sábado, 22 de diciembre de 2012

AGRADECEMENTOS POR UNHA EXITOSA XORNADA

Comezan as vacacións de Nadal para os nosos rapaces e fíxerono dun xeito instructivo pero de maneira divertida, lúdica. A ANPA decidiu, como xa contamos, organizar un concerto didáctico, cos ocorrentes e enérxicos membros de Odaiko. Realizaron dous pases, un para os máis pequenos e outro para os mozos. Tamén levamos os xogos que nos presentou a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ó recinto do CPI, para que os cativos puidesen aprender aquilo ó que xogaron seus avós, seus bisavós... e que non sen debe perder.
O éxito da xornada non sería posible sen as colaboracións. Ademais da de diferentes membros desta ANPA, a da directiva e mestres do colexio, á xente da AGXPT, ós integrantes de Odaiko e á Concellería de Cultura por cedernos o Centro Sociocultural Luis Seoane para a realización dos recitais. Axiña colgaremos máis fotos do que deu de sí unha xornada máxica.

 

martes, 18 de diciembre de 2012

BO NADAL DENDE A ANPA


lunes, 17 de diciembre de 2012

PARABÉNS A UN ALUMNO SOBRESAÍNTE

A ANPA do CPI Camiño de Santiago ten entre as súas premisas básicas de traballo a defensa a ultranza da educación pública. Nesta liña, apostamos por centros coma o noso para poder formar ós cativos de hoxe e adultos de mañán. Son moitas as persoas que, tras pasar polas aulas do colexio, realizaron importantes logros académicos. E a esa lista acaba de sumarse un veciño máis de O Pino, ex alumno do CPI, Alejandro Nieto, que vén de aprobar a súa tese con Sobresaínte Cum Laude. Este rapaz, natural de Arca, estudou no CPI, logo cursou Bacharelato no instituto das Fontiñas e máis tarde, realizou a carreira de Física na Universidade de Santiago. Tras rematar, incorporouse ó departamento de Electrónica da USC como investigador, ó tempo que impartía docencia no Campus. No ano 2010 Alejandro adscribiuse ó CITIUS, o Centro de Invstigación en Novas Tecnoloxías da Información da USC. Na tese pola que acaba de ser recoñecido, presentou un novo procesador de imaxes, máis rápido e eficiente que os actuais, aplicable a cámaras intelixents, sistemas de seguridade, mediciña...etc. O deseño xa está patentado e agora estúdase a súa comercialización.
Engadir tamén que o pouco tempo libre que ten Alejandro Nieto adícao á Banda de Música de Arca, á que pertence dende hai anos, xunto co seu irmán Hadrián. Os nosos parabéns, e agardemos que sexa un máis da longa lista de alumnos recoñecidos que pasaron polas aulas do CPI Camiño de Santiago. Poñemos este exemplo e, reiteramos, seguramente hai moitos máis. Dende aquí animamos a quen coñeza a alumnos con méritos, nolo faga saber para poder felicitalos e ó mesmo tempo, dar azos ós estudantes do colexio para seguir estas traxectorias.

miércoles, 12 de diciembre de 2012

XOGOS PARA CELEBRAR O NADAL

Tal e como adiantabamos onte, a ANPA do CPI Camiño de Santiago ten organizada unha nova xornada de xogos populares, desta volta para a última xornada lectiva antes das vacacións de Nadal. Será o día 21 deste mes de decembro, e a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, tal e como indicamos no anterior post, con sede en Arca-O Pino. Os xogos que se van realizar son: a rá, aros, tiro á lata, pescar botellas, arrastrar a tartaruga, haberá xogos con zancos, con corda, a mariola, tres en raia, o trompo, a chave, carrilanas e lanzamento de boina.
Os encargados serán profesionais da AGXPT, entre eles o mestre Paco Veiga, veciño do noso Concello, con libros publicados sobre os xogos populares e a súa recuperación. Damos xa de antemán as grazas a el e ós seus compañeiros pola súa vontade e colaboración.

martes, 11 de diciembre de 2012

NOVA XORNADA DE XOGOS TRADICIONAIS

Dado o éxito da primeira convocatoria realizada, e posto que a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ten a súa sede no noso concello, concretamente en Arca, apostamos por realizar outra actividade que teña ós xogos populares como protagonistas. Temos que salientar que se nos ofreceu unha extraordinaria colaboración por parte desta entidade, e dun dos seus artífices, o mestre Paco Veiga (tamén veciño de O Pino). El, non en van, leva publicados varios libros sobre os xogos tradicionais.
Polo de agora non temos unha data confirmada, pero será axiña. A nosa intención é que os rapaces aprendan aquilo co que xogaron seus avós-nalgúns xogos incluso seus pais-antes de que se perda. Que aprendan a compartir, e en definitiva, que reciban ensino dun xeito moi ameno e que os apaixona. Manterémosvos informados. De momento, deixamos o enlace á citada Asociación.
 

domingo, 9 de diciembre de 2012

CONCERTO DO GRUPO ODAIKO

Como indicamos en reunións e no noso compromiso á hora de levar as rendas desta ANPA, un dos nosos principais obxectivos é o de colaborar co CPI Camiño de Santiago na formación dos nosos rapaces, de cara a que ésta sexa o máis completa e multidisciplinar posible. Unha das nosas iniciativas é a de presentar ós rapaces un concerto didáctico, onde aprenden de xeito lúdico e divertido. A cita vai ser o venres, 21 de decembro, no Centro Sociocultural Luis Seoane. A ANPA, tras avaliar varias opcións e tendo en conta os concertos organizados en meses e anos anteriores, optou por contratar a Odaiko Percussion Group.
É un grupo cunha ampla experiencia xa neste tipo de iniciativas. O seu nome, odaiko, provén da denominación que se lle dá a unha das variandes do tradicional tambor xaponés, o taiko. Éste pode ter máis dun metro de diámetro e ata 1'5 de profundidade. Ás veces precísanse tres persoas para tocalo. Os concertos de Odaiko son moi espontáneos e buscan en todo momento a bidireccionalidade co público. É dicir, queren a activa particpación dos rapaces para que o ritmo non decaia e para que os cativos e os mozos descubran cómo a percusión, a maior familia de instrumentos, pode aunar ritmo e melodía.
A ANPA decidiu contratar dous pases, un para os rapaces máis pequenos e outro para os alumnos de máis idade. Agardamos que resulte didáctico e ó mesmo tempo, entretido. Se precisades máis información ou tendes curiosidade, éste é o enlace á web do grupo: http://www.odaiko.es/index.php

jueves, 6 de diciembre de 2012

ASEMBLEA E DATOS PARA ASOCIARSE

A directiva desta nova ANPA do CPI Camiño de Santiago quere dar as grazas a todos aqueles pais e nais que asistiron á convocatoria de asemblea de onte mércores. Estamos gratamente sorprendidos pola presenza de socios, e agardamos que cada vez sexan máis os proxenitores que se animan a vir ás convocatorias. Só escoitando, recollendo ideas, debatindo, podemos chegar a facer do centro un lugar mellor para os nosos fillos, participando de xeito activo na súa educación.
Pouco a pouco iremos contando iniciativas, como por exemplo o concerto que organizamos para este mes de decembro para os rapaces, ademais de saídas didácticas, seguir traballando na recuperación da memoria das nosas tradicións, etc. Sí queremos informar sobre  algunha cuestión básica da ANPA. Facerse socio/a custa unicamente 15€ por ano. Os socios da ANPA teñen un desconto en todas aquelas actividades organizadas por nós e que teñan un custo. Por exemplo, as clases que se imparten despois do xantar dos rapaces. Nestes intres, a ANPA está ofrecendo XADREZ, KÁRATE, introducción á MECANOGRAFÍA/INFORMÁTICA, ademais dun TALLER LÚDICO, clases de BAILE MODERNO, de DANZA e uns CONTACONTOS para os máis cativos a cargo dos magníficos profesionais de Títeres Cachirulo. Os socios da ANPA só pagan 7€ ó mes por alumno, mentres que os que non sexan socios, deben aboar 14€. Se alguén quere facerse socio, só ten que dicírnolo a algún dos membros da directiva, ou enviarnos un email a anpacaminosantiago@gmail.com e xa nos poñemos en contacto.

lunes, 3 de diciembre de 2012

XOGOS POPULARES PARA OS RAPACES

Unha das principais vontades desta ANPA, e así cremos que reside na súa esencia, é a de contribuir a complementar a formación que os nosos cativos e mozos reciben nas aulas do CPI Camiño de Santiago. Por iso xa temos medianamente formulado un plan de traballo, aberto e sempre recollendo as vontades de pais, nais, profesorado e alumnado, para camiñar nesa liña. Neste senso, cremos que as tradicións e os valores que moitos de  nós tiñamos de pequenos merecen tamén o seu protagonismo. Na era dos productos dixitais e da electrónica, consideramos de recibo que os rapaces adicasen unhas horas do seu tempo a coñecer e desfrutar con xogos populares que, por desgraza, están a caer no esquecemento. Realizouse o pasado 16 de novembro. Para iso, contactamos cun profesional, pertencente a"La Casa de los Juegos", que desprazou ó pavillón polideportivo diferentes xogos e asesorou ós rapaces sobre o seu uso e manexo. Queremos agradecer a excelente acollida que tivo a iniciativa, así como a colaboración do centro no seu desenvolvemento. E, se contribuimos a que os rapaces aprendesen, ademais de divertirse, xunto coa recuperación deste tipo de xogos, consideramos cumprido o obxectivo. Aquí vos deixamos algunhas imaxes da xornada.
 







 

sábado, 1 de diciembre de 2012

ASEMBLEA DA ANPA O MÉRCORES, 5 DE DECEMBRO

A ANPA do CPI Camiño de Santiago (Arca-O Pino) convoca ós seus socios a unha asemblea que vai ter lugar o mércores, día 5 de decembro, ás 17:30 horas, na Sala de Usos Múltiples do citado centro. A orde do día é a seguinte:

1.- Informacións sobre a LOGSE.
2.- Dar conta ós pais da creación dun blog da ANPA.
3.- Información sobre a xornada de xogos populares que tivo lugar o 16 de novembro.
4.- Actividades de cara ó Nadal.
5.- Información sobre posibles saídas durante o curso.
6.- Varios.
7.- Rogos e preguntas.

Agardamos a vosa presenza. Un saúdo,

A ANPA