propostas dos pais e dos propios alumnos que acudan a esta actividade. Asemade, poñeremos moita atención a posibles trastornos da aprendizaxe, como por exemplo a dislexia. E, en definitiva, espertar nos nenos/as o interese pola lectura e a escritura. Sempre, en todas as sesións, haberá unha parte lúdica en grupo e logo unha de traballo individual.
ARTES ESCÉNICAS
O obradoiro consiste, sobre todo, en dar ós participantes unhas pautas para que se coñezan mellor a sí mesmos, fomentando autoestima e sensibilidade. Para iso catro monitores iran turnándose para realizar diferentes técnicas dentro das súas especialidades (unha monitora é bailarina, outro músico e actor, e as outras dúas titiriteiras, aínda que todos teñen moita experiencia en animación sociocultural, creatividade literaria, expresión e métodos didácticos. Os participantes achegaránse ó mundo das artes escénicas, coñecendo expresión corporal, musical, plástica e dramática. Traballarase a través de contos, personaxes e historias galegos, música e danzas tradicionais, etc. Ademais tamén se fabricarán personaxes con distintas técnicas plásticas.
TÉCNICAS DE ESTUDO
O estudo tamén require dunha aprendizaxes. Xa se demostrou que o fracaso escolar pode deberse, en certa medida, a que o alumno/a non sabe estudar. A metodoloxía, como podedes imaxinar, é sobre todo práctica, mediante textos e exercicios. Os obxectivos a conseguir son sensibilizar ó alumno/a sobre a importancia do estudo, coñecer métodos e técnicas que aumenten o seu rendemento, adestrarse nestes métodos e aplicalas ó seu caso particular. Entre os contidos desta actividade figura mellorar a velocidade lectora e a comprensión, técnicas para sintetizar textos, cómo estudar, cómo preprar un exame, organización do tempo persoal, cómo mellorar a memoria, etc. Todo acompañado de actividades prácticas, textos, cuestionarios, etc.
CONTACONTOS
Cando lemos un relato, sempre nos evadimos a mundo e aventuras fascinantes. Con esta actividade os cativos achegaranse ó mundo dos contos, literatura e tradición oral. Fomentarase a súa creatividade, potenciarán a expresión a través de distintas disciplinas artísticas, e estimularán a súa sensibilidade polas artes. Iso sí, sempre divertíndose.
O punto de partida é sempre un conto, e sempre tamén se potenciará o traballo en grupo e compañeirismo. Os rapaces traballarán a iniciación ás artes escénicas, que lles axuda a mellorar a súa expresión ademais do coñecemento das súas propias emocións. Logo, a través da danza e da música, traballarán o aparello motor, a coordinación e a psicomotricidade. Ó longo do curso tamén fabricarán personaxes con distintas técnicas plásticas; con estes títeres representarán esceas de contos.

Outras actividades que temos e que non precisan moita explicación, porque xa son coñecidas, son
 
DEBUXO E PINTURA
 
e
 
MECANOGRAFÍA E INFORMÁTICA

martes, 17 de septiembre de 2013

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES CURSO 2013-2014

Xa están a disposición de todos os pais e nais os formularios para cubrir a solicitude das actividades extraescolares do curso que vén de comezar, 2013-2014. Se alguén por calquera motivo non é quen de descargalos ou non lle chegan polo alumno/a, enviádenos un correo electrónico (anpacaminosantiago@gmail.com) e enviámosvos todo por correo.
Entre hoxe e mañá contarémovos algo máis de todas as actividades e os motivos que nos levaron a escoller as que compoñen a oferta deste ano, que como sabedes, e é habitual, se complementan coa oferta que realiza tanto o Concello de O Pino como o propio centro CPI Camiño de Santiago.

https://docs.google.com/file/d/0B0LWt_4Tfq7xUV9LQk5ZMFdFUlk/edit?usp=sharing

https://docs.google.com/file/d/0B0LWt_4Tfq7xem1CQjdqMEJTNkU/edit?usp=sharing

https://docs.google.com/file/d/0B0LWt_4Tfq7xVDhoNndVQzRKY3M/edit?usp=sharing

jueves, 5 de septiembre de 2013

E CHEGOU O MOMENTO DUNHA DESPEDIDA


Cando hai máis ou menos un ano decidimos introducirnos no mundo da ANPA, non imaxinamos que tiñamos que decir un adeus, agardemos que temporal, a unha das integrantes da nosa directiva. A nosa Secretaria, María Lemos, ten que deixar O Pino por motivos persoais. Podémosvos asegurar que foi un absoluto pracer traballar con ela. Onde está María está ese sorriso co que se viste polas mañáns e que xamais a abandona. Está a tranquilidade a pesar da revolución de estar todos os días rodeada de cativos.

María aportou moito a esta entidade que é a ANPA. Por iso queremos desexarlle a ela e á súa fermosa familia a mellor das sortes nesta nova etapa que agora emprenden. Sexa nunha nova ANPA, María, ou simplemente sendo ti mesma, ogallá sigas repartindo tantas cousas boas como fixeches aquí. Ogallá se algún día volves-iso agardamos-deixes onde vas tantos e bos amigos coma os que aquí te estrañarán. Vivimos contigo, María, cousas que nos cambiaron, para mellor, e que xa forman parte de nós. Ogallá a sorte sempre che dea a man.

Traballaches moitas horas con nós. Ideando, planificando, resolvendo problemas, sempre positiva e intentando mellorar as cousas. Que os teus cativos estean orgullosos de súa nai, pola fortaleza que sempre amosas. E porque cando alguén, neste caso moitos alguéns, te van botar de menos, iso xa di moito dunha persoa. Nunca deixes de sorrir, nin de aprender, nin de ensinar nin de soñar.

En nome de toda a directiva da ANPA, grazas por todo. Por sumar sempre, por ilusionarte desa maneira, por permitirnos compartir a túa vida e a túa profesionalidade. Voa ben alto sempre. Pero non esquezas, de vez en cando, volver ó niño. Aquí te esperamos. Ata cando queiras.

miércoles, 14 de agosto de 2013

NOVAS NORMAS// VIDEOS PARA COMPARTIR

Hoxe mércores, 14 de agosto, entrou en vigor o Decreto de Comedores. Significa en liñas xerais que os alumnos que ata o de agora tiñan dereito ó xantar gratuito por usar o transporte público, deixan de telo. Pagarase en función da renda dos pais. Os núcleos familiares que teñan una renda anual per cápita de menos de 7.000€ anuais seguirán tendo comedor gratuito. No resto dos casos, o prezo vai variar entre 1€ ó día por menú ou ata 4'5 euros.
Xunto con esta nova, gustaríanos, dende a ANPA, resaltar e compartir o traballo que realizaron alumnos e profesores do CPI Camiño de Santiago neste estupendo vídeo con mensaxe.

http://youtu.be/Fq6HkctzMFE

viernes, 28 de junio de 2013

INFORMACIÓN SOBRE O COMEDOR ESCOLAR

Hoxe venres celebrouse no CPI Camiño de Santiago o último Consello Escolar do curso. Determinouse que o prazo para que os alumnos se anoten no comedor escolar rematará o 3 DE SETEMBRO de 20013. Unha vez que finalice este prazo, os rapaces que non o tivesen solicitado, quedarán sen servizo no caso de que non houbese prazas suficientes.
Tédeo en conta sobre todo os pais que teñades fillos/as que utilicen o transporte escolar. Xa vos contamos que polo de agora non está aprobado o Decreto do Comedor, pero isto é o que está xa decidido.
 
Unitaria
 
Por outra banda, gustaríanos solidarizarnos cos pais dos alumnos da escola Boavista, de Ferreiros. A Xunta ten en previsión, segundo se puxo de manifesto por parte da Consellería de Educación, o peche das escolas unitarias que non teñan un mínimo de 6 alumnos. E isto afecta á escola de Ferreiros. De momento é algo provisional. Estaremos atentos para ver qué ocorre.

jueves, 20 de junio de 2013

CHARLA SOBRE ADICCIÓNS PARA RAPACES

A responsable da Concellería de Educación e Cultura, Eva Varela, comunícanos que o seu departamento organiza hoxe unha charla para os rapaces de 5º e 6º de Primaria. O tema son as adiccións, e será impartida por unha psicóloga infantil que colabora coa Asociación Contra o Cancro. O motivo da charla é concienciar ós rapaces, xa dende novos, de todos os riscos que poden crear perxudiciais adiccións, como internet, drogas, alcol, etc.

miércoles, 19 de junio de 2013

RESERVA DE COMEDOR ESCOLAR

Recibistes estes días na vosa casa un documento para realizar a reserva do comedor escolar. Unha  novidade este ano, xa que sempre se realizaba a comezos de curso. A ANPA púxose en contacto coa Consellería de Educación, posto que o novo decreto de comedores (que como gran novidade inclúe taxas en función da renda), aínda non está aprobado. Na Xunta dixéronnos que a previsión é que o decreto se aprobe o mes que vén. Pero como previsión, déuselle orde ós centro para que realizasen as reservas canto antes (hai que calcular as taxas de todos os alumnos que vaian asistir).
A ANPA, como hai pais e nais que deixan ós cativos no comedor en función das actividades extraescolares, preguntoulle á Xunta qué ocorre se agora non se reserva e logo se necesita. A resposta telefónica da Consellería foi que se hai prazas suficientes no comedor non habería problema, e se non as hai, sería o propio centro escolar o que tería que establecer baremos de prioridades.
No noso Facebook ímosvos colgar o decreto de comedores que a Xunta planea aprobar o mes que vén. Sí queremos aproveitar tamén para recordarvos que axiña remata o prazo para solicitar as axudas para os libros de texto. En entradas anteriores no blog e no Facebook tendes o enlace ás bases e ós documentos para solicitalas.

martes, 18 de junio de 2013

CAMBIOS NAS MOBILIZACIÓNS CONTRA A LOMCE

Finalmente suspéndense as mobilizacións contra a LOMCE que estaban convocadas para o día 19 de xuño diante da Consellería de Educación. Coincidindo co inicio do seu trámite parlamentario, a ANPA e os seus membros están convidados a participar na manifestación que vai ter lugar o xoves, 27 de Xuño. En Santiago de Compostela a marcha partirá ás 19:30 horas da Praza do Toural. Aquí está o cartel da convocatoria.

 
 

DESPEDIDA A JUAN, O COCIÑEIRO


Asoma a fin de curso, e tamén moitas emocións. E na ANPA non podiamos ser alleos a elas, posto que formamos parte tamén da comunidade educativa. E unha das partes menos doces dos finais son as despedidas. Hoxe temos que afrontar unha. Este xoves remata o servizo de comedor, e significará, ademais, o adeus dun home que coas súas mans elaborou moitos menús para os nosos fillos.

Juan despídese do CPI Camiño de Santiago. As súas mans levan algunha que outra ferida de guerra mentres traxinaba nos fogóns do colexio, preparando os menús que a diario degustaron os nosos fillos. Os que se enfrontan día tras día á elaboración de menús-e con rapaces na casa aínda máis complicado-saben da súa dificultade. Juan sempre apostou por menús moi variados, coas legumes e verduras como grandes protagonistas. Pero tampouco esquecía introducir algunhas veces esas lambetadas ou pratos como a pizza, que voaban aínda ben non chegaban á mesa.

Juan, alá onde te leven os fogóns, que teñas moita sorte. Que che vaia bonito, como dicía a canción. Ogallá quen se poña á fronte da cociña do CPI Camiño de Santiago coide tanto o seu traballo coma sempre o fixeches ti. E ogallá que pense tanto na saúde dos nosos rapaces. A ti só nos queda enviarche un aroma de grazas, unha salsa de abrazos e un doce postre de bos desexos.

Ata cando queiras.

miércoles, 12 de junio de 2013

MOBILIZACIÓNS CONTRA A LOMCE

Dentro da serie de protestas que se están a levar a cabo contra os recortes educativos que plantexa a LOMCE, este domingo a Federación Provincial de APAS de Centros Públicos convócanos a unha nova mobilización. A que máis preto nos queda é a de Santiago de Compostela, que parte ás 12:00 do mediodía da Alameda. Estades todos convidados a participar, para se escoiten as nosas voces e a educación sume en vez de restar.
 

lunes, 10 de junio de 2013

ASEMBLEA ORDINARIA ESTE MÉRCORES DÍA 12


Estimadas nais e pais,

Pola presente quedades convocados á Asemblea Ordinaria da ANPA, que se celebrará na sala de usos múltiples do CPI Camiño de Santiago o vindeiro mércores día 12 de xuño, ás 17:30 horas, coa seguinte orde do día:

1.- Memoria de actividades do curso 2012-2013.

2.- Estado de contas 2012-2013.

3.- Propostas de actividades para o curso 2013-2014.

3.-1.- Actividades extraescolares.

3.-2.- Actividades lúdicas e formativas cos nenos.

3.-3.- Actividades coas nais e pais.

4.- Previsión de contas para o curso 2013-2014.

4.-1.- Plazos e métodos de pago de cotas.

5.- Varios.

6.- Preguntas.

lunes, 3 de junio de 2013

ABERTO O PRAZO PARA AXUDAS POR LIBROS DE TEXTO

 
Acaba de abrirse o prazo para solicitar axudas por libros de texto para o alumnado de Primaria e Secundaria. No seguinte enlace tendes a orde publicada o pasado venres no DOG por parte da Consellería de Educación.

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130531/AnuncioG0164-280513-0006_gl.html

lunes, 27 de mayo de 2013

REMATE DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES


Aproveitamos esta plataforma dixital para comunicarvos que esta semana rematan as actividades extraescolares. De todos os xeitos, enviaremos, como é habitual, unha nota a cada domicilio a través dos rapaces, para informar deste feito. Gustaríanos tamén agradecer a participación de todos os nenos/as nas diferentes propostas que este curso realizou a ANPA, así como ós docentes que estiveron á súa fronte.

Por outra banda, e a petición do Concello, comentámosvos que se estades interesados, organizan durante todos os xoves do mes de xuño uns obradoiros con motivo da Feira Celta. Van ter lugar de 17:00 a 18:00 horas no Centro Sociocultural Luis Seoane, e consistirán na construcción de escudos, abalorios, adornos e patróns de vestidos para a citada Feira Celta. A inscrición é gratuita. Tamén se enviará á casa un documento informativo ó respecto.

martes, 21 de mayo de 2013

INICIO DA SEMANA DA CIENCIA


Esta semana organizamos no centro a Semana da Ciencia. Unha iniciativa que ten por obxectivo contribuir á mellor formación dos nosos rapaces, en coordinación co equipo docente que ten o colexio. Temos programadas unha serie de actividades, axeitadas ás idades dos cativos e mozos. Serán didácticas pero tamén moi amenas, para que os nenos aprendan case sen darse conta.

Comezamos mañá mércores día 22 con varios obradoiros para Primaria. Os de Primeiro asisten ás 09:30 á sesión “A ecoloxía, a miragre da Natureza”; ó largo da mañán ós alumnos de Segundo participarán na charla “Coida a Terra”. A continuación haberá un pase de teatro para 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, co título “Náufrago”.

O xoves teremos varios obradoiros para Infantil. Comezamos cos de 5 anos, con “A fábrica dos aromas”. Logo tócalle o turno a Infantil de 3 anos, con “Coñece os teus sentidos”, e rematamos cun obradoiro para os de 4 anos, titulado “Eu quero ser...dentista”.

O venres o alumnado de Secundaria terá un circuito científico. Centrarase na enerxía: qué é, recoñecela en varias formas, converter un cacahuete en enerxía eléctrica, comprobar cómo a comida nos proporciona enerxía, identificar varios xeitos de producir electricidade, etc. Ademais disto, os alumnos de 3º e 4º da ESO terán unha charla da man dos responsables de Galchimia. Tratase dunha empresa de O Pino que en apenas unha década se convertiu nunha firma líder en España en Química Orgánica Sintética con traballos a nivel internacional. Eles explicarán ós rapaces cómo naceu a empresa, por qué están radicados no noso concello, o tipo de clientes que teñen, traballos, etc.


viernes, 10 de mayo de 2013

BALANCE DA XORNADA DE FOLGA

Finalmente, a presión popular fixo que o goberno reconsiderase a súa decisión de sacar adiante a LOMCE. Á espera do que aconteza, polo de agora imos avanzando paseniñamente na reivindicación dunha educación pública de calidade. Con recursos, persoal e unha correcta organización. Onte, no CPI Camiño de Santiago, a folga foi seguida de xeito maioritario polos alumnos, o que nos fai reflexionar sobre a conciencia cada vez maior tanto de pais coma de estudantes.
Sen irmáis lonxe, e segundo os datos que obran no noso poder, o CPI Camiño de Santiago vai recibir, neste exercicio, algo máis de 12.000 euros menos por parte da Xunta. Tendo en conta que é o único centro do concello (excluíndo a dúas unitarias), que é un inmoble con serias deficiencias, este recorte evidentemente vai influir nas actuacións que o equipo de dirección acometa. Como xa indicamos, non nos parece correcto recordar en este eido. Falamos de dereitos, falamos do futuro dos nosos fillos. E tal como están as circunstancias, precisamente a formación vai ser a clave. Apostemos polos rapaces, non lles recortemos as liberdades do seu futuro.

martes, 7 de mayo de 2013

CONVOCATORIA DE FOLGA PARA ESTE XOVES


Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago queremos sumarnos sen reservas á convocatoria de folga no ensino público prevista para este xoves, 9 de Maio de 2013. É unha convocatoria que nos chega dende a Plataforma en Defensa do Ensino Público, na que se integran CCOO, FETE-UXT, CSIF, CONFAPA-Galicia, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Vida. O obxectivo é manifestar o rexeitamento á Lei de Mellora da Calidade do Ensino, a LOMCE. Cremos que supón unha perda na calidade da educación e un ataque contra o ensino público en favor do privado.

lunes, 22 de abril de 2013

ARRANXOS NECESARIOS E URXENTES

Dende a ANPA, no noso traballo por mellorar o benestar dos cativos dentro do CPI Camiño de Santiago, detectamos algúns problemas serios nos últimos meses, que parece que por fin se encarreiran cara unha solución. Ímosvos resumir cales son e qué fixemos ó respecto:
 
Limpeza do patio
Dende que comezou o pasado mes de marzo, a ANPA xunto coa Dirección do CPI, puxémonos en contacto coa empresa encargada da limpeza das instalacións do colexio. Era precisa unha limpeza a fondo inmediata de todo o patio, que levaba varios meses sen unha actuación deste tipo. Froito desta reclamación conxunta coa Dirección, a empresa fixo os traballos que se lle demandaban. O certo é que, a pesares de que algunhas zonas non se limparon, o estado xeral do patio é agora máis axeitado e acorde a un lugar no que os nenos e nenas pasan varias horas cada día. O que agardamos é que en próximas xornadas, a citada empresa volva e remate de arranxar as zonas pendentes, ademais de repasar todo o patio. Porque non imos aceptar que se volva á anterior situación. 
Ademais, o Concello de O Pino comprometeuse, nos vindeiros días, a recortar as tullas que hai nalgunhas zonas verdes do patio. Algo que, xunto coa limpeza, axudará sobremaneira a mellorar a súa presenza. 
 
Problema de filtracións 
 
 
Como supoñemos que saberedes, existe no Colexio un problema grave de filtracións de auga, que arestora afecta a varias aulas. Para solucionalo canto antes, a Dirección do Centro, o Concello é nós como ANPA, asinamos un escrito conxunto instando á Consellería de Educación a que arranxase esta grave deficiencia canto antes. Grazas á devandita reclamación, o propio Xefe Territorial da Consellería e un técnico visitaron xa o colexio para comprobar a gravidade do problema. Tras velo, informáronnos de que van comezar no menor prazo posible co arranxo da cuberta do edificio para solucionar de forma definitiva esa incidencia.
 
Porteiro automático
 
Gustaríanos comunicarvos ademais que a Dirección do Centro vai instalar un portal con porteiro automático nas entradas de vehículos e de persoas do Colexio. É unha actuación que tamén consideramos moi necesaria, xa que a día de hoxe calquera neno ou nena pode saír do recinto do colexio á estrada de forma accidental; asemade, calquera persoa allea ao centro entrar sen ningún tipo de control.
O custo destes traballos correrá a cargo dos fondos propios do CPI, encargándose o Concello da instalación eléctrica necesaria.


viernes, 12 de abril de 2013

ACLARACION E POSTURA SOBRE O COPAGO NOS COMEDORES



A ANPA do CPI Camiño de Santiago é unha entidade completa e absolutamente apolítica. En ningún momento imos lanzar proclamas nin a favor nin en contra de ningunha forza política, porque nin é o noso cometido nin sería ético. O noso traballo, como Asociación de Pais e Nais de Alumnos é contribuir á formación educativa dos rapaces, apoiando o traballo realizado no Centro de Ensino e velando polos dereitos e necesidades dos nosos fillos.

Esta explicación considerámola oportuna ante posibles comentarios maledicentes que se poidan desprender do noso rexeitamento público ás taxas que se pretenden impoñer para os comedores escolares. Insistimos, énos indiferente de qué cor política sexa o responsable da decisión. Non cremos correcto, nin xusto nin xustificado que agora se determine un incremento do 40% no prezo dos comedores escolares.

Os cativos non xantan nos colexios por gusto dos pais. Xantan porque teñen unha serie de horas lectivas que son inamovibles. E porque se estableceu así un sistema que funcionou sen problemas ata o de agora. Ata o de agora, a Consellería de Educación facíase cargo do pago deste concepto, o que supoñía que fose de balde para case o 92 por cento do alumnado. Agora, con este novo sistema, pagaría o 43'2% dos rapaces. Unha cantidade que pode chegar a 4'5 euros por menú.

Dende esta ANPA consideramos que se a Consellería de Educación ten a necesidade de realizar axustes económicos existen outros capítulos onde actuar, sen ter que facelo sempre no ámbito da educación pública, e moito menos nunha cuestión tan sensible para moitos pais e nais como son os comedores escolares. As familias non están nestes intres no seu mellor momento económico, polo que non entendemos este tipo de accións. Insistimos, non é nin queremos que se entenda como crítica política, porque NON é a nosa función nin intención. Só pedimos unha reflexión e rectificación ás autoridades sobre este tipo de decisións.


martes, 26 de marzo de 2013

VISITA Ó PARQUE DE SOTAVENTO


Entre as actividades complementarias e extraescolares que a ANPA propuxo para este segundo trimestre, figuraba unha visita didáctica ó Parque Eólico Experimental de Sotavento. E alá fomos, onte luns. Os rapaces desfrutaron dunha xornada moi amena e ó mesmo tempo educativa, que era o que se pretendía. O único malo foi o tempo, posto que as condicións climatolóxicas decidiron non acompañarnos, e non puideron realizar as actividades que o Parque lles tiña preparadas no exterior.
Nembargantes, o persoal do Parque volcouse cos nosos rapaces, dividíronos en grupos segundo as súas idades e fóronlles ensinando diferentes conceptos relacionados coa producción de enerxía, o aforro enerxético, cómo conseguir a eficiencia... etc. Pero todo nun ambiente moi relaxado, case de xogo. Algo que fixo que os rapaces desfrutaran da xornada.
Entre outras cousas, puideron contemplar un aeroxenerador eólico, visitaron unha casa domótica bioeficiente... e pola tarde, tras todo un récord de silencio (botaron calados catorce minutos), a xornada rematou cun xogo didáctico por equipos no que poñían en práctica os coñecementos que se lles proporcionaran pola mañá.




sábado, 23 de marzo de 2013

CAMPIONATO DE XADREZ EN PADRÓN

Tamén queremos comunicarvos que hoxe comezou o Campionato Galego de Xadrez, que se celebra no Hotel Scala, en Padrón. Será, ademais de hoxe, mañá domingo, lunes e martes. Os rapaces do CPI Camiño de Santiago compiten nas categorías sub 10 e sub 12. Os seus horarios, por se queredes ir a animalos, son:

SUB 10

Sábado: 10:00h, 12:15h, 16:00h e 18:15h
Domingo: 10:00h, 12:15h, 16:00h e 18:15h

SUB 12

Sábado: 10:00h e 17:00h
Domingo: 10:00h e 17:00h
Luns: 10:00h e 17:00h
Martes: 09:00h e 16:00h
Vaia dende este blog toda a nosa sorte para eles, e a nosa admiración. Agardamos que desfruten da experiencia, que aprendan moito e sigan perfeccionando as súas xa grandes dotes no xadrez.

REXEITAMENTO DO COPAGO NO COMEDOR

Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago queremos facer público o noso malestar polo anuncio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia de comezar para o vindeiro curso a aplicar o copago nos comedores escolares. Segundo anunciou o departamento autonómico, con este novo modelo en función da renda, un 10% das familias pagará 1 euro e un 24% vai ter que desembolsar 4'5 euros por menú.
Hoxe hai unha reunión da CONFAPA, para tomar algún tipo de medida ante un feito que consideramos discriminatorio e inxustificado, posto que a educación é un dereiro constitucional. E aplicar o copago nos xantares parécenos fóra de lugar, cando debería ser unha das últimas partidas a tocar. Anunciaremos qué posición toma a CONFAPA.

viernes, 22 de marzo de 2013

NACHO MIRÁS CUN DOS GRUPOS DO COLEXIO




jueves, 21 de marzo de 2013

NOVA VISITA DENTRO DA SEMANA DA PRENSA


Tal e como tiñamos programado dende a ANPA, hoxe os rapaces do CPI Camiño de Santiago tiveron a segunda das visitas profesionais dentro dos actos da Semana da Prensa, Trala visita onte da xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, hoxe tocoulle o turno a un home que leva máis de dúas décadas traballando en diferentes medios do Grupo Voz. Actualmente reporteiro na delegación de Santiago de La Voz de Galicia, aínda que curtido tamén na radio. Falamos de Nacho Mirás Fole.
 O profesional levou ós rapaces a unha viaxe a través das distintas seccións que compoñen un xornal, dende a portada ata a contraportada pasando incluso pola sección de esquelas. E a pesar de que poida parecer algo antigo ou pouco funcional, Nacho explicou ós rapaces que se se seguen conservando é porque están fondamente ligadas á tradición e cultura galegas. Tamén puideron visionar os alumnos o proceso de impresión dunha rotativa. Un dato que chamou moito a atención dos nenos foi a velocidade de impresión destes aparellos. A que posúe La Voz de Galicia no polígono de Sabón, en Arteixo, alcanza os 100 km/h. Ademais, Nacho explicou nas súas intervencións que un xornalista nunca vai só, “andamos de dous en dous coma a Garda Civil”. Xa que logo, facendo gala das súas verbas, acudiu ó noso centro acompañado da fotógrafa Mónica Ferreirós, encargada de realizar unhas instantáneas que se publicarán na edición de mañá venres. 
Por certo, e para os máis curiosos, unha das cousas que máis abraiou ós rapaces foi que segundo Nacho, o xornal máis vendido en España é o diario Marca. Un feito que ós membros da directiva da ANPA nos da para cavilar. Cremos que algo está a pasar con esta sociedade, coa nosa sociedade, para que o que máis nos interese sexa un xornal deportivo.


miércoles, 20 de marzo de 2013

PEQUENA MOSTRA XORNALÍSTICA NO COLEXIO

Aquí vos deixamos algunhas instantáneas da pequena mostra que conseguimos artellar de cara á celebración desta Semana da Prensa. Evidentemente, nada disto sería posible sen a colaboración de moitas persoas anónimas do Concello e de fóra del, como o Mupega, que desinteresadamente se brindan sempre a colaborar con esta ANPA. Vaia dende aquí o noso maior agradecemento.
 
 



SESIÓNS COA XORNALISTA IOLANDA CASAL


Dentro dos actos que programamos dentro da Semana da Prensa, como xa contamos, estaba a visita que a xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, faría polas diferentes clases do CPI Camiño de Santiago. A súa chegada ás aulas de Infantil coincidiu co nacemento dos pitiños que a Aula estaba a agardar; feito que a profesional aproveitou para contar ós cativos cómo se traduciría esa boa nova nun xornal. A continuación, Iolanda prestouse á celebración de tres roldas de prensa: unha cos alumnos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; logo tocoulle ós estudantes de 4º, 5º e 6º e finalmente, Secundaria.
Para rematar a xornada, Iolanda Casal organizou un relatorio para os alumnos de 3º ee 4º de Secundaria, centrado no papel da muller na sociedade en xeral e nos medios de comunicación en particular. A xornalista incidiu, sobre todo, nas desigualdades que aínda a día de hoxe perviven na meirande parte dos ámbitos da vida. Pero, sobre todo, nos medios. Os alumnos mantiveron unha conversa coa profesional, ofrecendo os seus puntos de vista e inquéritos. A actividade conseguiu o seu obxectivo, dende o punto de vista da ANPA: que os rapaces coñecesen algo máis dos medios de comunicación e fosen conscientes da súa importancia. Creámoslles conciencia de que os medios non só informan, senón que tamén poden crear opinión e traducir isto na conciencia colectiva.
Dase ademais a curiosa circunstancia de que Iolanda Casal ten raíces en O Pino. Concretamente súa nai, que é natural da parroquia de Pastor. De cativa, Iolanda medrou acompañada sempre dunha radio, feito que a fixo decantarse polos estudos de Xornalismo. Traballa arestora no xornal El Correo Gallego, porque cre que a prensa escrita é a que lle ofrece maior capacidade de análise da realidade. Aínda que a actualidade é a súa área de traballo, Iolanda non deixa de loitar por erradicar as desigualdades coas mulleres. De feito confesa que lle preocupa especialmente o retroceso neste campo e na calidade da información que se deriva da crise económica.




lunes, 18 de marzo de 2013

SEMANA DA PRENSA CON CHARLAS E UNHA MOSTRA

Os medios de comunicación son unha constante referencia nas nosas vidas. Por iso dende a ANPA decidimos celebrar a Semana da Prensa. A nosa intención era levala a cabo a pasada, pero por cuestións de axenda do centro e a realización de exames quedou para esta que hoxe comeza. Os actos teñen como finalidade que os rapaces do CPI Camiño de Santiago teñan un achegamento ó mundo dos xornais, á súa historia e, sobre todo, á súa elaboración. Para iso, contactamos con varios profesionais que se encargarán de explicarllo dun xeito ameno e didáctico.
As actividades comezan este mércores, día 20, coa visita da xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal. A partir das 09:45 horas visitará as diferentes clases, comezando polos máis pequeniños. Vailles contar a súa traxectoria e logo someterse ás preguntas dos rapaces. Unha vez rematado isto, Iolanda realizará un obradoiro co Segundo Ciclo de Secundaria, coa temática “A muller e a ciencia nos medios de comunicación”.
O xoves visitará o centro Nacho Mirás Fole, un xornalista de La Voz de Galicia. El vai disertar sobre o proceso de elaboración dun xornal. A súa primeira cita é ás 10:30 cos rapaces do primeiro ciclo de Primaria, para logo ir visitando ós demais alumnos.
Estas dúas charlas conxuntámolas cunha pequena exposición de xornais e materiais de impresión e traballo xornalístico. Teremos por exemplo vellas máquinas de escribir...etc. E aproveitamos para dar as grazas ó Mupega, o Museo Pedagóxico de Galicia, con sede en San Lázaro, que nos cede parte delas para mostralas.

jueves, 14 de marzo de 2013

INICIO DAS XORNADAS DE ORIENTACIÓN

Gustaríanos informarvos do inicio das Xornadas de Orientación para pais das que vos falamos hai unhas semanas. Tal e como falamos nunha asemblea, estarán coordinadas e impartidas pola psicóloga Olaia González. Vanse desenvolver no Centro Sociocultural Luis Seoane de xeito GRATUITO. Os horarios que se estableceron finalmente son:
 
Luns, de 10:00 a 11:30 horas: Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria.
 
Mércores, de 17:30 a 19:00: 4º, 5º, 6º e ESO.
 
Podedes asistir se queredes aclarar dúbidas sobre comportamentos dos vosos fillos, pedir consellos, consultar casos, etc. Está aberto a todos os pais e nais interesados en mellorar a súa relación cos fillos e recibir consello profesional sobre comportamentos ou actitudes dos rapaces.

viernes, 8 de marzo de 2013

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Hoxe, 8 de Marzo, é o Día Internacional da Muller Traballadora. Dende a ANPA só podemos lanzarvos a mensaxe de que hai que seguir traballando para paliar as desigualdades que aínda perviven. Nin un paso cara atrás. Eduquemos ós nosos fillos na igualdade, e serán adultos responsables e conscientes disto.

domingo, 24 de febrero de 2013

NOVA XORNADA DE XADREZ


Esta semana tivo lugar outra das sesións da Liga de Xadrez que se vén desenvolvendo nas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro, en Santiago de Compostela. Participaron de novo algúns dos rapaces que asisten a esta actividade extraescolar organizada pola ANPA. A sorte, nuns casos foinos favorable e noutros esquiva, pero o importante é que os cativos que asisten están moi satisfeitos, aprenden moito, viven unha nova experiencia e completan o seu currículo formativo. Aquí vos deixamos algunhas instantáneas do que deu de sí a tarde.



viernes, 22 de febrero de 2013

PRAZOS DA EXCURSIÓN A SOTAVENTO


Como xa anunciamos, unha das actividades que a ANPA propón para este segundo trimestre é unha saída cos rapaces ó Parque Eólico Experimental de Sotavento (ubicado a dez kms. ó sur das Pontes de García Rodríguez). Vai dirixida a alumnos de Primaria e da ESO. Témola configurada como toda unha xornada de actividades, así que os participantes deben levar da casa o xantar (suxerimos bocadillo, froita, auga/iogur bebible..etc.).
Imos levar a cabo a excursión os días 25 e 26 de marzo (unha xornada para cada grupo de rapaces). Precisamos coñecer o número exacto de participantes para poder pechar os detalles coa organización do citado Parque. Polo tanto, pedimos a confirmación antes do día 28 de febreiro. Para que un neno participe é IMPRESCINDIBLE que presente o cupón que se lle entregou no colexio cuberto, ben entregándoo o propio alumno na clase ou ben dándollo o pai/nai a algún membro da directiva da ANPA.
O coste é de 7 euros por rapaz para os socios da ANPA e de 12 euros por alumno para os que non o sexan. Hai que pagar en efectivo o mesmo día da saída. Esíxese ademais que, se os socios da ANPA queren desfrutar do desconto, deben estar ó día no pago das cuotas. Se lle faltan cotas por pagar, para beneficiarse desta vantaxe debe abonalas tamén antes do 28 deste mes de febreiro. Os rapaces irán acompañados por membros da directiva da ANPA, que ademais ten susbrito un seguro de Responsabilidade Civil para calquera incidencia que puidera ocorrer.
O Parque de Sotavento recibe a máis de douscentos mil escolares cada ano tanto para coñecer as súas instalacións como as explicacións e actividades didácticas que realizan, co gran obxectivo de concienciar ós nosos cativos da importancia do coidado e respecto ó medio ambiente. Dispón dunha web onde ampliar información: www.sotaventogalicia.com

jueves, 21 de febrero de 2013

CONVOCATORIA SESIÓNS DE ASESORAMENTO


O pasado día 6 de febreiro, tal e como comentamos, realizamos unha sesión de asesoramento e orientación educativa familiar dirixida a pais e nais. Explicamos por qué decidimos levar a cabo este tipo de actividade. Estamos moi satisfeitos da resposta dos pais dos alumnos do Centro. A reunión tiña carácter aberto, como toma de contacto e recollida de sensibilidades ante a problemática detectada.

Agora, para abordar cuestións máis concretas de comportamentos ou hábitos de xeito máis personalizado, queremos levar a cabo unhas sesións a desenvolver en grupos moi reducidos. Todo se artellará en función do número de interesados e das dispoñibilidades horarias. Polo tanto, se algunha familia está interesada, debe cubrir o formulario entregado ós alumnos ou poñerse en contacto coa ANPA, ben falando con algún membro da directiva ou enviando unha mensaxe á dirección anpacaminosantiago@gmail.com .